luns. 02.12.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (III)

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (III)
Daniela Gonzalez Mouzo, do CEIP Labarta Pose de Baio, ganou o primeiro premio do concurso de relatos da Fundacion Fernando Blanco Daniela González Mouzo, do CEIP Labarta Pose de Baio, gañou o primeiro premio do concurso de relatos da Fundación Fernando Blanco Tras varias semanas repasando os gañadores do VI concurso de relatos curtos do Certame da Fundación Fernando Blando de Cee hoxe chegamos ata o primeiro premio da categoría A (5º e 6º de primaria). A obra gañadora foi "Amor dunha avoa" e a súa autora é Daniela González Mouzo do CEIP Labarta Pose de Baio - Zas -. A amizade é un sentimento que sempre debe estar presente nas nosas vidas. Dende que nacín, sempre me acompañou miña avoa. Foi a miña mellor amiga, pois a miña relación con ela é algo moi especial. Mellor dito, era moi especial, pois a miña avoa xa era moi maior e non puido aguantar mais. O seu corazón non resistiu. Pero todas esas cousas que vives con esa persoa especial son difíciles de esquecer. Aínda me acordo de cando cheguei ao mundo, todos mirándome sen resposta. Colleume miña avoa, no seu regazo, e sentín que era ela o meu anxo da garda. Comecei a escola sen medo ningún, porque ela estaba alí, sen soltarme. Cando se metían comigo, chegaba á casa sempre chorando, pero alí estaba ela facendo calquera cousa, e deixando todo para atenderme. Ela dábame o seu ombro cando choraba, e explicáballe o que pasaba. Sempre me respondía con tranquilidade, limpándome as bágoas: - Ti tranquila, xa medrarás, e para poder defenderte da xente, forte serás. Iso tranquilizábame. Todos os fins de semana víamos telenovelas xuntas e aniñadas. Levábame ao parque e, mentres eu xogaba, ela tecía un xersei de lá. O día do seu aniversario, miña nai sempre me axudaba a facerlle o almorzo, unhas torradas con manteiga, un chocolate quente e unhas galletas, como lle gustaba a ela. Cando entraba na habitación, sempre notaba o seu sorriso. E sentía os seus beizos dándome un bico forte sen soltarme. Cando tiña pesadelos, metíame na cama da miña avoa, e líame un conto de fantasía. Gustáballe coser, e facíame xerseis, gorros, manoplas e bufandas. A min tamén me ensinou un pouco e, aínda que me custaba, non se me daba mal; ela dicía que só necesitaba práctica e sería unha profesional. Cando era pequena, sempre que ía ao supermercado coa miña avoa, pedíalle unha lambetadas, e sempre mas mercaba. Un día, estábamos xogando coa dominó, e miña avoa levantouse e foi á cociña coller un vaso de auga. Como tardaba intentei chamala dende osalón, pero non respondía. De súpeto, escoitei un ruído atronador. Fun correndo á cociña e vina tirada no chan, sen alento. Eu berraba coma unha tola e choraba sen parar. Miña nai veu a axudarme e chamou a urxencias. Antes de entrar na ambulancia, deume un colgante e díxome algo que non se me marcha da cabeza: - Se me pasa algo, quero que gardes este colar para poder recordarme e para que nunca me esquezas. Nese momento a miña avoa estaba loitando entre a vida e a morte. Despois dunhas horas, fun ao hospital, e senteime nunha cadeira sen dicir nada, mirando o colar que me dera. As palabras que me dixo non se me ían da cabeza. Pasaron as horas sen ningún movemento, ninguén nos contaba nada. Ata que saíu un médico dicindo que estaba ben, pero que tivera un infarto e tiña que coidarse moito. Notei como o nó da garganta se me ía desfacendo, pouco a pouco, sabendo que miña avoa estaba ben. - Podedes pasar a vela. Dixo o médico. Entrei e vina nunha padiola, sen moverse, e díxenlle, con bágoas nos ollos: - Avoa, que susto me deches!, pensara que che pasara algo. - Tranquila, eu sempre estarei ao teu lado. Cando trouxemos á avoa para a casa, dixémoslle que tiña que descansar para non ter outro accidente. Pero a avoa non nos facía caso porque quería levarme ao colexio e facer toda a súa rutina, pero tiña que renunciar a todo iso para poder curarse. Non se rendeu tan facilmente. Ela dicíame que quería ver por última vez o mar e non esas paredes sen vida que ata parece que lle falaban. Conteillo a miña nai e tivo que aceptar. Chegamos á praia mais próxima, collemos unha toalla, e sentámonos vendo como o sol se ocultaba tras o mar. Volvemos á casa, e a avoa, antes de quedar durmindo cun sorriso na cara, colleume a man e díxome: - Que non che afecte o que che digan, pois ti es moi forte e lista. Estes anos contigo foron os mellores. Es unha rapaciña estupenda e túa nai estará contenta contigo. Quérote!. E quedou durmida. Pola mañá fun ver como estaba, e ao ver que estaba pálida e sen moverse, chamei a miña nai. Miroulle o pulso e non lle latía o corazón. Chamamos a emerxencias outra vez, pero era tarde. Xa falecera. Nese momento sentín coma o corazón se me rompía en anacos e me inundaba unha profunda soidade, como se non tivese alma e vagase polas rúas sen saber que facer. Estaba na casa, sen moverme da cama, sen alento, sen querer comer nada. Creo que foia a min a quen mais lle afectou. O día do enterro vía o seu corpo pálido. Cando se acabou o enterro e todos marcharon, achegueime á lápida onde poñía o seu nome, a data de cando naceu e cando morreu e a lenda “A túa familia sempre te recordará”. Agacheime e deixei unha flor. Rompín a chorar. Pasaron días e meses dende a morte da miña avoa. Non deixei de falar con ela pois faláballe a soas mirando ao ceo e contándolle todo o que me pasara. Todos os días penso nela; en como estará, se terá dor, ou se se acorda de min. As veces, cando me sinto soa ou nerviosa, noto unha presenza, como se ela seguise aquí comigo. Por iso lle escribín esta carta a miña avoa: Querida avoa: Eu sei que estabas cansada, que o teu corazón non puido mais. Regaláchesnos anos maravillosos. Bótote de menos. Seguro que o sitio onde estás é mellor. Sinto non escribirche nunca, pero non sabía que poñer porque eu pensaba coa cabeza e non co corazón. Sei que me segues coidando dende o ceo. Es o meu anxo da garda ao que lle falo cada noite. Fuches a mellor amiga. Fuches a única que me entendía. Hai tantas cousas que me gustaría decirche, pero esta carta é para explicarche que te boto de menos. Quíxenche, quérote e querereite sempre. Sempre estarás no meu corazón AVOA. Nunca te esquecerei. Todos estamos tristes porque ti non segues con nós, pero eu intento que sempre estean contentos. A miña nai sempre está animándome a seguir adiante. Quérote avoa !!!.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

 

Comentarios