Martes. 19.03.2024
El tiempo

Espazo Carabullo, un novo espazo de creación e traballo compartido en Cee 

  • O Espazo Carabullo vén de abrir as súas portas a pasada semana na Avenida de Fisterra, en Cee, e alberga a nova sede pública de QPC.
Espazo_Carabullo
O Espazo Carabullo está situado na Avda. Fisterra, 147 en Cee
Espazo Carabullo, un novo espazo de creación e traballo compartido en Cee 

Logo espazo carabulloComo profesional independente, apostar por unha iniciativa como o Espazo Carabullo permite ter unha zona de traballo propia, contar con equipamentos comúns e supón un aforro de custes, pero tamén é a mellor forma de combater a soidade laboral dos traballadores autónomos e sentirse parte dun equipo ou dunha comunidade.

O Espazo Carabullo ten a vocación tamén de ser un punto de encontro para profesionais da zona, estando aberto a todo tipo de iniciativas que se poidan desenvolver nel (presentacións, charlas, cursos, etc.). 

A axenda do Espazo Carabullo conta con dúas actividades relacionadas co márketing e a comunicación en redes sociais que terán lugar a finais de setembro e principios de outubro. Esta axenda irá completándose con outro tipo de eventos nos vindeiros meses. É un espazo pensado para compartir e xerar ideas conxuntas que poidan ser o xermolo de novos proxectos e iniciativas. 

O Espazo Carabullo arranca como sede de catro proxectos, aínda que está aberto á incorporación doutros profesionais interesados en desenvolver a súa actividade nun entorno comunitario e de colaboración.

Marcos Rodríguez. Fotógrafo. Leva dende 2009 exercendo como profesional da fotografía en Cee e a cámara de Marcos foi durante estes anos testemuña dos acontecementos sociais e culturais da comarca. O seu traballo transcende as fronteiras nacionais, contando con varios e importantes recoñecementos a nivel internacional.

Javi Mosquera. JaviMos é un profesional da comunicación especializado en redes sociais e en todo o que teña que ver con tendencias de Internet. Traballa, dende a Costa da Morte, para proxectos en Galicia e fóra de Galicia, sempre tentando sorprender con iniciativas diferentes e orientadas a conseguir a máxima visibilidade.

Que pasa na Costa. O diario dixital da Costa da Morte que centraliza na rede toda a actualidade social, política, cultural e deportiva da bisbarra. Unha iniciativa que dende o 2007 está comprometida co territorio e que conta cun pequeno equipo de redacción e ca colaboración de máis dun centenar de veciños que achegan información a diario para o xornal.

Arela. Comunicación Sostible. Profesionais da comunicación e o marketing online que traballan ca filosofía de que os proxectos dos seus clientes vaian medrando pouco a pouco, tirando o maior proveito dos recursos cos que contan e apostando polo marketing sostible en todas as súas facetas.

Propostas formativas no Espazo Carabullo

Comentarios