Xoves. 28.03.2024
El tiempo

8 de xullo, data da nova manifestación en Santiago contra a segregación de Ferroatlántica

8 de xullo, data da nova manifestación en Santiago contra a segregación de Ferroatlántica
Alcaldes da Costa da Morte co Comite de Ferroatlantica Alcaldes da Costa da Morte co Comite de Ferroatlántica 8 de xullo, data da nova folga e manifestación en Santiago contra a segregación de Ferroatlántica

Saíu o Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, cunha nova data para levar a loita ata Santiago trala reunión mantida esta mesma tarde de martes 30 de maio cos alcaldes da comarca. O vindeiro sábado 8 de xullo, as rúas compostelás vivirán unha nova xornada de unión para manifestar o rexeitamento dunha bisbarra enteira á segregación das actividades que pretende a empresa e para esixir da Xunta de Galicia a non autorización da mesma.

Dende a representación social faise un chamamento a toda a veciñanza da Costa da Morte a acudir masivamente ese a día á capital galega, "e demostrar así que a comarca nin está disposta a someterse á chantaxe de Villar Mir nin vai tolerar que a Xunta cometa unha ilegalidade e unha inxustiza coa nosa bisbarra”.

Ademais da folga e da manifestación, nos días previos, grupos de traballadores e traballadoras realizarán en varias etapas unha marcha a pé dende a fábrica de Brens até Santiago de Compostela. Está previsto que a andaina comece o xoves 5 en Cee e chegue á capital galega o sábado pola mañá.

A cita será o cumio dun novo calendario de accións reivindicativas, que tamén inclúe unha nova xornada de folga de 24 horas nas fábricas e nas centrais para o vindeiro sábado 8 de xullo.

Manifesto común

Foi produtiva a xuntanza cos alcaldes dos concellos de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota, Corcubión, Fisterra, Muxía, Zas e Camariñas, para abordar a situación actual e acordar unha fronte común de actuación. Comité e os alcaldes, ademais de consesuar as mobilizacións, asinaron un manifesto conxunto, que remitirán á Xunta de Galicia, no que amosan o rexeitamento á segregación das actividades e solicitan a non autorización da mesma. Ao tempo, alcaldes e Comité reclaman que os beneficios xerados pola explotación dos recursos naturais se reinvistan na comarca, porque "a industrialización e inversión na comarca é unha demanda histórica, de xustiza social pola espoliación dos nosos recursos naturais”.

No manifesto conxunto sublíñase que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única e é unha obriga legal, a pesar de que a empresa faga unha terxiversación da historia que vincula as dúas actividades, situándoa no ano 1992, momento no que Ferroatlántica (do Grupo Villar Mir) adquire o complexo industrial. Xa daquela, a empresa intentara a mesma operación de segregación de actividades, iniciando mesmo procesos xudiciais que derivaron nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo nas que ratificaban a vinculación das actividades, pois a concesión dos aproveitamentos hidráulicos vinculouse sempre a produción de ferroalixes para o mantemento dos postos de traballo.

Finalmente, reiteran que "a única garantía de emprego, como salvagarda do interese público, pasa por respectar o actual marco legal que non é outro que a vinculación das actividades de xeración eléctrica e ferroaliaxes".

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte

Comentarios