Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O PSdeG esixe que a Xunta tome medidas urxentes ante o desmantelamento do hospital de Cee

O PSdeG esixe que a Xunta tome medidas urxentes ante o desmantelamento do hospital de Cee
socialistas-hospital-cee Representantes do PSdeG da Costa da Morte mantiveron o pasado luns unha reunión para analizar a situación que atravesa o hospital de Cee Ante a preoucupación xerada polo "desmantelamento" do hospital de Cee, os socialistas da Costa da Morte volveron reunirse de urxencia a última hora do luns. A deputada Loli Toja reclamará no Parlamento que a Xunta de Galicia tome “medidas urxentes” polo “agravamento” da situación nas últimas datas. A modo de exemplo denuncian que as lavadoras de quirófano están estropeadas polo que o material cirúrxico lávase a man, “o cal supón un problema grave de seguridade para os pacientes e un problema de saúde pública”, ao que se une a carencia de recursos humanos para afrontar estas situacións. Dende o PSdeG afirman que o “abandono” do hospital Virxe da Xunqueira conduce a “situacións inhumanas que deben ser atalladas de inmediato con máis medios materiais e de persoal". Entre as reclamacións que os socialistas xa teñen rexistrado no Parlamento está a ampliación a tempo completo do servizo de reanimación, xa que segundo indican actualmente os pacientes que precisan de máis dun día de reanimación tras unha intervención cirúrxica son derivados a outro hospital. Ademais, solicitan ampliar o servizo de nefroloxía e aumentar o persoal en postos de hemodiálise, onde boa parte dos enfermos crónicos son desprazados á Coruña. Por outra banda, piden implantar un servizo de cardioloxía cando menos para consultas e realización de probas médicas, e ampliar o persoal na área do dixestivo, que está saturada con listas de espera que medran xa que “só hai unha especialista e probas médicas como endoscopias ou colonoscopias atrásanse de xeito preocupante”. A renovación do material cirúrxico é outra das preocupacións dos socialistas, xa que as mesas ou as lámpadas de quirófano son as mesmas desde a inauguración do hospital no ano 1997. Os socialistas tamén solicitan o “mantemento e mellora asistencial” do servizo de xinecoloxía, no que o hospital de Cee “é un referente na práctica de asistencia de partos de baixa intervención”, solicitado por pacientes de toda Galicia. Por último, dende o PSdeG denuncian que a contratación de servizos externos no hospital pasou “de estar en mans de empresas da comarca con boa calidade no servizo e prezos competitivos” a outras empresas, o que non supuxo unha mellora no servizo nin un aforro económico pero si “un prexuízo económico para a comarca”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios