Venres. 29.03.2024
El tiempo

A recuperación do Camiño das Peixeiras descobre outro Outeiro das Cacholas

A recuperación do Camiño das Peixeiras descobre outro Outeiro das Cacholas

Fermosa xornada de recuperación do Camiño das Peixeiras no Monte Pindo. A iniciativa que prantexaba Joaquín Pais coa axuda inestimable do mestre Pepe do Fieiro, e apoiada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, tivo esta fin de semana unha boa repercusión, e máis dunha ducia de veciños acodiron para limpar uns 500 metros do camiño.

Un camiño que utilizaban as veciñas e as peixeiras do Pindo, e do Fieiro e arredores para vender pola costa ou para viaxar a Cee, unha vez cruzado na barca antes de facerse a ponte que une O Pindo e o Ézaro.

Foi clave a memoria do mestre Pepe do Fieiro (terceiro pola esquerda na foto) para apuntar por onde percorría o sendeiro, pois nin se veía e houbo moito que desbrozar a golpe de fouciño.

Aínda quedan pois varias xornadas de desbroce, que en principio desenvolveranse os vindeiros domingos a partir das 9:30h dende a antiga canteira que hai do lado carnotán da ponte do Ézaro.

Novos achádegos no Camiño

E a xornada tivo premio ademais. O propio Joaquín Pais achéganos un novo descubrimento preto do roteiro das peixeiras. Trátase do que el mesmo chama o "Outeiro das cacholas", que mesmo ten algún furado que pasa dos 50 centimetros de profundidade.

Segundo nos conta, hai outro Outeiro semellante preto da praza do Pindo, que tamén leva ese nome. Sinala que "este tipo de erosión poder ser debido a un tipo de hongo ou de liquen que ataca a pedra". Lembra así que "fai uns anos uns científicos españois que colaboran ca NASA, estiveron no Pindo mirando o Outeiro das Cacholas por unha suposta relación coa superficie de Marte". Aí é nada.

Novas relacionadas

Outras novas relacionadas

Máis novas

Outras novas

Fonte

Comentarios