Mércores. 03.06.2020
El tiempo

A Xunta salienta ao Monte Pindo como un dos puntos xeolóxicos máis importantes do país

A Xunta salienta ao Monte Pindo como un dos puntos xeolóxicos máis importantes do país
Políticos diante dunha inmensa foto do Monte Pindo na exposicion Gallaecie Petrea

Parece que a Xunta segue na liña conservacionista para co Olimpo Celta que nos deixou ver hai uns meses. Se a comezos de febreiro o PP rexeitaba no Parlamento a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, a finais deses mesmo mes a Xunta recibía a unha expedición da Asociación MPPN e mais ao alcalde de Carnota para achegar posturas. Unha xuntanza que deixaba con bo sabor de boca aos proteccionistas, que voltaron con “satisfacción e esperanza”.

Esta semana, a Xunta amosaba de novo a súa admiración por esta mole granítica. A exposición "Gallaecia Petrea", promovida pola Consellería de Educación e Cultura, e que serve para inaugurar o Museo de Galicia, estará presidida durante 6 meses por unha imaxe xigante do Monte Pindo, que como nos contan dende a Asociación, "impón a súa presenza mística e sobrecolledora ao conxunto da exposición, do mesmo xeito que o fai fisicamente deste hai tempos inmemoriais a toda a Costa da Morte".

A imaxe, en branco e negro, mide 10 metros de longo por 1,5 metros de alto, e xa viu pasar por debaixo do cumio granítico de 350 millóns de anos de antigüidade a miles de persoas, entre eles os máximos responsábeis da súa futura declaración como Parque Natural, o Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Ademais, o Monte Pindo é salientado e valorado dun xeito especial noutros puntos da exposición asi como nos folletos impresos. Ningún outro accidente xeográfico do territorio galego conta con semellante proxección no evento, que novamente recoñece o Monte de Carnota como un dos puntos xeolóxicos máis importantes do país e do mundo.

Cómpre destacar que o organizador da exposición non é outro que Vidal Romaní, un amante do Olimpo Céltico.

Esperemos pois que estas loubanzas se convirtan en feitos.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

comentarios