Luns. 22.04.2019
El tiempo

Continúa o litixio entre agricultura ecolóxica e acuicultura en Quilmas

Continúa o litixio entre agricultura ecolóxica e acuicultura en Quilmas

Continúa o litixio en Quilmas entre a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa e a Stolt Sea Farm. Un litixio que levaba onte ao responsable da empresa piscícola, Pablo García, aos Xulgados de Muros, trala denuncia por suposta contaminación ás terras da cooperativa por metais pesados.

Insisten dende a Cooperativa que as filtracións dos tanques da granxa repercuten na produtividade das terras colindantes, e aseguran que teñen informes da Universidade que certifican a existencia de metais pesados nesas zonas, agora improdutivas.

Trátase dunha denuncia realizada hai 2 anos, pero ata que saíron resultados das analíticas non se admitiu a trámite a convocatoria do Directo Xeral de Stolt como imputado. Xosé Manuel Casais, presidente da Cooperativa, asegura que "agora non só contaminan o mar, se non tamén as leiras. O peor é que non sabemos se o trigo está ben para o consumo humano polo que non o podemos vender".

"A acuicultura non contamina"

Por parte da empresa, Pablo García asegura que "só repetimos a verdade, que a acuicultura non contamina e que nunca fixo nin fai verteduras nesa finca". O responsable da empresa recalcou que non teñen fugas, malia que dende a Raínha Lupa afirman que os tanques perden "e non hai máis que achegarse por alí para comprobalo".

García vai máis alá. "A empresa non verte nada, a auga vai perfectamente canalizada, e ademais non podemos verter a auga a 50 metros do linde. Eles amosan manchas na metade da finca pero aí non poden chegar as nosas tuberías, pois non temos ningún tubo subterráneo", tal e como afirman os membros da cooperativa.
"É todo un disparate publicitario", afirma García en relación a que detrás da denuncia está ADEGA: "É unha medida publicitaria dunha asociación que non lle gusta a acuicultura. A min que non lle guste me parece ben, pero non me parece tan ben que se inventen as proibas para desmotar unha empresa que leva 20 anos traballando sostiblemente e xerando emprego en Quilmas. A empresa nunca contaminou nin ten intención, porque a auga boa nos interesa. Como imos contaminar a propia auga que utilizamos?". Ademais, somos a primeira empresa con certificación ISO14000, e contamos con certificados anuais".

Permiso de vertedura

Así e todo, para o abogado Pedro Trepart, o máis importante foi que os responsables da piscifactoría "recoñeceron que dende o 96 ao 2008 non tiñan os permisos de verteduras, e polo tanto estiveron vertendo sen os controis periódicos que fai a administración".
Ademais, declarou tamén unha testemuña que cedeu os terreos á Cooperativa, e afirmou que os dous primeiros anos a empresa indemnizouna pola perda da colleita, pero que despois deixaron de facelo.

O litixio continúa para demostrar, ou non, por primeira vez, que as granxas piscícolas teñen un efecto contaminante sobre as terras colindantes.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios