Venres. 29.03.2024
El tiempo

Cartas ao director: Das cousas do progreso

Cartas ao director: Das cousas do progreso
Imaxe de Lires Imaxe de Lires Vaia por diante que das cousas sinxelas e belas que ten a vida. Unha na que gozo especialmente é cando baixo á praia de Lires en bici unha tarde solleira calquera. Digo isto porque tal vez esta querenza faga da miña opinión pouco obxectiva e errada. Pode ser. Cousa habitual dos nosos “xestorciños” é mandar mensaxes de optimismo. Será que estamos fartos de malas novas ou tal vez sexa coa intención de xustificar os seus postos. O caso é que nos regalan os ouvidos con frases tipo: estamos avanzando, a economía medra, os niveis de consumo recupéranse, estanse a facer moitas cousas, progresamos… Mais, realmente progresamos? Pedalada a pedalada no meu andar camiño da praia vexo cousas que non me cadran e póñome a cavilar. No fondo da ría vexo unha depuradora feita fai ben pouco que verte a unha ría de augas contaminadas. Ría que non fai tantos anos, segundo contan os vellos do lugar, foi sustento para as familias máis humildes da aldea que atopaban no peixe un modo de escapar da fame. Que contamina a ría? Será a depuradora parte do problema? de ser así, Para que se fixo? a quen beneficia? Isto é progreso? Continuando o meu andar vexo o precioso monte Neme cheo de muíños de vento. Venme á memoria a nova dos veciños de Muxía descontentos polas expropiacións dos terreos. Tamén penso nas consecuencias negativas que pode ter para o turismo. Por certo, fonte de ingresos moi importante para cada vez máis familias da contorna. Ummmm… non sei, non sei. Realmente precisamos producir máis electricidade? Non sería mellor reducir o consumo? Non din que “a Enerxía máis limpa é a que non se gasta”? A quen beneficia este proxecto? U-lo progreso? Por último, chego a praia coa retina chea de imaxes dos moitos desperfectos que hai na nova Senda do Litoral de Lires que, tres anos despois da súa inauguración, sugue o acelerado proceso de derrube. Propiciado, entre outras cousas, polo nulo mantemento do mesmo. Para que se gastaron 166.000 euros nisto? Para facer isto, non sería mellor deixalo como estaba? Quen foi o beneficiado directo desta actuación? Progresamos? Os responsábeis destas actuacións son, baixo o meu punto de vista, os principais beneficiados das mesmas. Os nosos xestorciños do común que, no seu afán de cortan cintas, descubrir placas, facer inauguracións e saír na prensa, son culpábeis de malgastar diñeiro público en obras innecesarias, inadecuadas e incluso lesivas co medio ambiente. Sendo ademais cómplices das grande multinacionais que aproveitan a situación para facer cartos, que diso se trata. O de menos é si estas actuacións son realmente necesarias, si solucionan os problemas ou os empeoran, si beneficia ou non ó negocio turístico da comarca ou valen para algo. Que máis dá si estamos a desvestir un santo para vestir outro. Todo iso queda nun segundo plano. Para mudar esta realidade cómpre buscar outro perfil de gobernantes, que os hai, cun pensar radicalmente novo, transformador, didáctico. Que falen de maneira diferente. Que lembren que non só somos propietarios dos recursos naturais actuais, senón tamén depositarios dos mesmos para as xeracións vindeiras e por tanto traballen para preservalos. Que recorden que os recursos públicos son limitados por definición, así que hai que priorizar o gasto en actuacións realmente necesarias e eficaces. Sen malgastar. Que digan que os recursos enerxéticos tamén son limitados, así que hai que reducir o consumo en non aumentar a produción para así seguir a gastar e gastar (pero coa conciencia tranquila porque seica agora son enerxías verdes). Que rachen co dogma do beneficioso crecemento perpetuo da economía, a produción, o consumo,... e nos recorden o evidente: que nada disto poden medrar eternamente de maneira exponencial ata o infinito nun mundo grande si, pero finito. Que non nos enganen falándonos do que queremos ouvir senón da realidade, por crúa que sexa. Xestores valentes, traballadores, humildes, con sentidiño,... Sen “postureos” nin brindes ó sol. Busquémolos logo.  
  • Xavier Durán Sánchez.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/as-7-praias-da-costa-da-morte-onde-non-te-debes-banar-este-veran/

Outras cartas de Xavier Durán

Comentarios