Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O caso Ferroatlántica volve ao pleno do Parlamento

O caso Ferroatlántica volve ao pleno do Parlamento
sesion-plenaria-parlamento-galicia Onte pola mañá celebrouse unha sesión plenaria no Parlamento de Galicia na que se falou da situación de Ferroatlántica A grave situación que atravesan os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica volve ao Parlamento galego da man do PSdeG e do PP. Por unha banda, a deputada socialista Loli Toja defendeu onte de novo a proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que evite a segregación das actividades de produción de enerxía e ferraleacións de Ferroatlántica e a venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande e que se votará hoxe. Toja asegurou que as centrais son “o seguro de vida da comarca, se mire como se mire”, con 400 postos de traballo directos, explotan os recursos naturais, utilizan un terreo e uns recursos declarados de utilidade pública e dispoñen dun Porto - o de Brens - practicamente específico. Criticou a “falla de transparencia” do goberno galego e lamentou que continúen negandounha operación de venda das centrais que de acordo cos medios especializados xa ten prezo, está cifrada en 255 millóns de euros que a empresa quere utilizar para sanear as súas contas. A responsable socialista replicoulle ao PP, que cualificou de “postureo” a decisión dos socialistas de levar ao Parlamento unha iniciativa que xa foi debatida en Comisión. Toja dixo que “non nos aburre, e aos traballadores tampouco, unha iniciativa que vai vir aquí tantas veces como sexa necesario”. Pola súa banda, o grupo popular volveu impulsar no Pleno un amplo acordo parlamentario en defensa da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo nas factorías de Ferroatlántica de Cee-Dumbría, sobre a base do texto transaccionado unha semana antes en Comisión parlamentaria. O viceportavoz popular, Miguel Tellado, lembrou que existen numerosos acordos parlamentarios en vigor no sentido do acadado no Pleno de onte, mais volveu a reiterar o compromiso do seu grupo “cos traballadores, coa actividade industrial e, en definitiva, coa Costa da Morte”.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios