Venres. 19.04.2024
El tiempo

Presentada a moción de censura en Cee ante a negativa do BNG nacional

Presentada a moción de censura en Cee ante a negativa do BNG nacional

Esta mañá de venres 17 de febreiro de 2012 tivo lugar finalmente, tras varias semanas de negociacións, a moción de censura no Concello de Cee. Os edís do PP e do BNG unen forzas para arrincar da alcaldía ao independente Ramón Vigo, que con 7 imputacións continuaba á fronte dun dos concellos máis importantes da bisbarra e da Asociación Neria.

Zaira Rodríguez e Daniel Oca presentaban arredor das 13:00h a moción no Concello. Agora será a voceira do PP de Cee, Zaira Rodríguez, a nova alcaldesa, a primeira da historia da vila da Xunqueira. Daniel Oca, voceiro do BNG de Ce, quedaría de Teniente Alcalde, sendo a primeira vez que o BNG outorga a alcaldía ao PP.
De contado, todos os edís dos dous grupos, a excepción de María Xosé Fandiño por ter que acodir a un funeral, realizaron unha rolda de prensa na que expuxeron as razóns da moción, "o peor segredo gardado da historia de Cee", como bromeaba a propia Zaira.

Negativa do BNG nacional

Así e todo, os 3 edís do BNG seguen pendentes da súa posible expulsión do partido por parte da Asemblea Nacional, se ben o novo voceiro comarcal, Modesto Fraga, xa dixo que ía escoitar máis que impoñer. Apuntando que "hai que agardar acontecimentos", Oca aseguraba que "nós somos BNG" e pide cautela aos membros da executiva nacional e solicita que antes de tomar decisións sexan escoitados os membros da Asemblea do BNG de Cee, que apoia a moción ao 80%.

Así e todo, e desoíndo as peticións do BNG ceense, a Asemblea Nacional vén de emitir un comunicado arredor das 14:00h no que "desautoriza a moción de censura conxunta presentada esta mañá polo grupo municipal do BNG e o Partido Popular no concello de Cee". "O BNG asegura que esta moción vai en contra dos seus principios políticos, e en concreto o de non facilitar os gobernos municipais do PP".

Así, a Executiva Nacional do BNG do vindeiro luns debaterá as medidas a adoptar ante esta moción de censura. Queda todo pendente desta asemblea pois podería supoñer a expulsión do BNG dos 3 edís, e puidendo aplicarlle así a Lei Antitransfuguismo, anulando a moción.

"Máis de 1000 motivos" e sen confrontación

Con este tema de Joaquín Sabina, un dos favoritos de Ramón Vigo, bromeaba Daniel Oca sobre as cantidade de razóns que se poderían abordar. Zaira foi máis concreta e sinalou que "a grave situación económica" no Concello facía necesario este pacto: "Seguimos cos orzamentos prorrogados do 2010, a gardería segue pechada, a falta de transparencia na contractación de persoal e de obras, a desorbitante subida de taxas, o pouco debate que permite o alcalde nos plenos, a perda continua de subvencións e o feito de ter aparcado un documento tan necesario como o PXOM", falan ás claras da necesidade de que "tomemos as rendas do Concello de Cee".

Zaira quixo deixar claro aos cidadáns de Cee que "isto non é unha confrontación. O xogo democrático permite esta moción, e lembro que o grupo de IxCee xa formou parte de dúas coalicións e mesmo dunha fallida moción de censura, que fóra abortada pola dimisión do alcalde naquel momento, Lamela". Fai así un chamamento á veciñanza deixando claro que "non quero enfrontar á sociedade; isto facémolo porque consideramos qie unha grave mala xestión e cremos que é o que precisa o pobo de Cee".

Oca, pola súa banda, manifestou o seu desexo para "acabar co sultanato en Cee, cun alcalde que fai o que lle peta e calumnia a todos os seus compañeiros de corporación". Apunta Oca que "queremos abrir as portas do Concello, pois esto facémolo por hixiene democrática, para acabar co clientelismo, e para conseguir sanear o Concello".

Sobre se o pacto é "antinatura", Zaira refírese a que "agora somos 7 persoas comprometidas, con gañas de traballar para o pobo, que nostrataremos con respecto e comunicación loitando conxuntamente por Cee. Así que as diferencias ideolóxicas quedarán aparcadas".

Reparto

Ambos grupos aseguraron que compartirán competencias e dedicacións "equitativamente, con respecto e sentido común e moita comunicación". Sen concretar, sinalaron que as dedicacións non chegarán, nin de preto, aos 80.000€ que cobran anualmente alcalde e concelleira a día de hoxe.

Pleno o 1 de marzo

Quedan agora 10 días hábiles para a celebración do pleno, que seguramente se desenvolverá o vindeiro xoves 1 de marzo ás 12:00h. Nel tratarase o relevo á fronte do goberno de Cee.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios