Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Ariadna Moore, a nova recanteira do Luar ten acento carnotán

Ariadna Moore, a nova recanteira do Luar ten acento carnotán
A carnota Ariadna Moore representa a Costa da Morte no Recanteiros do Luar A carnotá Ariadna Moore representa a Costa da Morte no Recanteiros do Luar Segue a Costa da Morte sendo potencia en materia recanteira. Xa temos nova representante para o concurso de estrellas da canción do Luar. Chámase Ariadna Moore, é natural de Barcelona pero dende pequeniña vive en Carnota e así se lle recoñece polo acento. É ademais un claro exemplo da canteira da ESMU, como Xurxo Trillo, e xa estamos desexando vela o vindeiro venres 8 de decembro na segunda fase do concurso. Falamos así con esta catalana de “corazón costeiro” que representa á Costa da Morte no programa da TVG, como fixeron antano Christian Pensado, Iria Quintáns, Iria Bermúdez ou a traxicamente finada Paula Sueiro.   A carnota Ariadna Moore representa a Costa da Morte no Recanteiros do Luar 2 Ariadna Moore
  • QPC: Cando comezaches a cantar?
Comecei a cantar dende pequeniña cas películas de Disney, pero sempre na casa. Dábame moita vergoña que a xente me escoitase, de feito ía á Escola de Música de Carnota (ESMU) pero a clases de guitarra. E foi nunha desas clases cando estaba tocando a canción de Amaia Montero, a de "Quiero Ser", e lle dixera a meu profesor que eu sabía a letra. Insistiume en que lle cantase un pouco e conseguiu escoitarme uns versos! Logo recibín unha chamada súa ó día seguinte para que me acercase á escola porque me tiña unha sorpresa, e cando fun vin que me apuntara a clases de canto sen eu saber nada e xa me tiña preparado un grupo de música para comezar a cantar.  
  • QPC: Animoute alguén en especial?
Unha vez do primeiro empurrón do meu profesor, xa non parei. Pouco a pouco funme presentando a concursos e cástings e recibindo cada vez máis apoio da miña familia, amigos e coñecidos. Teño a sorte de ter uns pais que fixeron do meu soño algo seu tamén, e sempre me animaron a seguir adiante e a non rendirme por moitos "non" que recibira, para poder chegar algún día a ter o "si", coma o fixeron este ano en Luar ao darme esta oportunidade.  
  • QPC: Como te presentas ao Luar?
Presenteime ao Luar gracias ao meu amigo Christian Pensado, recanteiro da Costa da Morte na pasada edición, que foi quen me deu o empurrón final para decidirme, e que ben fixo! É a primeira vez que estou nun programa de televisión, cantando en directo diante de tantos espectadores e tendo que ser valorada por un xurado. Sempre da algo de medo, pero é a maior experiencia que conseguín ata agora e quero aproveitala ao máximo. Cada venres coñezo xente nova e aprendo moito de todos, tanto das valoracións dos profesionais do xurado coma das conversacións e consellos de detrás das cámaras. Estou agradecida ao programa e espero facelo o mellor que poida sempre, pois as ganas non me faltan. E deixar a Costa da Morte ben alto coma se merece!
  • QPC: Quen son @s teus ídol@s?
Hai moitos cantantes que me gustan, uns máis que outros, pero non podería escoller en concreto. Non escoito un só tipo de música, senón que intento sempre aprender de todo un pouco, de feito ata tiña proxectos con grupos de rock! E me gusta ir escollendo varios rasgos de diferentes artistas, pero sempre me chamaron máis a atención voces como as de Whitney Houston, Cèline Dion ou Mariah Carey, por exemplo.  
  • QPC: Que é o que máis che gusta cantar?
Como dixen, non teño estilo concreto. Intento aprender un pouco de todos, pero se tivera que definilo, me imaxino que me incluiría dentro do mundo do "pop". Mais nunca lle daría de lado a ningunha canción por moi difícil que fose. Sería todo un reto e sempre hai que dar eses pasos!  
  • QPC: Ata onde queres chegar no mundo da canción?
Eu teño o título de mestra en Educación Primaria, pero sempre quixen dedicarme á música e espero ir dando pasiños ata poder dedicarme a ela por completo. Non é un mundo fácil pero teño sempre presente o que me repetiron meus pais toda a vida: "con ganas, esforzo, ilusión, e humildade, sempre se chega lonxe". Penso que non hai mellor consello que ese. Hai que loitar polos soños e eso é o que quero saber que fixen na vida cando mire para atrás.  
  • QPC: Que outr@s recanteir@s da Costa da Morte seguiches con atención?
Pois tiven a sorte de coñecer a varios recanteiros da Costa da Morte e coincidir con eles en festivais e concursos de música a nivel local, pero sen dúbida destaco a Christian Pensado pola gran amizade que temos e porque é a quen lle tomei o relevo de representante da nosa zona. Sempre me está aconsellando para o concurso! Ademáis de outros recanteiros da edición pasada, como Lara Rodríguez, Bea Gómez, Antonio Barros, Miguel Arias, Diego Vivaldi, entre outros, cos que actuei nun festival benéfico o ano pasado e descubrín o grandes persoas que eran!   Sen máis, xa vos deixamos con ela e a súa primeira actuación no escenario da Galega, esperando á vindeira cita do 8 de decembro:

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios