Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Comunidade educativa volve á rúa contra as Reválidas en Carballo, Cee e Muros

A Comunidade educativa volve á rúa contra as Reválidas en Carballo, Cee e Muros
Concentracion contra a LOMCE no IES Alfredo Branas de Carballo-Outubro 2016 Concentración contra a LOMCE no IES Alfredo Brañas de Carballo do pasado 20 de outubro Camiseta Non a LOMCE

Pasan os anos (dende 2012 leva a comunidade educativa na rúa), pasan eleccións tras eleccións, pero o mundo do ensino ten que seguir en loita contra a LOMCE. Unhas mobilizacións contra da LOMCE e as Reválidas que non paran durante este curso, e que comezaron o pasado 20 de outubro coas manifestacións nos centros de ensino.

E o fan dende varias perspectivas, pois coma vén sendo habitual neste país, é imposible conseguir a unidade sindical.

Por un lado, a activa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, comandada pola CIG-Ensino e da que forma parte a Federación de ANPAS da Costa da Morte, convoca concentracións para este mercores 26 de outubro nos seguintes puntos:

- Carballo: 20h, Praza do Concello.
- Cee: 20h, Praza 8 de Marzo.

 

Paralelamente a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (a versión estatal), integrada por CONFAPA-Galicia, Ensino-CCOO, UGT, SE, IESGA, Escola Viva, á que suma STEG, vén de convocar a toda a comunidade educativa a unha concentración en Muros, ás 12:00h, na Praza do Concello.

Non a LOMCE en Muros  

Manifesto “Non ás Reválidas” da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

O estabelecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responden, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades.

É unha tiranía exixirlle ao alumnado que se xogue o seu futuro académico co resultado dunha reválida. É unha aberración, desde o punto de vista pedagóxico, sometelo a unha presión innecesaria, mediante probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e actitudes do alumnado.

Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical e refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado.

Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.

Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.

Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará totalmente sometido e condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha formación o máis completa posíbel.

Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos.

Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.

Continúan cunha desconsideración absoluta co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, co profesorado que o atende e coas súas familias, deixando á improvisación todo o relacionado coa organización das probas para este colectivo.

- Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios