Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Carnota revive o seu agro

Carnota revive o seu agro

Máis que interesante a proposta que nos contan hoxe dende o Concello de Carnota, na procura de poñer en marcha ideas de dinamización do agro, como a produción de horta ecolóxica, da que xa Quilmas é toda unha referencia na provincia.

Baixo o lema "Carnota: Marco de oportunidades no agro", o Concello está a pór en marcha unha serie de accións de dinamización para valorizar as terras do agro de Carnota. Terras que debido ao avance do seu abandono, se están a volver improdutivas, perdéndose desta maneira riqueza tanto vital coma económica.

Unhas propostas que o que pretenden é devolver á vida ao campo, coma toda a vida. Deste xeito mocidade que marchou, ou que está pensando en marchar, poder ter unha alternativa na horta da casa.

Obxectivos

Estas accións van encamiñadas a conservar os predios en boas condicións agronómicas de cara a diminuír o risco de incendios e mellorar a eficacia en canto á prevención dos lumes, así como a protección dos bens naturais e patrimoniais; frear a perda de superficies de aptitude agraria, coa intención de aumentar a riqueza xerada a través da posta en valor daquelas terras que contan con esa aptitude, e contribuír a manter o medio rural vivo e mellorar a súa calidade ambiental.
En definitiva, as actuacións que se van realizar teñen como obxecto último fixar poboación no territorio de forma sustentable, explícannos dende o Concello carnotán.

Causas

A perda de poboación foi unha das claves para que o Concello se puxese en marcha con estas iniciativas para revitalizar o tecido productivo. I é que nas derradeiras tres décadas Carnota perdeu a metade da poboación, hai altas taxas de desemprego e emigración, o envellecemento da poboación é unha realidade así como o abandono de superficies de aptitude agraria e o incremento do risco de incendios…
Lembran tamén que tampouco axudou a frear este proceso a lentitude (ou paralización) do proceso de concentración parcelaria (decreto do 1997 e a día de hoxe en bases provisionais).

Poñerse a producir

A idea está clara: "poñer de novo as ricas terras do noso concello a producir". I é que as terras cultivables de Carnota teñen un potencial produtivo que neste momento está sen aproveitar, e segundo o concello "a súa recuperación merece o esforzo de poñer en marcha un programa de desenvolvemento". Todo, coa idea de valorizar a terra, crear riqueza, xerar emprego e fixar poboación.

Apuntan que non estarán sós quen o intenten e que dende o Concello pretenden "fomentar así fomentar empresas rurais competitivas, con capacidade emprendedora, e promover o seu crecemento sostible e competitivo, tanto o das xa formadas como o das que están por formarse".

É tempo pois de aparcar o ordenador, volver a casa e poñerse a sachar.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios