Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Carnota abre o prazo de inscrición para o novo curso cultural e deportivo

Carnota abre o prazo de inscrición para o novo curso cultural e deportivo

O Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Carnota e a Axencia de Lectura Municipal infórmanos de que durante o curso escolar 2012-2013 haberá as seguintes actividades, para as que é preciso realizar unha inscrición previa durante o mes de setembro.

Concretamente os prazos de inscricións son os seguintes:

  • Escola de Música: ata o 14 de setembro de 2012.
  • Escolas Deportivas e Escolas de Fútbol: ata o 21 de setembro de 2012.
  • Curso de Informática e Venres Lúdicos: do 17 ao 28 de setembro de 2012.

Escolas Deportivas

Chega o inverno e con el os obxectivos que todos nos marcamos ao finalizar o verán: Empezar a facer deporte! Este curso a novidade a resaltar é que hai un cambio de monitor/a, volve María Lestón. Así poderedes apuntarvos as seguintes actividades:

  • Para os nenos/as: patinaxe (de 4 a 15 anos), psicomotricidade (3 a 6 anos), deportes de raqueta (6 a 14 anos), fútbol (dende a categoría prebenxamín) e taekwondo (a partir dos 4 anos).
  • Para os adultos: ximnasia de mantenemento: 2 horas á semana en Lamas De Castelo (en 3 quendas), en Lariño (2 quendas) e unha no Pindo.

Escola de Música

Nas instalacións do CEIP do Pindo impartiranse as clases de música. Ofertan clases grupais e individuais de Linguaxe Musical, Iniciación Musical, Música para adultos, Combos, Coral, Orquestra Orff, Harmonía e Composición, Coro infantil, Grupo de Música tradicional e unha gran variedade de instrumentos (guitarra, piano, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, saxofón, clarinete, gaita, pandeireta, percusión, batería, percusión tradicional, frauta, frauta traveseira e canto).

A partir dos 4 anos toda persoa pode apuntarse, aprender e gozar da música. O curso comeza o 1 de outubro de 2012 e remata o 21 de xuño de 2013. Os prezos son os que marca a ordenanza fiscal correspondente.

Curso de informática

Un ano máis, o Concello oferta clases de informática. Impartiranse clases de iniciación á informática, informática de nivel medio, internet e mecanografía.
Estes cursos desenvolveranse na aula de informática do Concello e están dirixidos a todas as persoas de 5 anos en adiante que estean interesadas nas novas tecnoloxías.

O curso comeza o 15 de outubro.

Venres Lúdicos

Venres Lúdicos é un programa de dinamización lectora dirixido a nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo da educación infantil (3-6 anos) e no primeiro ciclo da educación primaria (6-8 anos). Engloba actividades culturais de diversa índole (sesións de contacontos e obradoiros variados), orientadas a estimular o hábito lector na infancia e a achegar os nenos e as nenas participantes ao mundo do libro e da lectura dun xeito lúdico.

Para participar neste programa durante o curso 2012-2013 é preciso realizar unha inscrición previa no Concello. Ofertaranse 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, dándolles preferencia ás persoas empadroadas no concello de Carnota.

As actividades desenvolveranse na Axencia de Lectura Municipal todos os venres, de 17:30 h a 19:30 h. Comezarán o 19 de outubro de 2012 e rematarán o 14 de xuño de 2013.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.

Comentarios