Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Denuncian novos vertidos de escouras de Ferroatlántica coa conivencia da Xunta

Denuncian novos vertidos de escouras de Ferroatlántica coa conivencia da Xunta

A entidade conservacionista Verdegaia vén de detectar un novo soterramento de mais de 70.000 m3 de escouras de ferroaliaxes na canteira de Santa Lucia de Carballo procedentes da fábrica da Ferroatlántica en Cee. Un caso semellante ao que acontecera na canteira de Brea aló polo 2009 ademais de ser un exemplo do "mal costume" desta empresa de arrombar estas "pedras verdes" en pistas, leiras, e montes da toda a contorna, como a mesma praia do Restrelo.

Verdegaia denuncia ademais que os verquidos realízanse coa conivencia da Xunta unha vez que asegura está a "blindar o acceso aos expedientes de residuos, mentres empresas como a Ferroatlántica están a aproveitar para faceren verteduras masivas de residuos contaminantes ao noso medio natural sen autorización algunha e con total impunidade".

Resposta de Ferroatlántica

Inmediatamente a empresa Ferroatlántica envía aclaracións á denuncia de Verdegaia, que considera "absolutamente infundada". A empresa multinacional quere apuntar os seguintes apuntamentos:

  • A escoria de silicomanganeso está clasificada oficialmente como "residuo non perigoso inerte", dacordo á lexislación española isto significa que dito material "non supón un risco para a saúde humana nin o medio ambiente", o cal foi demostrado nas exhaustivas análises realizadas, ratificados polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia
  • Tanto a lexislación autonómica como a nacional recoñecen a súa consideración como materia prima secundaria e, como tal, pode ser utilizada nos sectores de construción e cemento, cumprindo cos requisitos para non ser considerada como residuo.

Potencial tóxico "demostrado"

Afirman dende Verdegaia que "estas escouras teñen un importante contido en hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) (Informes Xunta CCMM 2004 e LMAG 2006) que son substancias canceríxenas e xenotóxicas (Reg CE 1881/2006) e a súa produción está considerada na lexislación española como unha actividade potencialmente contaminante para o solo (RD 9/2005)".

Lembran que "cando a Ferroatlántica botaba as escouras na contorna da ría de Corcubión, o marisqueo estivo prohibido por térense atinxido niveis dos HAPs canceríxenos de 7102 ug/Kg, 35 veces superior ao máximo admitido pola AESAN para o consumo humano (Informe Xunta CCMM 2004). En anteriores intentos de vertedura en canteiras, o chan chegou a acadar 7 veces o nivel de referencia para a protección da a saúde humana e 46 veces o nivel de referencia para garantir o equilibro dos sistemas naturais (Analíticas Xunta LMAG 2006)".

Nunha recente visita á canteira de Santa Lucía, Verdegaia ven de constatar como o monte do Petón de Santa Lucía ven de se converter nunha enorme "meseta" de 13 ha que agocha máis de 75.000 tm das escouras contaminantes. Os lixiviados -portadores dos tóxicos (Informe CE SCF/CS/CNTM/PAH/29), con altísimo contido en manganés e fortemente acidificados (pH=3,74) canalízanse ás leiras da contorna e ao río Rosende con dúas piscifactorías de troita na proximidade, e que vai desembocar na ría de Corme e Laxe.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios