Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O BNG de Laxe e de Cee apoia aos traballos de Alcoa e pide a rebaixa do IVE e unha Tarifa Eléctrica Galega

O BNG de Laxe e de Cee apoia aos traballos de Alcoa e pide a rebaixa do IVE e unha Tarifa Eléctrica Galega
A CIG concentrouse diante da Ferroatlantica por unha Tarifa Electrica Galega A CIG concentrouse xa en 2014 diante da Ferroatlántica por unha Tarifa Electrica Galega

O terremoto social que está provocando o peche de Alcoa chega ata a nosa bisbarra. Xa amosaron o seu apoio os membros da CIG de Ferroatlántica e hoxe tócalle ao voceiro do BNG de Laxe levar unha moción ao pleno. Fará o propio o BNG de Cee a través do seu voceiro Serxio Domínguez.

os voceiros do BNG lémbranse de varios traballadores da fábrica herculina veciños de Laxe e da vila da Xunqueira, e valoran que a consumación do peche tería un enorme impacto na cidade e na súa contorna, ademáis de contribuír á perda de tecido industrial en Galicia.

Pose Lema que “unha das razóns fundamentais do peche vén sendo o prezo da factura da luz, que supón máis do 40% dos custos de produción. Unha evidencia máis da necesidade de mudar o sistema de poxas de interrompibilidade por un marco máis estábel, demanda tamén do propio sector electrointensivo, así como promover unha tarifa eléctrica galega que dea vantaxes competitivas ás empresas radicadas no noso país, como se vén de facer en Euskadi”, explica.

Por iso vai presentar dúas mocións, unha de expreso apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa e ás súas mobilizacións, instando á Xunta “á realización de todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo de Alcoa en Galicia, solicitando inmediatamente da multinacional a retirada do ERE de extinción de emprego; promovendo unha mesa de negociación, e negociando co goberno central un marco enerxético estable para a industria galega.

Nesa mesma liña, a segunda moción propón a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, unha demanda do BNG e da CIG dende hai máis de 4 anos. Dende o BNG valoran que “Galicia tivo e ten un papel de produtor de enerxía que xera enerxía para o consumo doutros territorios do Estado español, exportando unha media dun 35% de electricidade, mesmo a enerxía eléctrica que producirán os 2 eólicos do Monte Chan no noso concello será evacuada fóra de Laxe e mesmo fóra tamén de Galicia, pero seremos as veciñas e os veciños de Laxe os que suframos os custos do impacto social e ambiental sen obter pola contra ningún outro beneficio”.

Na moción, o BNG pide tamén a redución do IVE, que pase dun salvaxe 21% a un 4%, tendo en consideración que se trata dun ben de primeira necesidade.

Outra moción sobre o 25N

Paralelamente, e achegándonos ao Día Intencional contra a Violencia de Xénero, o BNG vai presentar outra moción sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de meirandes recursos no ámbito local e xudicial para loitar contra a violencia machista. Valora Pose Lema o éxito histórico da folga e das manifestacións do pasado 8 de marzo e por iso demanda da Xunta de Galicia a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica integrada na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista, que sirva para tratar os delitos sexuais neste tipo de xulgados especializados.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/os-traballadores-de-ferroatlantica-que-asinaron-o-acordo-marco-apoian-aos-companeiros-de-alcoa/ https://quepasanacosta.gal/por-unha-tarifa-electrica-galega/

Comentarios