Ana Pontón defende declarar o Monte Pindo como Parque Natural
08:07 17/08/16
A candidata do BNG a presidencia da Xunta visitou Cee e Carnota o pasado domingo
A candidata do BNG á presidencia da Xunta e portavoz nacional, Ana Pontón apelou - durante a súa visita a Cee e a Carnota que fixo o pasado domingo - necesidade de crear e poñer en marcha un “plan de desenvolvemento comarcal que contribúa a potenciar os recursos naturais”. Fixo fincapé no aproveitamento pesqueiro, medio ambiental e turístico, sempre desde o punto de vista da sustentabilidade.
“Non é lóxico que comarcas que contan cun potencial tan importante padezan unha crise xa estrutural e que non haxa ningún tipo de iniciativa por parte dos gobernos para crear emprego, mellorar os servizos públicos e incrementar a calidade de vida e as oportunidades nestas zonas”, expresou a candidata nacionalista.
Na súa visita á Costa da Morte, a candidata nacionalista puxo de manifesto que un dos eixos fundamentais do citado plan de desenvolvemento comarcal pasa por declarar o Monte Pindo parque natural. “A declaración, reivindicada pola veciñanza, suporía unha mellora dos investimentos e dos recursos para a creación de emprego”, explicou Ana Pontón, quen deu conta doutras experiencias que demostran que a declaración de Parque Natural significaría “un avance non só para Carnota, senón tamén para o resto da comarca, a nivel de dinamización social e turística”.
Lumes
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta chamou a superar “o modelo de abandono dos nosos montes para acabar cos lumes” e a “poñer en valor os nosos recursos”. Lembrou ao respecto o grave incendio que padeceu o Monte Pindo en 2013 e a desatención á que se viu sometida por parte da administración responsábel, a Xunta de Galiza. “A Xunta actuou con desleixo e mirou cara a outro lado”, denunciou Pontón. “A declaración de Parque Natural ten que ser o punto final dunha política de recuperación do monte e de posta en valor dos nosos recursos”, engadiu.
A portavoz do Bloque, que se referiu á veciñanza como pata fundamental do proceso, en que non poden faltar investimentos nin promoción para o coidado do medio natural, amosouse convencida do potencial da zona como elemento de vertebración social e económica.
Por último, Ana Pontón afirmou, en declaracións aos medios, que recolle unha luva importante desde o punto de vista da conservación do mar, “a necesidade de que remate o saneamento”. Lamentou que “levemos moito tempo vendo unha Xunta incapaz de finalizar esta actuación, que xa é eterna”.
Día da Galiza Mártir
Por outra parte, hoxe terá lugar ás 20 horas na praciña do Olvido de Cee un acto en lembraza dos galegos e galegas que morreron asasinados por defender os seus ideias. Intervirá o candidato pola Costa da Morte ao parlamento polo BNG - César Pérez - e a continuación actuarán Suso Bahamonde, María Lado, Álex López, Xaime Trillo, Leo Kch, Alan Louzán e Eloi Fraga.
Novas relacionadas
Máis novas do Monte Pindo
- O Monte Pindo xa ten a súa vasilla campaniforme
- As especies invasoras colonizan o Monte Pindo mil días despois do devastador incendio
- O Monte Pindo terá que esperar a despois das eleccións para que o declaren Parque Natural
- Esperanzas electoriais para un Parque Natural no Monte Pindo
- Novas hipóteses dan vida á Ermida do Monte Pindo.
- Reproducen unha vasilla de 7.000 anos atopada no Monte Pindo.
- O Simposium Monte Pindo analizou as novas oportunidades do futuro primeiro Parque Natural costeiro.
- A Universidade da Coruña apoia o Parque Natural no Monte Pindo.
- Con Pepe do Fieiro redescubrindo os tesouros do Monte Pindo.
- Galicia vístese de verde polo Monte Pindo.
- Un incendio arrasa o Monte Pindo e obriga a desaloxar varias aldeas de Carnota
- Redacción QPC ([email protected])
- BNG