Venres. 26.04.2024
El tiempo

Zas e Cee vólcanse coas Letras Galegas

Zas e Cee vólcanse coas Letras Galegas
Arranca unha intensa semana con ducias de actividades ao redor das Letras Galegas en practimente toda a Costa da Morte. Hoxe será un forte do programa "Maio, mes das letras 2018" deseñado polo concello de Zas a través da súa concellería de Cultura. A primeira das actividades terá lugar ás 11:00 horas no CPI de Zas onde o alumnado presenciará unha sesión musical da man de “Oviravai”. Un pouco máis tarde, ás 12:45 horas, é o turno dos alumnos e alumnas do IES Maximino Romero de Lema que terán a ocasión de ver a obra de teatro “Mensaxe do Mar”, de Fantoches Baj. A programación continúa o mércores e neste caso desprázase ás Torres do Allo. Ata alí desprazaranse o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Maximino Romero de Lema que descubrirán todos os recunchos do pazo máis antigo de Galicia a través dunha visita guiada e dunha unidade didáctica adaptada ao seu curso. Esta é unha actividade que se enmarca dentro da programación da XII+I Semana Cultural organizada polo IES de Baio coa colaboración do Concello de Zas xunto con outras entidades. Xa o sábado, a actividade trasládase ao Auditorio de Zas onde a Asociación Teatral Paso de Valverde, de Arteixo, representará a obra de teatro “Alén”. Esta é a quinta e última representación da III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” que chega case ao seu fin con esta obra de teatro de sombras. As bibliotecas muncipais tamén pechan esta semana o X concurso de marcapáxinas. Cee Tamén será intensa a actividade no CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee na que se misturarán a cultura e o deporte para festexar esta semana grande. Ademais dos dous festivais (Primaria e ESO) que tradicionalmente se desenvolven a nivel interno para festexar a Semana das Letras Galegas, hai dúas citas que tinguen a semana entrante. Por una banda a conferencia que vai dar no salón de actos do Manuela Rial o prestixioso reumatólogo ceense Dr. Francisco J. Blanco García. Autor de máis de 300 traballos científicos e participante en máis de 100 proxectos de investigación, este médico do CHUAC e profesor da Universidade de Santiago falará ao abeiro dun suxestivo título: “A vida saudable empeza no colexio”. A cita é mañá ás 16 horas. Asistirá o alumnado da ESO do colexio, mais tamén é unha conferencia aberta ás familias da comunidade educativa do centro. Por outra banda, o venres 18 de maio no paseo marítimo de Praia da Concha, a partir das 10:30 o alumnado do CPR Manuela Rial Mouzo, dende Infantil á ESO, pasando por  Primaria, participará nunha causa solidaria: a 21 ª carreira solidaria CONTRA A FAME que promove “Acción contra el Hambre”. Cada ano, desde hai xa 21 anos, a Carreira contra a Fame sensibiliza a millares de alumnos en todo o mundo acerca do problema da fame e da desnutrición no mundo. Este ano, outra vez, máis de 1600 centros escolares en todo o mundo, en España, en Francia, no Reino Unido, en Alemaña, en Italia e en multitude de países participarán neste proxecto solidario. Máis de 400 000 mozos e mozas unirán as súas forzas Organizada polo CPR Manuela Rial Mouzo e coa colaboración a nivel organizativo do Concello de Cee, trátase dunha data festiva. Cadaquén correrá ao seu ritmo e cada participante recaudará dos seus “patrocinadores” una pequeña cantidade para facer una doazón e loitar contra a inxusta ditadura da fame. Firmas como Coca- Cola, Gadis, Distribucións Guimareu e O Forniño da Xunqueira foron sensibles á idea e colaborarán no avituallamento dos atletas. Novas relacionadas Fonte  

Comentarios