Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)
Carlota Atan Ares, do CPR Manuela Rial de Cee, foi a ganadora do tericeiro premio da Categoria A do IV concurso de relatos curtos Carlota Atán Ares, do CPR Manuela Rial de Cee, foi a gañadora do terceiro premio da Categoría A do IV concurso de relatos curtos Despois de coñecer os debuxos de Primaria e de Secundaria gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco deste ano, publicamos os traballos premiados do IV Concurso de Relatos Curtos. Comezamos polo traballo gañador do terceiro premio da Categoría A - correspondente a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria -. Carlota Atán Ares, do CPR Manuela Rial de Cee, foi a gañadora de 50€ e un diploma co seu relato que lle puxo por título "Pedro de Furabolos, o mellor amigo". Era una mañá típica de verán. O sol quentaba tan forte que parecía que estábamos no mesmo inferno. Como dirían os vellos do lugar “vai unha calor que caen os paxariños”. - Toc, toc!. - Adiante. - Bo día, Ramón. - Bo día Doutor Prieto. - Que tal nos atopamos hoxe?. - Que quere que lle diga, doutor. Podería ser peor. - Veña home, veña!. Non se me queixe vostede tanto!. - O que non chora non mama. Non é así?. - Vostede e a súa retranca. Non cambiará nunca. - De ilusións tamén se vive, non é?. O Doutor Prieto esbozou un sorriso mentres retiraba as sabas que cubrían o corpo de Ramón. - Imos ver logo como vai esa sutura para comprobar si podemos ilusionarnos ou non. - Vostede tampouco da puntada sen fío!. Con moito tino o Doutor levantou as gasas que protexían a ferida. - Isto vai de maravilla!. De seguir así, axiña nos poñeremos de pé. - De pé, de xeonllos.... - Vai saír de aquí feiro un mozo!. - Non poña os bois antes co carro!. - Que teña un bo día Ramón. Ata mañá!. - Deica logo Doutor. Mañá no mesmo sitio e a mesma hora, non’. - Non queda outra... Cando se pechou a porta da habitación, Ramón deu media volta na cama e dirixiu a mirada cara a xanela. Un pequeno paxaro piaba suavemente como se quixese contarlle un conto dos daquela vez. Pechou os ollos por un intre e, case sen darse conta, alí estaba, na súa aldea, correndo coma un toleirán polos carreiros cheos de lama. Lembrouse daquelas tardes de verán, cando ía tanta calor que non se podían traballar as leiras ata que o señor Lourenzo se deitaba a durmir. Como esquecerse daqueles baños nas frías augas do río na compaña de Ramiro da Panfeita, de Xosé do Camariñán, de Pepe do Laboriño e, sobre todo, de Pedro do Furabolos, o seu mellor amigo. Non pasaba día no que os dous non fixeran algunha falcatruada. No lugar xa os chamaban o martes e o xoves, porque sempre andaban polo medio. Sempre estaban a argallar novas aventuras, a cada cal máis perigosa. Coma o día que se lles dou por prender unha fogueira para asar unhas mazarocas de millo que colleran na leira da Galiñeira. Ventaba tan forte que cando se deron conta, a horta da señora María xa era pasto das lapas. Tiveron que acudir todos os veciños do lugar con caldeiros cheos de auga para apagar o lume... Ou cando se lles deu por facer unha cabana nunha árbore e non romperon a testa de miragre... Ou cando ían coller grilos e andaban ós vorcallóns polos herbais, tornando os seus pantalón brancos tan verdes como a mesma herba... Ou cando case lle sacan un ollo á filla do Muiñeiro o mesmo día das festas do lugar... Pero a súa amizade ía máis alá das súas aventuras. O seu amigo Pedro do Furabolos sempre estaba aí, para o bo e para o malo. Así, cando morreu o seu avó, non se separou del nin de noite nin de día, pois sabía o moito que Ramón lle quería. Non facía falla que se dixesen nin unha soa palabra. Abondaba con que se mirasen ó ollos para saber o que pensaba cada un. Pola faciana de Ramón comezaron a esvarar unhas bágoas rememorando todos eses momentos da súa vida xunto co seu mellor amigo. A súa amizade era tan forte e verdadeira que Ramón nunca poderá esquecer o que Pedro do Furabolos fixo por el. Se todo vai ben pronto sairá do hospital e comezará unha segunda vida grazas ó ril do seu mellor amigo.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios