domingo. 01.12.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II)

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II)
Despois de ver os debuxos de Primariade Secundaria e os primeiros relatos, gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco, hoxe seguimos descubrindo novos talentos costeiros, repasando os relatos premiados na Categoría B (ESO) do III Concurso de Relatos Curtos. Só nos queda disfrutar cas historias de Nuria Vilariño Lema, do IES Maximino Romero de Lema de Baio, de Clara de Ramón Ayala, do Manuela Rial de Cee, e de Lucía Paz Chao, tamén do colexio ceense.

1ª Premio – “Pídelle ao mar unha historia”

NUria Vilarino Lema “Sabías que o mar é marabilloso?, pídelle unha historia” – dixéranme. Ás veces concedía tregua, e hoxe era unha desas noites. Escoitábse de lonxe o murmuio das ondas, como se de nais se tratasen arrolando os meniños no berce. Senteime, cos pes nus na area, esperando a que chegase o mar bravo, o mar desafiante, o mar..., e me levase consigo. Porque é boa verdade que o que puido ser e non foi é o peor que lle pode quedar ao pasado, e nós xa só éramos iso, pasado. Permanecía inmóbil, agardando un sinal, unha mostra, un rastro, unha marca, algo que me impulsara a seguir. De cando en vez temos que ser vulnerables para sentirnos máis fortes e, falando de debilidades, eu falo do mar. Falo da brisa do mes de xullo, da tempestade de decembro, xaneiro e marzo. Falo da calma, falo da familia, falo de peixes, de prantas, de barcos, de ondas; falo de naufraxios, falo de faros, falo do Roncudo, do Vilán, de Punta Nariga, de Laxes, de Fisterra … “Pídelle ao mar unha historia” – dixéranme. Chegara ás costas galegas un navío de gran tamaño. Viñeran nél moitos mariñeiros despóis de meses de duro traballo. En “Ares non te pares, en Redes non te quedes e en Caamouco para pouco”. Que recordos da súa mocidade na vila de Ares! Manuel esperou pacientemente para saír do barco e coller a maleta, agora baleira, que levara na súa viaxe, e recorreu, como tempo atrás, o camiño que o levaba de volta á súa casiña. Era unha senda duns vinte minutos, toda polo beira do río. Apoiou a bolsa, subiu ás pedras, colleuna e continuou a travesía. Lembraba a viaxe que acababa de facer, o difícil que fora tomar a decisión de partir, aínda que só fose durante un tempo, e a recompensa que acadaran con tanto esforzo. Apenas traía moedas para xantar un mes. Nin roupa nova, nin peixe. Máis viña él, e esperaba que iso fora polo que María estivera agardando. Soltou a maleta de novo, atou ben o zapato que se soltara nun momento imprevisto, e subiu as dúas escaleiras que o separaban da súa familia. “Bos días meus nenos!” – exclamou Manuel esbozando un sorriso. “O noso pai conosco, papaíño…” – falaron os rapaces. Sentaron todos a carón do lume, pois era unha mañán de inverno, e non era costume do sol saír a animar a mañanciña cedo. Despóis dunhas horas de faladoiros e contos, Manuel preguntou por María, non porque se esquecera antes dela, vaia!. Era ela quen o mantivera con forza nestes meses, máis tiña que aproveitar o pouco tempo que tiña para repartilo cos nenos. Os meniños non facían máis que preguntarlle como foran as horas no mar, como pescaba, que comía, cantos compañeiros fixera... Manuel estaba moi feliz de estar na casa de novo, e foise na procura de María. Atopoume lavando, e para a súa sorpresa, estaba lavando unha das súas camisas. Ollouna durante uns instantes ata que ela se decatou, e compartiron un sorriso cómplice. María achegouse e bicouno, despóis sorriu e achegouse á camisa de novo, agardando que él se arrimase. Ambos acabaron o traballo dela entre abrazos e cancións de romaría como esta de Mórdomo, en Traba: “Para Laxe, para Laxe, miña cariña de rosa, para Laxe, para Laxe, que esta terra non é nosa”. Ou esta outra: “Este cantariño novo, quen o puidera levare, as nenas da miña terra sábeno repinicare”. Despóis dun bo anaco de cantares, Manuel levou a María á praia, porque pese a que él fora mariñeiro nunca pisara terra firme nese traxecto. Había quen se encargaba de facer o xantar no barco, quen manexaba o temón. Os rapaces máis novos, que viaxaban cos pais para aprender o oficio, eran os encargados de elevar as velas, recoller a corda... Tamén había quen limpaba a cuberta, quen vixiaba a proa e a popa do navío, e despóis estaban os mariñeiros coma min, de profesión. Nós éramos os que preparábamos as canas e aproveitábamos o pouco cebo que tíñamos a man, para pescar bos peixes, que outros homes baixaban nos portos nos que atracábamos, para vendelo na loxa. Ás veces utilizábamos as redes cando críamos que había moito peixe. Éstas foran de moita axuda porque había períodos nos que os peixes non picaban, e onde as reservas de alimento estaban case esgotadas. Os tempos non eran sempre malos. Como di o dito: “despóis da tempestade, sempre chega a calma”. E agora eran tempos de calma, porque estaba na casa, coa familia. Manuel non volveu saír máis da vila para pescar lonxe, senón que cunha lancha comezou a pesca de baixura, e con él ís o seu fillo pequeno, que aprendía e atendía os consellos do seu pai, para ser un bo mariñeiro. Pola contra, María ensináballe á súa neniña o oficio de mariscadora. Ente eles sempre estaba, e estivera, presente o mar. Na festa do mar namoraran, naquel serán de verán no que se coñeceran. María era unha rapaza moi nova que ía camiño á romaría do Carme, a patroa do mar. Manuel era un bo mozo, mariñeiro dende neno, fillo de mariscadora e mariñeiro. Alá foron a vivir xuntos a Ares. Él saía de pesca e ela aprendeu de mariscadora para recoller peixe, arranxaba redes, ía á lonxa… Así foron pasando os anos, cos seus bos e malos momentos. En cada comezo de verán facían unha velada, dándolle grazas ó mar polos seus postos de traballo, pola auga para se bañar e limpar, polos días de verán para gozar en familia, pola fame que éste saciou..., e rememoraban cada naufraxio, e cada tempestade, que acabou con moitas familias. Porque, por desgraza, un naufraxio desfacía unha, dúas, ou varias familias na vila. Pese a iso, o alegre carácter dos mariñeiros ou, quen sabe, a forza loitadora que lle daba o mar, facía que sempre se enfrontaran, erguidos, ás tempestades, e despóis gozaran de cada brisa que lles ofrecía o mar en calma. Grazas ao esforzo diario, e sen poder contar con moito diñeiro, saíron adiante, e sempre, en cada festa, en cada romaría, gozaban como se fose o último dos seus días. Os anos pasaron, e os rapaces medraron. A vida déralles unha enorme recompensa, o pracer de vivila todos xuntos. “Pídelle ao mar unha historia” – dixéranme. Escoitaba o bater das ondas nos cantís, agora máis bravas , con forza. Non facía. Era inverno, máis non facía frío. Sentada ao pe da area, ca brisa sobre o meu cabelo castaño, escoitábaas e sorría, por fin. Porque somos experiencias e momentos, e temos que vivilos. Porque precisamos que alguén nos diga “queda”, para que quedemos, aínda que non tivéramos a intención de marchar nunca.
  • Nuria Vilariño Lema, do IES Maximino Romero de Lema de Baio.

2ª Premio - “O meu querido mar”

Clara de Ramon Ayala O mar petaba forte contra os cristais da miña habitación, mentras eu aínda permanecía medio durmido e agochado debaixo das mantas. Tratábase dun son inconfundible: o vento, a chuvia e máis o son do mar enfadado que batía con forza contra as pedras ca praia, a escasos metros da miña casa. Parecía o ruxido dun león a piques de atrapar a súa presa. Gustábame xogar a imaxinar a que animal se parecía o mar; algún días parecía un león, máis outros, un inofensivo gatiño. A min parecíame fermoso de todas as formas, e soñaba con poder acompañar ao meu pai algún día por ese mar que tantas alegrías nos daba cando él chegaba co xornal a casa, pero que tanto facía chorar a miña nai cada vez que o vendaval se asomaba, e o meu pai estaba alí, no medio do mar. Eu seguía a soñar desperto. Cando a miña nai entrou no cuarto traia cara de pena, de tristura, aínda que para min sempre tiña o mellor dos sorrisos. Pasábame a man polo pelo e susurrábame: “Curro, emu neno, é hora de ir á escola”. Non paraba de recordarme o importante que era a escola “para facerse un home de ben”, como ela dicía. Miña nai quería que eu estudase, que me labrara un futuro afastado do mar. Ela dicía que non podería soportar tanto sufrimento todos os días, pensando que o seu fillo e o seu home estaban no mar. A escola no me gustaba, non lle atopaba utilidade, e só quería ir pescar co meu pai. Non me podía sacar da cabeza a idea de ter o meu propio barco, de poder facerlle fronte a aquel mar. O tempo pasou, e cos meus dezaseis anos decidín que non quería seguir estudando. O que a min me gustaba era o mar. Os meu pais trataban de sacarme a idea da cabeza día tras día. O meu pai non podía evitar sentirse culpable por transmitirme seguridade, confianza e amor polo mar. A miña nai non facía máis que chorar posto que non aceptaba a miña decisión. Non obstante, pese a todo, ese gran día chegou e comecei a ir ó mar. Nada me facía sentir mellor. O día que se nos daba ben as capturas eran inmellorables. O noso barco, “A Rucla”, era a envexa de todos. O meu pai sentíase orgulloso de min. Era quen de desenvolver un traballo que él amaba tanto coma min. Papá e máis eu compartíamolo todo, o bo e o menos bo, porque diso tamén había. A miña nai aceptaba resignada a miña decisión, se apartase daquela ventá da cociña, tarde tras tarde para vernos chegar e, así, poder ela respirar con tranquilidade. Vernos chegar un día si, e outro tamén, sans e salvos, converteuse na súa felicidade. É boa verdade que a felicidade está ben lonxe dos cartos. Os días, os meses e os anos foron pasando, tempo durante o que eu me fun facendo un home, a punto de cumprir vinte anos. Como cada mañá, levanteime cedo, almorcei xunto co meu pai e baixamos para o porto. De súpeto, aquel ruxido fero do mar trasladoume á miña infancia. Hoxe o mar estaba enfadado, pero nós non lle tíñamos medo. Outros mariñeiros decidiron non saír, pero nós saíramos en peores condicións, así que non nos íamos deixar asustar agora por ese mar compañeiro. Cando chegamos á altura da illa Lobeira, as ondas embestían contra o barco como se de un touro bravo se tratase. Cada vez nos levaba máis cara as pedras. A situación comezou a poñerse difícil. O vento sopraba con forza e case non podíamos nin matero equilibrio. Éramos conscientes de que estábamos en perigo. As ondas batían contra nós unha e outra vez. Nun deste golpes de mar, o meu pai caeu ó mar. Todo foi cousa de segundos. Volvino ver aparecer, quixen axudalo, pero non puiden porque desapareceu de novo entre a negrura das augas. Pensei volverme tolo. Non sabía que facer, era un títere naquel inmenso mar. Sen pensalo, lancei unha bengala, pero, para qué?, posto que non había ninguén máis pescando. Logrei chegar ata a radio e pedir axuda. O tempo fíxoseme eterno ata que me atoparon. Estaba desesperado, temía pola miña vida, e todo facía presaxiar que meu pai non correra a mesma sorte ca min. Leváronme á terra. A miña nai, que tanto choraba a miúdo, agora permanecía en silencio. Só me deu un abrazo que me fixo estremecer. Ao día seguinte reanudaron a búsqueda do meu pai. O seu corpo sen vida foi recuperado. Iso, tristemente, foi unha sorte. A miña nai e máis eu, sumidos na maior das dores, enterramos ao meu pai rodeados de familiares e veciños. Nese momento, sentín que unha etapa se pechaba para min. Non podería voltar ao mar sen él. O mar gañara a batalla. Ese mar que tantas alegrías me dera quitábame agora, sen avisar, a quen mo ensinara todo. Decidín que o mellor sería marchar, marchar a Suíza, como moitos dos mozos do lugar. Traballaría de albanel. Cando llo dixen á miña nai, calou, non dixo nada porque xa nunca decía nada. Permaneceu sentada xunto a aquela ventá da cociña, só que agora aquelas contras sempre estaban pechadas. En Suíza fixen cartos, mandei construír unha casa na vila, preto da da miña nai. Casei e tiven dous fillos, un mozo e unha moza. Vivía ben, pero sentía que me faltaba algo, faltábame ese olor a mar, faltábame a súa furia e a súa paz. Voltaba a Galicia cada verán acompañado da miña familia. A miña nai seguía tan triste coma sempre. Aínda que non decía nada, os seus decíano todo. O verán de 1980 foi o último que pasou con nós. Foise en silencio, sen avisar, en novembro dese mesmo ano. Creo quenunca me perdoei deixala tan soa estes últimos anos. Voltamos a Galicia pensando en montar unha casa de comidas na vila, e así foi. Íanos ben. Os noso fillos traballaban con nós. Eu mesmo, acudía todas as tardes a mercarlle o peixe e o marisco aos mariñeiros que chegaban a terra, pero non sen antes dirixir a mirada a ese meu anhelado mar. Un bo día, o meu fillo, supoño que cando de traballar ás ordes dos seus pais, decidiu que o que él quería era ir ao mar. A súa nai puxo o grito no ceo, non quería nin oír falar do tema. Eu comprendía perfectamente ao meu fillo, á vez que non deixaba de ter medo, porque ninguén mellor que eu coñecía naquela familia a bravura do mar. O noso fillo Manuel, testán como o seu pai, non desistiu da súa idea e comezou a ir ao mar. Agora era eu, quen tarde tras tarde, acudía puntualmente ao porto para divisar ao lonxe a “Rucla II”, co meu fillo a bordo. Non podía evitar ter un sentimento contradictorio; por un lado ese mar en calma que tanta paz me daba, e por outro ese mar en furia, capaz de arrebatarme os meus máis preciados tesouros. E cando non podía ir ao porto a divisar á “Rucla II”, dende a ventá da cociña observaba o mar, esperando, en silencio, a chegada de Manuel.
  • Clara de Ramón Ayala, do Manuela Rial de Cee.

3º Premio - “Óscar”

Lucia Paz Chao Óscar foi na miña vida algo máis ca un compañeiro de tardes soleadas na vila da miña infancia. Foi o que moitos chamarían un mestre, un guía. Coñecido sendo una nena moi pequeña e moi impresionable. Víao pescar dende a xanela da cociña. Vivía daquela nunha pequeña vila pesqueira, xusto ao final duna real de casi catro kilómetros e medio. E sempre o vía alí, sentado nas rochas, con aquel chaleco raído e a súa endeble cana de pescar. E claro, picábame a curiosidade; a curiosidade de como alguén que facía o mesmo día tras día podía seguir sorrindo. Un día calquera do mes de agosto de aquel ano acerqueime a él, amodo para non molestalo, e senteime xusto detrás a velo pescar. Cando me viu escondida tras a rocha, con cara de curiosidade, invitoume a sentar ó seu carón. Levanteime devagar e aceptei gustosamente a invitación. - Óscar – dico mentras me tendía a man. - Carla – contestei. E fiquei mirándolle as mans bastante tempo. Tan axadas, tan cheas de surcos e engurras. Sempre me distraio fácilmente con este tipo de cousas. Déixanme absorta os detalles máis minúsculos nos momentos menos oportunos. Cando deixei de mirarlle os nudillos, meterá na cesta cousa de media ducia de pequenos peixes que aínda coleaban loitando por vivir. E, cando o sol baixaba, despedímonos e volvín á casa. Parei no camino a recoller cunchas e cheguei á hora da cea. Conteilles aos meus país o que sabía sobre aquel pescador que vira ao fondo da praia. Díxenlles que era un home calado, coas mans moi grandes e gastadas, un home tremendamente metódico. A partir de entón ir a sentarme con Óscar converteuse en rutina. Chegaba con dous bocadillos de atún, e sentaba ao seu carón a comer en silencio. Observaba o bo errático dunha gaivota que loitaba contra o vento, o romprer das ondas, os debuxos que facía o mar ao entrar e saír da área, e os pobres peixes que morrían na cesta de Óscar. Recollía cunchas de camino á casa, e matinaba en preguntarlle a aquel home como era tan feliz, sempre alí, con aquel chaleco vello, con aquelas mans tan áridas. Nunca conseguín preguntarllo. Él mesmo me deu a resposta cando me considerou preparada para entendela. Pasaron semanas ata que abandonamos aquel silenzo, nada incómodo. Aí empezaron as miñas leccións. Aquel día, chuvioso dende que amencera ata entrada a tardiña, sentados na rocha de sempre, díxome que mirara o mar, que intentase frear as ondas, que observase o seu balanceo. Aquel exercicio durou varias semanas, e aínda que non entendía o seu por qué, eu seguía a inténtalo cada tarde. Se de algo teño excedente é de paciencia. Ata que, de repente, conseguino. Debín sorrir moi forte porque lembro as palabras de Óscar: - Verás pequena. Cando consigas algo intenta mantelo en segredo, non alardees. Sorrí, máis só para ti. Hai xente que é capaz de facer calquera cousa cando ve un sorriso. Continuei mirando, xornada a xornada, aquel mar en calma, máis tamén cando as ondas rompían, bravas e ameazantes, outros días. Ata que chegou a explicación. - O mundo, pequeña, (sempre me chamaba así), é, na súa meirande parte, auga. Verás, por cada tres partes de terra hai sete de auga. O mundo, pequena, é auga. É océano. Como acostumaba, deixoume dándolle voltas á cabeza varios días máis. Sempre facía o mesmo. Clavaba a cana na área, limpaba as mansa o chaleco e aspiraba fondo, como se fose para él un esforzó titánico. - Existe a mesma proporción de auga n aterra que aí dentro (dixo mentras me tocaba a fronte). - No meu cerebro? (dixen volvendo os ollos). - Si, pequena, si. Exacto (riu). E no corpo tamén. A mesma proporción. Ca mesma forza das ondas do mar. A mesma proporción, pequena! Eu non entendía nada de aquilo. Encollinme de ombros, resignándome á espera. As resposta con öscar nunca chegaban cando as necesitabas. Pouco a pouco custáballe menos falar. Voltaba todas as tardes, na procura de respostas, máis tamén da tranquilidade que me daba aquel lugar, e aquel silenzo armonioso. Sentaba, deixaba caer os pes, freaba as ondas, vía as gaivotas librar a súa inútil loita contra o vento, e logo vía morrer os peixes. Isto último dábame pena uns intres, pero logo pensaba na fin da súa norte e a pena esmorecía. - Pequena, lembras o que che expliquei sobre a auga? (preguntoume mentras clavaba a cana na área). Asentín. - Pois verás. Se es capaz de calmar o mar, tamén serás capaz de facelo coas túas penas cando o precises. Cando esteas triste, saberás facerlle fronte. Cando esteas enfadada poderás facer o mesmo. Nós, pequena, os seres humanos, somos sete pedazos de maldade por cada tres de bondade (recolleu a cana da área e voltou ao seu mutismo). Reflexionei arreo sobre aquilo durante moito tempo, ata que a vida me deu as respostas. A Óscar non o volvín ver. Esfumouse. Pero lémbrome moito dél. Do seu chaleco, da súa cesta, das súas mans ….
  • Lucía Paz Chao, do CPR Manuela Rial de Cee.

Novas relacionadas

Máis novas

Máis información

Fonte

Comentarios