Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Museo Fernando Blanco gozou dun verán familiar

De visita ao Museo Fer Blanco
De visita ao Museo Fer Blanco
O Museo Fernando Blanco gozou dun verán familiar

A pasada semana remataba a actividade “Coñece o teu pobo” organizada pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo Concello de Cee. Cada xoves de verán, diferentes grupos tiveron a oportunidade de recibir unha visita guiada no Museo Fernando Blanco e no xardín botánico e capela do centenario instituto da vila da Xunqueira.

Participaron na actividade un total de 125 persoas, que non puideron ser máis debido ás restricións por mor da situación pandémica que estamos a vivir. Dos 125 participantes, 83 foron galegos, 41 do resto do estado e 1 belga.

Algúns coñecedores, e outros non, de quen foi Fernando Blanco de Lema e do seu impagable legado, todos tiveron a oportunidade de mergullarse no Cee de finais do século XVIII (cando nace o fundador) e facer unha viaxe no tempo ata o Cee do 2021, pois hoxe a súa pegada segue a estar moi viva a través dos dous edificios, Instituto e Museo, nacidos froito da súa xenerosidade.

Dende o Museo, ademais de admirar os óleos do gran Federico de Madrazo ou de coñecer unha das principais coleccións de material didáctico e científico de Galicia, Darío Areas fixo especial fincapé na difícil vida dos que habitaban o rural galego en tempos pasados e de como, dende moi novos, tiñan que deixar todo atrás para tratar de labrarse un futuro mellor alén mar; do capital papel que Fernando Blanco tivo no desenvolvemento educativo e cultural de Cee e da contorna, e, por extensión, fíxose referencia ás mais de 300 escolas que a emigración galega financiou na nosa terra; e incidiuse, por suposto, na fortuna de que unha pequena vila como a nosa contara cun centro educativo equiparable aos mais avanzados que había no país naquel entón no relativo a instalacións, material didáctico e profesorado.

Visita no Museo Fer Blanco

Gratificante foron tamén, con sol, orballo ou días grises, que de todo houbo, os paseos polo xardín botánico do IES Fernando Blanco, prestando especial atención aos exemplares centenarios de abeto grego, abeto do Cáucaso, cedro do Líbano ou cedro do Atlas, pero tamén a árbores curiosos como a sobreira, a araucaria, o magnolio ou o teixo irlandés entre outros.
E por último a visita á capela do Instituto, dedicada a San Fernando (Fernando III o Santo, pai de Alfonso X O Sabio), un lugar especial, independentemente do fervor relixioso de cadaquén, polo feito de quen alí repousa.

Visitas especiais

familia especial no Museo Fer Blanco

Houbo ademais certas visitas nas que a emotividade foi protagonista. Como o día no que estaba presente un rapaz de Madrid descendente da saga da familia de grandes pintores de apelido Madrazo (no Museo hai expostos 6 óleos do prestixioso Federico de Madrazo). No outro grupo do mesmo día estaba presente un pintor que visita tódolos anos o Museo, e que ten entre os seus ídolos precisamente a Federico de Madrazo. Cando se uniron os grupos no xardín no Instituto, e se coñeceron, foi un momento realmente máxico.

Comentarios