Sábado. 30.05.2020
El tiempo

Artelixo escolar polo Día dos Océanos

Artelixo escolar polo Día dos Océanos
O Canto da Balea celebra o Día dos Océanos e o Día sen plástico cos escolares de Carnota

O próximo sábado 8 de xuño é o Día Mundial dos Océanos e o vindeiro 3 de xullo toca celebrar o Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico. E se varias entidades da zona xa se teñen adherido á Limpeza simultánea de Praias de Adega para o vindeiro sábado, por Carnota, os escolares terán unha semana enteira adicada ao coidado do noso mar.

Da man da xente de O Canto da Balea, os alumnos e alumnas de 5º e 6º curso do CEIP de Carnota disfrutarán de numerosas actividades, nun programa que funde estas dúas problemáticas mundiais e locais nunha xornada de reflexión e creatividade sobre o noso papel como consumidores e a repercusión que teñen os nosos hábitos de vida e de consumo sobre o medio ambiente.

"Nun concello como Carnota que vive principalmente dos recursos pesqueiros e posúe unha profunda tradición mariñeira, paga a pena defender e conservar o medio mariño", recoñece a súa organizadora Rita Pesqueira.

Así, durante a semana do 3 ao 8 de xuño realizaranse diferentes actividades como proxección de documentais, limpeza de praia e un concurso de “artelixo” no que os escolares serán os artistas que transformen o lixo en obras de arte, para concienciar á poboación sobre esta problemática, e reincidir na importancia da reciclaxe.

Xa o sábado día 8 ás 11h expoñeranse as obras “artelixo” no porto de Lira e ás 12h entregarase o premio.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios