Venres. 19.04.2024
El tiempo

Que foi do C3M, o epicentro da revolución dixital da Costa da Morte?

Estado actual do Edificio Centro de Conecemento de Cee
Estado actual do Edificio do que ía ser o Centro de Coñecemento de Cee, que a día de hoxe é propiedade privada
Que foi do C3M, o epicentro da revolución dixital da Costa da Morte?

Estaba chamado a ser a gran revolución que puxera a Costa da Morte no epicentro das novas tecnoloxías de Galicia. As miras da Asociación Neria, dos Xan García, Pichurri ou Ramón Vigo, aínda eran altas naquel esperanzador 2011. A crise non afectaba á “entidade supramunicipal”, que contaba cun investimento 1,2 millóns de euros aportados pola Deputación e o Ministerio de Industrial, ambos en mans socialistas.

Presentacion do c3M 3
Responsables da Xunta, Ministerio, Deputación, Concello de Cee e Neria presentes na presentación oficial do C3M en 2011

1,2 millóns de euros para convertir o Centro de Coñecemento (ou C3M) nun “edificio versátil, funcional”, “un lugar vivo, dinamizador, con diversidade de actuacións”, que servise de activador da economía dixital na comarca, dirixido por un xerente con “ampla” experiencia no sector das NNTT: o propio Xan García.

1,2 millóns de euros que, teoricamente, se esgotaron en varias fases: a redacción dun proxecto completísimo realizado por unha consultora; a compra do edificio, tasado en 300.000€; a contratación, sen apenas publicidade, dun ano de 3 persoas afíns, que ofrecían información sobre o “futuro” centro nunha caseta de obra convertida en oficina de información itinerante; e a reforma da parte exterior do edificio, situado na Rúa da Magdalena, que custaría arredor dos 300.000€.

Maqueta do C3M
Maqueta do C3M

A partir de aí, comezaron os retrasos. De primeiras ía as súas portas en xuño de 2011. Ese mesmo mes xuño as obras do edificio non estaban nin comezadas, pero pronto comezaban a traballar. En decembro de 2012 aseguraban que o C3M estaría operativo en marzo de 2013, e que só faltaban 18.000€ para “pintura e outros remates no piso”.

Eran anos de crise, e eses 18.000 non chegaban, mentres a Neria denunciaba ao Concello de Cee e á Deputación a falta deses fondos, ao tempo que comezaba a ser denunciada por adxucacións ilegais como os Batáns do Mosquetín. Tamén se descoñece o paradoiro dos 360.000€ que o Plan Avanza lle outorgou par identificar ata 200 puntos de interese con códigos QR

Ata que a entidade se declarou en quebra, despois de 22 anos xestionando millóns de euros en fondos públicos para a nosa comarca, con numerosas irregularidades como denunciaba unha ex traballadora publicamente.

Mentres os varios concellos se foron desvinculando (o último o Concello de Cee no pleno de agosto), pasaron xa 3 anos dende que os responsables de Neria pasaron polo Xulgado por posible fraude no C3M, pero parece que non vai haber responsabilidades xurídicas, máis alá de que o edicifio pasou a mans da empresa que fixo a reforma.

Germán Mouzo foi facendo a obra, pero Neria deixou de pagar. Mouzo denunciou a entidade, e gañou, en dous pleitos, polo que a xustiza deulle a propiedade do edificio. Agora a intención do construtor é vender o edificio (tasado a día de hoxe en 450.000€), ese edificio que nalgún momento estaba chamado a ser o corazón da revolución dixital da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Comentarios