Martes. 19.03.2019
El tiempo

Os Cines de Cee, en perigo de extinción

Os Cines de Cee, en perigo de extinción

Son os únicos Cines da Costa da Morte ao sur de Carballo. Son, a verdade, nestes tempos que corren, un privilexio para Cee e para a Costa da Morte. Pero os cines A Xunqueira, de Cee, están en perigo de extinción.

A empresa que xestionaba o aluguer do local dos cines, Capitol Center, vén de rescindir o contrato co concello, propietario de parte dos locais o Centro Comercial Finisterrae. Agora, Capitol Center queda coa xestión dos locais da comunidade de propietarios, pero tivo que liberarse do gasto que lle supuñan os cines.

“A empresa non pode seguir pagando o déficit que provocan os cines”, explica o seu responsable Demetrio Casais. “Capitol Center leva moitos anos perdendo 24.000€ para que Cee siga tendo cines, e cremos que se alguén ten que subvencionar este servizo, ten que ser unha administración pública”.

De aí que a empresa lle propuxera ao Concello rebaixar un aluguer que xa levan anos denunciando como irregular porque ten un prezo do metro cadrado igual que o resto de locais, a pesar da ampla superficie alugada, e de que o contrato ten unha vinculación directa coa proxección cinematográfica. “Non poden cobrar o mesmo o m2 nun local de 50 que nun de 500m2, e ademais tampouco poderíamos traer un Primark a ese local porque ten un uso concreto vinculado”, explica.

”A problemática xa se debería ter corrixido hai tempo, pero o tempo vai pasando e non hai movementos. Nos levamos moito tempo sacando cartos doutros negocios para manter o servizo, pero non dá para máis. Eu quero que haia cines en Cee, porque é importante para Cee, para o Centro Comercial, porque afecta ao resto de inquilinos cos que se seguimos traballando, pero non podiamos aguantar máis”.

De aí que a empresa rescindise o contrato co Concello, e será agora o Concello, que tiña todo o choio feito, o que xestione o aluguer tanto dos cines como doutros locais que ían asociados no contrato, como son os de Millave, Mistic, Colonial… Uns locais que deben ficar tranquilos, pois os contratos se manteñen perfectamente en vigor.

Boa afluencia

En todo caso, e aínda que pareza que non hai moito movemento en días de semana, os cines están contentos en Cee e non teñen ningunha presa por marchar. Gran Vía, con cines en Lugo, Vigo e A Coruña, conta uns 35.000 espectadores ao ano nos cines costeiros, unha cifra que non se pode comparar coas das das cidades, pero que si que é positiva. Ademais acaban de dixitalizar a proxección, investimento que aínda non está amortizado.

Se ben aínda non recibiron ningunha comunicación oficial, contan con manter o contrato tal e como está. “Nós a día de hoxe estamos contentos; co contrato que temos imos tirando. Pero claro, se pasamos a pagar máis do doble no aluguer a cousa cambiaría”, sinalan dende a empresa, deixando patente que aínda non teñen confirmación oficial da rescisión do convenio entre Capitol e Concello.

O futuro

Casais teno claro, hai marxe pois o concello cobra os alugueres a ano vencido, polo que ata que final de ano se podería negociar como podería ser esa liquidación. Pero… “se en decembro lle cobra 28.000€ ao cine, en xaneiro os cines xa non están. Eu creo que o Concello debe asumir non gañar tantos cartos a costa dos cines para manter o servizo”, sentenza.

En todo caso, Demetrio Casais quere deixar claro que “é unha pena que isto coincida co ano electoral, e espero que non se utilice o Centro Comercial como arma electoral, porque nunca pasou, e sería unha pena que así acontecese, unha vez que nós temos toda a intención de negociar co Concello, e deixamos claro que non hai un conflito, nin pretendemos que o haia, entre Capitol Center e o Concello”.

Comentarios