Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación: O Corazón do Mar

Os Relatos da Fundación: O Corazón do Mar
Seguimos repasando os Relatos curtos gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco. Hoxe quedamos en Cee, con Aridia Lema Costa, do CPR Manuela Rial de Cee.  

O Corazón do Mar, de Aridia Lema Costa

Aridia Lema Costa Aridia Lema Costa Era unha cálida noite de verán. Como cada día, saín a dar unha camiñada. Un leve cheiro a fume da fábrica paseaba ao meu lado. O mar estaba fermoso, nunca o vira tan tranquilo, placidamente durmido co reflexo da lúa. Mentres camiñaba, recordaba o inverno, e sobre todo o enfado do mar. As ondas anegaban o pequeno porto onde agora se amontoaban as caixas de pescado. Recordaba o medo que dende pequena lle tiña ao seu movemento. Recordaba todos os barcos que estaban mortos na súa parte mais profunda., na parte mais escura. Pensaba no último sorriso do meu avó antes de marchar no seu barquiño nunha noite de inverno ben fría, que nunca esquecerei. Meu pai é mariñeiro e apaixonado de todo o relacionado co mar. Gora xa está xubilado, pero non hai día que non coll a súa barquiña para ir dar unha volta. Mais nunca superou a morte do meu avó. E a verdade, eu tampouco a superei. Costa da Morte, costa que me arrebatou a pouca felicidade que daquela época quedaba nunha pobre familia de mar. Mais, aínda así, meu pi sempre di que este é o lugar mais fermoso do mundo, cheo de encanto, cunha historia debaixo de cada unha das pedras que acoitelaron a centos de barcos durante todo este tempo, e con eles miles de almas cheas de vida e de soños. Estaba decidida a rematar con ese medo que me levaba perseguindo tantos anos. Estaba chegando xa ao porto de Corcubión, e rapidamente collín unha barquiña que había alí, metina na auga e subín a ela. Era a primeira vez na miña vida que subía nunha barca. Comecei remar con todas as miñas forzas, e cando me decatei de que estaba soa no medio do mar, non puiden evitar berrar. Pero tiña que superar o meu medo. Respirei profundamente, Ese olor a mar, imposible de explicar, transmitiume unha tremenda paz. Mirei ao meu redor, só auga, auga, e mais auga. Pero de súpeto, unha forte luz atravesou os meus ollos. Decateime que chegara á illa Lobeira. Remei ata o pequeno porto que alí hai. Estaba moi cansada, e sentei enriba dunhas pedras. Espertei á mañá seguinte co leve son das ondas que acariciaban as pedras. O ceo estaba limpo, só se vías as pequenas gaivotas voando alá no alto. Facía moita calor, e achegueime á auga para mollar os pés. De súpeto, escoitei a voz de alguén. Mirei ao meu redor, mais non vin ninguén. Pensei que sería unha alucinación, e continuei ao meu. A auga, cristalina, mollaba con delicadeza os meus pés. Comezábame a gustar ese olor a salgado, a sensación de frío que me subía polas pernas. Decateime que era o mar o que me estaba a falar. Crin que estaba tola. Como me podía falar o mar?. Recordo todo o que el me dixo como se fora hoxe ... - “Ola Antía. Non te preocupes, non estás tola, son eu, o mar, o que che está a falar. Pero eu preciso contarche tamén a miña historia, e con ela, a historia desta costa, a chamada Costa da Morte. Sinceramente, odio que a chamen así, pois nós damos a vida a moitos mariñeiros e as súas familias. E a xente páganolo do peor xeito posible. As persoas estádesme deixando sin o meu mundo, roubándome todo o que teño. Estádesme convertendo en tan só un montón de auga. Nacín fai moito tempo, e nunca me sentín tan mal como agora. Por iso estou tan enfadado, por esa razón teño tanta forza. Toda a dor que tiña gardada está saíndo. Teño miles de barcos no meu fondo, só os que levaban dentro xente que algún día me queixo facer mal. Eu coido a todos os mariñeiros que me coidan, mais son incapaz de coidar aos demais. Xa fai moito tempo, falei co teu avó, e tamén co teu pai. Os dous me dixeron que sempre me tiveches medo. Sei que a parte de medo, tesme odio por roubarche aquela persoa que ti tanto querías. Sei que ti cres que teu avó me amaba, mais non era así. Teu avó, un día, traizooume. Eu sempre coidei del, ata as peores tormentas calmábaas cando el me falaba. Tíñame moi enganado, e utilizoume canto quixo. Un día, pensou que lle ofreceran un traballo mellor, onde gañaría mais cartos e estaría mais seguro. Mais equivocouse. E pouco despois quixo volver xunto a min. Pensou que eu o volvería coidar. Pensou que eu volvería a calmar as tormentas por el. Pensou que o volvería querer como no pasado o fixera. Nunha noite de inverno, un gran temporal achegábase á costa. Intentou falar comigo, quixo buscar de novo a miña axuda. Pero non fun capaz de axudalo. O barco bateu cunha gran rocha preto do Cabo Fisterra. De nove que ían no barco, só teu avó morreu. Agora comprenderalo todo. Sei que dende aquela collíchesme mais medo do que xa sempre me tiveches. Sei que agora teslle un amor moi especial a teu pai, e prométoche que se me coidades, nunca vos farei mal ningún. Eu, nesta zona, son especial. Teño un olor diferente a outros lugares, móvome con mais ritmo. Amo esta costa e amo a case toda a súa xente. Lembra que eu sempre estarei aquí para ti, para todo o que precises”. Pechei os ollos con forza. Intentei non chorar, mais os meus ollos estaban afogando en bágoas. Caín ao chan e chorei coma nunca o fixera. Tirei o móbil na area e lanceime á auga. Sentín coma se caera nun profundo sono. O mar levoume a recorrer cada pedra. Escoitei o seu son enfurecido nas covas dos cantís. Vin os poucos peixes que quedaban nadando placidamente, sen esperar á morte que logo terían entre as redes. O mar seguíame a contar as súas penas e aventuras, mentres me levaba ao lugar onde afundira cada un dos centos de barcos que durmían baixo el. Na súa voz notábase moita pena e cansazo. Estaba triste, moi triste. De súpeto, deixei de escoitar a voz do mar. Espertei rodeada de xente que me estaba a mirar con cara de preocupación. Escoitouse un berro, e vin coma meu pai se achegaba a min case chorando. Estaba nun barco de salvamento. Logo chegamos ao porto onde me estaba esperando unha ambulancia. Cheguei ao hospital, e recordo que me ingresaron nunha habitación cunhas fermosas vistas á ría de Corcubión. Que fermoso é, ca súa dor agochada. Despois de saber o que el sentía, o meu pensamento cambiou. Xa non entendía por que non admiraba o amor das ondas e a area, que morrían unha tras doutra para bicar cada centímetro da praia. Como non admiraba as formas das rochas, cada unha delas única. Como non me namoraba de poder somerxerme nel, con todo o seu mundo ao seu redor, e das pegadas que o sal deixaba na miña pel. O encanto de cada cova, de cada cantil encantado, co seu propio falar. Din que hai lugares máxicos, con fadas e elfos, mais eu afirmo que non hai lugar mais máxico que a miña terra e a miña auga, por que aínda que non existan ninfas, hai miles de peixes e sereas con traxes de neopreno que exploran as entrañas desta costa, a nosa costa, a Costa da Morte.
  • Aridia Lema Costa (CPR Manuela Rial de Cee). 3º Premio Categoría B Relatos (ESO).
 

Gañadores dos Premios Fernando Blanco

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios