Domingo. 05.07.2020
El tiempo

Monte Pindo: Parque Natural?

Monte Pindo: Parque Natural?

Podemos asegurar que a día de hoxe non hai unha soa persoa en toda a Costa da Morte que non coñeza o Monte Pindo. Algo que probablemente non se podería ter dito hai uns cantos anos, pero o traballo de dinamización, difusión, recuperación... das entidades sociais do Concello de Carnota e da Costa da Morte está sendo exemplar nos últimos tempos.
Non así a nivel turístico, xa que o Olimpo Celta segue tendo un papel secundario no sector, e moitos dos nosos visitantes marchan de volta tras pisar Fisterra sen saber que é esa impresionante mole de granito que hai ao outro lado do mar.

Hoxe queremos facer un pequeno resumo desta situación, algo convulsa, dos movementos arredor do Monte Pindo, e do plan de recuperación que prantexa a Asociación Monte Pindo Parque Natural, así como reflexionar sobre as cousas boas e malas que implica a súa conservación, e sobre as posicións encontradas da Plataforma e varios veciños.

I é que hai diferencias. Se ben a nivel asociativo, son máis de 100 entidades sociais as que apoian a catalogación, a nivel veciñal, nos útimos tempos estanse destapando xentes en contra do Parque Natural. Non son todos os veciños de Carnota, nin da Costa da Morte, nin son voces tan proliferantes como se puideron escoitar no seu día en Corrubedo, ou nos Ancares, pero un certo rexeitamento da veciñanza do Pindo, Caldebarcos ou Panchés está presente, como o puidemos comprobar na propia manifestación do 14A, onde apenas había veciños entre as 300 persoas que berraron por un Parque Natural Xa.

Un berro que tamén entonamos en QPC, que recoñecemos o noso posicionamento a favor da conservación e posta en valor do Monte, ao tempo que entendemos as inquedanzas e os medos dos veciños máis afectados.
E dicimos "máis", porque afectados somos todos, porque o Monte Pindo é algo que vai máis alá do termo municipal de Carnota, Mazaricos e Dumbría, que vai máis alá da Costa da Morte, e mesmo de Galicia.
Sabemos que non vai traer máis postos de traballo que unha canteira, dende logo, pero consideramos que serviría para colocalo no panorama turístico internacional (hai moita xente que prantexa as súas viaxes buscando os parques naturais máis cercanos) ademais de para protexelo de posibles afectacións como pode ser a desfeita no piñeiral da Moa, unha canteira ou un parque eólico, proxectos estes dous que non son unha utopía senón que están enriba da mesa da Xunta.

Os medos da poboación

O certo é que temos falado en numerosas ocasións (e nos gustaría facelo máis se cabe) con veciños do lugar do Pindo, de Caldebarcos... e entendemos os seus medos. A ninguén lle gustaría saber que no seu terreo non vai poder levantar unha casiña para o fillo ou un piso máis na súa propia; ou que non vai poder mover un marco para ampliar unha finca...
Por outra banda, pode que a veciñanza identifique demasiado a idea do Parque Natural cunha forza política, i é que ver máis bandeiras coa estrela vermella que do PNMP nunha manifestación ás veces só serve para xerar confusión e rexeitamento. Así e todo non podemos esquecer que os intereses políticos están en todo.

Daquela, se é necesario facer unha completa rolda de debates, ou mesmo un referendum entre a poboación de Carnota, Dumbría e O Pindo, pois que se faga. E habería que traer tamén xente de outras zonas afectadas, por exemplo de Corrubedo, pois non todo o pobo está en contra do Parque, e hai que é consciente que cada ano, gracias á catalogación, xa pasan case medio millón de persoas pola zona. Cantas pasan polo Monte Pindo? A realidade é que non o podemos saber.

Outras formas de dinamización

E non queremos esquecer, dende logo, todo o traballo que fan organizacións como ACDR Pedramar do Pindo, co seu completísimo Encontro Monte Pindo; a Confraría do Pindo coss súas VII Xornadas de Pesca do Pindo Mariño ou outras propostas veciñais como a recuperación do Camiño das Peixeiras.
Tampouco podemos pasar por alto a labor da Asociación Monte Pindo Parque Natural, coa recuperación de tesouros coma moedas medievais ou os estudios sobre o gran Castelo Monte Pindo.

Todas estas son iniciativas fantásticas, que defenden, divulgan e dinamizan este tesouro feito pedra. Pero consideramos que se realmente queremos convertilo nunha bandeira, nun foco de atracción turística a nivel mundial, é necesario unha serie de políticas a outra escala.
E potencial ten o Olimpo Celta. Simbolismo, misticismo, arqueoloxía, sendeirismo, natureza, virxinidade... son moitos os factores que crean deste espazo un lugar perfecto para presentar a Costa da Morte. E aí é onde cremos que unha catalogación internacional como a de Parque Natural sería unha peza clave.

Case dous anos de loita

Se ben a loita pola defensa do Monte Pindo vén de lonxe, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, foi creada en outubro de 2010, e nace da man de varios activistas de Carnota e de Galicia, entre eles ADEGA.
A día de hoxe xa teñen o apoio formal de máis de 100 asociacións de todo o país (tes na web a listaxe de apoios).
Ademais, BNG e PSOE apoian a candidatura, e os alcaldes de Carnota e Dumbría manifestaron o seu total apoio, sen que o voceiro do PSOE carnotán se sitúe demasiado.

O tema xa chegou ao Parlamento de Galicia en xaneiro deste 2012 sen demasiado éxito, pois a Proposición non de lei tratada na Comisión 7ª do Parlamento Galego en favor da protección e dinamización do Olimpo Celta de Otero Pedraio, saldouse con 5 votos a favor de BNG e PSOE fronte aos 7 votos en contra do PP.

Outro dos fitos que comentabamos foi a Manifestación do pasado 14 de abril, se cadra algo máis pequena do que se esperaba. Se ben fixo un día terrible, foron 300 persoas, e moitas chegadas dende A Coruña e Santiago, as que participaron na marcha. E de feito, do Pindo só contabilizamos 3 persoas, e os veciños da praza aínda tiveron arrestos para criticar aos que apoiaban a causa mentres se procedía á lectura do manifesto.

Así que aí tendes os comentarios para que nos acheguedes as vosas posicións.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios