Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Xunta dá un paso adiante cara á declaración do Monte Pindo como Parque Natural

A Xunta dá un paso adiante cara á declaración do Monte Pindo como Parque Natural

A Asociación Monte Pindo Parque Natural saíu moi satisfeita da reunión mantida onte xoves 23 de febreiro de 2012, co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. De feito, os membros da entidade conservacionista califican o seu sentir traa xuntanza coas palabras "satisfacción e esperanza".

Hernández recibía en San Caetano a varios representantes do movemento social a favor do Parque Natural do Monte Pindo: Ramón Noceda, alcalde de Carnota; Serafín González, da SGHN; Fins Eirexas, de ADEGA; e Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, da propia Asociación.

Segundo sinalan dende a entidade, "o conselleiro quixo escoitar en profundidade os múltiples argumentos para defender a ideoneidade desta figura de protección no macizo carnotán". Ademais, indican que "Agustín Hernández amosou unha absoluta receptividade que cando menos modifica substancialmente a negativa mantida pola Xunta ata hai uns días".

Respaldo social

Se ben é certo que non o cen por cen da veciñanza dalgún lugar coma o do Pindo están a favor da declaración do Parque Natural, unha das razóns de maior peso é o respaldo co que conta neste momento a proposta. De feito, os asistentes apuntaron que "o futuro Parque Natural parte dunha situación sen precedentes: conta desde o inicio co respaldo do ecoloxismo pero tamén cun amplo apoio social: concellos, cidadáns, empresas e hostaleiros, etc.".

"Isto crea unhas potencialidades para o éxito do proxecto sen parangón noutros lugares e tamén garante que os veciños non só serán os máximos beneficiarios do Parque Natural, senón que poderán participar directa e activamente na toma de decisións sobre o mesmo", afirman.

Poñendo a base

O conselleiro recoñeceu que non coñecía determinadas premisas da reivindicación que en todo caso valorou moi positivamente, e propuxo establecer en adiante unha comunicación fluída cos axentes sociais que sirva para facilitarlle á consellería toda a información precisa sobre a iniciativa, de cara a asentar os primeiros alicerces da proposta.

A entidade, ademais de agradecer a predisposición do Conselleiro, agarda pois que "o encontro supoña o primeiro paso nun proceso que culmine ca declaración do primeiro parque natural da Costa da Morte".

Iso si, en principio, a manifestación do 14 de abril mantense en pé, á espera dos pasos da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Máis novas

Outras novas

Fonte

Comentarios