Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha de teatro forestal en verso

Unha de teatro forestal en verso

Marzo, o mes da poesía, no que ademais se celebran días como o da Árbore, ou Día Forestal Mundial, celebrado este xoves 22, ou o Día do Teatro, que terá lugar este vindeiro martes 27. E para conmemorar todas estas datas sinaladas, os Concellos e as entidades da bisbarra desenvolveron diferentes actividades.

Día da árbore en Laxe e Brens

Foi o Concello de Laxe o que máis en serio se tomou o Día da Árbore. E os protagonistas, como non podía ser doutro xeito, foron os cativos das escolas de infantil e primaria, CPI Cabo da Area e E.U. da Torre e Traba. Co obxectivo de contribuír á concienciación ambiental dos rapaces, os pequenos procederon á plantación de varios árbores.

Foi a Animadora Sociocultural do concello, Tamara Salvadores, unha das responsables de facerlles chegar aos cativos o sentido da celebración. Ademais, co intento de recuperar e manter tradicións o Concello procedeu ao reparto de pan e chocolate entre os pequenos, cunha excelente acollida.
Pero estas actividades continuarán en marcha con outras de índole transversal que os mestres das escolas desenvolverán nas vindeiras semanas. A idea é a de facer obradoiro ao redor da árbore plantada, consistente na lectura e elaboración colectiva do conto “ A árbore máxica” e un mural.

Pola súa banda, os cativos do colexio de Brens tamén prantaron, coa axuda do xardiñeiro do Concello de Cee (Ramón Vieites), 3 castiñeiros nas inmediacións do centro educativo. Unha prantación que se completará nos vindeiros días con diversos arbustos e flores no patio que lle darán máis cor ao entorno educativo.

Nos Muíños estudian en verso

En verso e sen libros. A escola 2.0 da Costa da Morte, o CEIP Os Muíños, segue dando exemplos de boas prácticas. Desta volta, está desenvolvendo ao longo do mes unha serie de actividades en torno á poesía.
E nolas contan a través do Niño da Curuxa, o blog da biblioteca do centro.

Así, para celebrar a súa chegada, a "Chiquitropa Mozartina" ofreceu un concerto coa súa versión libre da "Sinfonía da Primavera".

Ao tempo, e cun ambiente soleado, moitos alumnos e alumnas se animaron a recitar para os seus compañeiros ao aire libre. E con versos de Antón Cortizas a Nicolás Guillén, pasando por Manuel María e Celso Emilio Ferreiro.

O Teatro en invade Ponteceso

Pola súa banda, o Concello de Ponteceso quédase co Teatro, e este vindeiro martes 27 de marzo, Día Internacional do Teatro, a Biblioteca Municipal acollerá actividades en lembranza a Carlos Casares no X aniversario do seu pasamento.

Entre as actividades destaca a Exposición bibliográfica de textos teatrais, máscaras e marionetas; ou unha Mostra de mural dun texto emblemático do teatro infantil "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas", que acadou o premio Facho e foi publicado en 1973 pola editorial Galaxia con ilustracións de Luís Seoane.

Ademais, ás 12 da mañá do propio martes (co alumnado da Escola Infantil de Ponteceso) desenolverán a escefinicación do conto de Carlos Casares "A Galiña azul", baixo a dirección de Tamara Lema coa colaboración de pais/nais e profesorado da Escola infantil.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios