Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Educación Básica Inicial: Unha experiencia de aprendizaxe e integración no IES Fernando Blanco

Alumnos nixerianos do IES Fernando Blanco
Yatma e Senabou son alumnos senegaleses do IES Fernando Blanco
A Educación Básica Inicial: Unha experiencia de aprendizaxe e integración no IES Fernando Blanco
Yatma é un mozo senegalés veciño de Fisterra. Deixou o seu país hai apenas uns meses para se reunir co seu pai, procurar un futuro certo, unha vida digna. Todo é diferente e novo para el neste novo mundo. Empezando pola lingua, polas dificultades na comunicación. El só fala wólof. Desde o día seguinte da súa chegada, Yatma acode ás clases de Educación Básica Inicial no IES Fernando Blanco para aprender o idioma. Pouco a pouco, día a día, letra a letra, Yatma vai adquirindo destrezas e habilidades comunicativas da man da súa inseparable profesora, Chicha. A Yatma gústalle moito o fútbol e di que é do Barça. Yatma saúda sempre con bondade nos ollos e alegría no corazón, e aprende do mesmo xeito.

As Ensinanzas Básicas Iniciais, as EBI, son unha porta aberta á integración. Hai uns anos, a súa principal función era a alfabetización primeira de persoas que no seu momento non tiveron acceso á educación regrada: lectoescritura, operacións matemáticas básicas... E así segue sendo. Só que non últimos anos o perfil do alumnado está a mudar. Cada vez son máis os e as inmigrantes que se achegan a estas ensinanzas co obxectivo de aprender (ou perfeccionar) o castelán e tamén o galego. Unha porta aberta, porque non se requiren estudos previos, nin expedientes académicos, nin siquera hai un prazo de matrícula. As EBIs están abertas durante todo o curso escolar e teñen unha gran flexibilidade horaria.

Son porta aberta e son integración. O alumnado é diverso na súa procedencia, na súa idade, nas mochilas que cada un trae consigo. Pero a aula exerce o seu papel máis nobre. A aula, as clases, o instituto convértense nun punto de encontro, nunha referencia de intercambio e aprendizaxe. Aprendermos xuntos, uns dos outros.

Ao igual que Yatma, Abdul tamén é senegalés. O caso de Abdul é un exemplo de perseverancia e esforzo. Leva moitos anos en España, traballando arreo. Fala un castelán envexable. Porén, para tratar de conseguir a nacionalidade, Abdul tivo que examinarse dunha dura proba de Coñecementos socioculturais e constitucionais que poucos españois aprobarían, así como dunha proba de nivel de idioma moi esixente. Preparou ambas as probas nas Ensinanzas Básicas Iniciais e superounas satisfactoriamente.

Portas abertas e integración deixan de ser palabras baleiras. Porque integrar é incorporar, axudar a conseguir. Andreas é un home alemán de mediana idade. Leva un tempo vivindo en Cee e, aínda que se desenvolve en castelán con bastante autonomía, procura formación dixital e acceso ás novas tecnoloxías. É un exemplo de constancia e progreso.

Senabou, Yatma e Andreas alumnos do IES Fernando Blanco
Senabou, Yatma e Andreas

E Marieme e Senabou, senegalesas con moi boa preparación previa en francés, o que facilita a súa evolución na adquisición do idioma. Ou Khadim, senegalés tamén, sempre cun sorriso e cun saúdo amable, aprendendo de maneira entusiasta. E a desbordante alegría de Bilal, paquistaní amigo de todos.

Cidadá do mundo, Herminia naceu en Colombia e traballou toda a vida en Estados Unidos. Xa xubilada, vive en Cee e voltou á escola á que de nena non puido ir. Ou Marilú e Esperanza, tamén colombianas, que buscaron aprender a nosa lingua con respecto e amor. Xa case é noite e Yatma apaga o seu ordenador. Despídese da súa mestra, Chicha, que en poucos meses, se foi convertendo nunha referencia imprescindible, nun vínculo, nunha man que te axuda a pasar a ponte.

As Ensinanzas Básicas Iniciais do IES Fernando Blanco, e en xeral as Ensinanzas de Adultos, amosan o lado máis humano e fermoso da educación. Poñen o foco directamente na persoa e nas súas necesidades. No ensino son importantes as normas, os decretos, as metas curriculares. Pero a meta máis importante é reconciliarse co ser humano, varrer fronteiras coa educación. Nada hai nada máis gratificante.

  • Serxio Iglesias. Xefatura de estudos de Educación para as Persoas Adultas.

Novas relacionadas

Comentarios