Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os contos cheiran a Nadal en Carnota

Os contos cheiran a Nadal en Carnota
A pasada semana, a compañía Tarabelos, da man de Esteban Acuña, representou no salón de actos do Concello de Carnota o espectáculo infantil “A que cheiran os contos?”, organizado pola Axencia de Lectura Municipal no marco da programación cultural de Nadal. Trátase dunha adaptación de dous contos clásicos, Polgariña, de Andersen, e O gato con botas, dos irmáns Grimm, na que se combinan diversas técnicas teatrais, como monicreques xigantes, teatro de sombras, narración ilustrada ou monicreques de dedo. O espectáculo engaiolou a cativos e adultos con grandes doses de interactividade e unha rica escenografía.

Recital de panxoliñas

O mesmo xoves, ás 20:00 h, na Igrexa de San Mamede, celebrouse o recital de panxoliñas organizado pola Escola de Música. Empezou o acto cun pequeno discurso da directora da escola, agradecendo ó numeroso público (pois non había suficientes bancos para sentar a todos os asistentes), ao párroco, á concelleira de cultura e ó alcalde, por apoiar tódalas iniciativas, e falou tamén de que estaban representados alí todos os ámbitos musicais do pobo, posto que actuaron varios grupos de adolescentes, nenos solistas, coro infantil e orquesta orff, pianistas,… e as dúas corais polifónicas existentes no concello, a veterana e a nova formación da escola de música. A mensaxe foi clara: A música debe unir ás xentes. Recollido o guante, o director da Coral Polifónica de Carnota, acabou a súa actuación facendo unha fermosa proposta, cantar todos xuntos, a panxoliña “Noche de Paz”, ao que a outra coral aceptou gustosamente. Rematou así este recital, que foi todo un éxito de participación e de interpretación.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.

Comentarios