Xoves. 28.03.2024
El tiempo

#10anosQPC con David Lourido: "Neste mundo tolo, é imprescindible construír en local"

#10anosQPC con David Lourido: "Neste mundo tolo, é imprescindible construír en local"
David Lourido living in Costa da Morte David Lourido living in Costa da Morte David Lourido un runner dafitero David Lourido, un runner dafitero O xefe audiovisual de QPC é de Ponteareas. Membro da familia dende 2011, David Lourido chegou a Corcubión despois de unha longa traxectoria xornalística, a pesar da súa curta idade. Gustoulle tanto a vida caribeña-costeira que non quere marchar, e malia que o seu día a día impídelle ter tempo para seguir aumentando a lista de Bondades da fala, sempre ten un anaco para ir facer unha 10K ou pegarse uns bos chupitos de LK na Gavilla. Ademais, aténdenos nesta serie de entrevistas de auto-bombo, que sacamos co gallo dos #10anosQPC, para que ademais así nos poidades coñecer un pouco mellor.  
  • QPC: Radio Galega, varias revista de Prisa… Xa chegabas a Corcubión cunha bagaxe profesional bastante importante, non?
Chego a Corcubión despois de facer prácticas nun cento de empresas; traballara na radio en Vigo e Santiago, en Madrid como redactor para varias revistas... Aquí tiña unha Feuga en Galinus e os compañeiros convidabades ao 80% das consumicións.  
  • QPC: Chegas a Galinus, unha pequena empresa de marketing dixital da fin do mundo… Que te atraía do proxecto?
Traballar nunha pequena empresa da fin do mundo. Tiña unha receita do médico que me indicaba que debía afastarme das cidades grandes. En Madrid traballara no mundo da comunicación corporativa e traballar e aprender nunha axencia de márketing era dar un paso lóxico. David Lourido con parte da familia QPC David Lourido con parte da familia QPC
  • QPC: Que te atopaches?
Unha oficina húmida, decoración mellorable, reparto dos espazos de traballo por temperatura e exceso de compromiso; a primeira orde foi cinguirme ao meu horario de traballo. O que atopei en realidade foi un grupo de grandes profesionais e mellores persoas dos que saquei moito, e a posibilidade de colaborar cun dos proxectos que sempre marcarei en negriña no meu currículo: Que pasa na Costa. David Lourido entrevistando a Luar na Lubre para as Bondades da Fala en QPC David Lourido entrevistando a Luar na Lubre para as Bondades da Fala en QPC
  • QPC: Como te acolleu a vila de San Marcos?
Moi mal. Causábame enfermidades case que todas as semanas. Disque os que emigramos a lugares máis secos, cando volvemos, sufrimos alerxia á humidade. E en Corcubión é marca rexistrada. En canto á xente, aínda que “foráneo”, non teño queixa ningunha.  
  • QPC: Agora fas máis de 120km diarios para ir traballar a Carballo, á empresa Abertal. Tanto vale a pena vivir en Corcubión?
Almorzar mirando cara a Ría, escapar á praia, cear cos amigos con 6 anos de antigüidade (aínda que pareza que os coñezo de sempre)... Todo iso vale moito máis que o que gasto en gasoil e compensa o cansazo das viaxes.  
  • QPC: O teu compromiso co desenvolvemento rural de Galicia queda patente tamén con outro dos proxectos no que máis involucrado estás: O Tempo da Aldea, en Rebordechán, unha pequena aldea de Crecentre (Pontevedra). Cóntanos algo máis desa fermosa iniciativa:
Cando xurdiu a posibilidade de traballar en Galinus, eu estaba a piques de marchar a Burdeos. Ao final cambiei Burdeos por Corcubión e cando miña nai lle contaba todo isto ao meu avó, que faleceu hai case 2 anos con 100 aniños, el díxolle: "O David é terreo”. Eu medrei e espero morrer algún día dentro de moitos anos, na aldea. Cando era pequeno queixábame se tiña que regar as fruteiras, gardar leña... O que facían meus pais era transmitirme un modo de vida baseado nos recursos da aldea e do monte. O rural galego é o 75% do noso territorio. Non hai tanto tempo viviamos do aproveitamento dos nosos recursos naturais. Hoxe desaparece unha aldea cada 5 ou 6 días, cando morre o último dos vellos. A xente da miña xeración hai moito tempo que "marchou da aldea". Pero somos moitos os que compartimos esta sensibilidade e amor pola Terra. Por todo isto, formo parte da xunta reitora da cooperativa O Tempo da Aldea, que está en Rebordechán (Crecente), a aldea de meu pai. Somos 80 socios cando hai 50 veciños. O noso obxectivo é aproveitar unha parte do monte da aldea para ter unha granxa, unha horta, un restaurante e unha tenda, facer actividades con nenos, rutas de sendeirismo que nos permitan achegarnos ao patrimonio cultural e histórico de Rebordechán, etc. Queremos crear postos de traballo, crear vida na aldea e, entre outras cousas, facer que loitar contra os lumes sexa moito máis doado. David Lourido demostra o seu Compromiso ca terra en Rebordechan David Lourido demostra o seu compromiso ca terra en Rebordechán
  • QPC: Falando xa de QPC, que cres que aporta QPC á comarca?
Polémica e temas de conversa :P Vivimos nun mundo tolo no que, para min, é imprescindible construír en local, en pequeniño. Aquí hai moitas cousas polas que paga a pena traballar e loitar e QPC recólleas todas. É moito máis que un medio de comunicación no que informarse. En Galicia cada día custa máis alonxarse e medrar lonxe das grandes cidades. Na Costa da Morte, QPC ofrécenos un sitio no que acollernos e dende o que informar, denunciar, reivindicar e avanzar como comunidade.  
  • QPC: Que che fai manterte vinculado a QPC?
O mesmo que me fixo colaborar con vós todo este tempo: agardar que me contratedes algún día. Xa vos gabei bastante, non? :P En realidade é un comportamento moi egoísta. QPC deume moito e agardo que mo siga dando. Ademais creo na resposta á pregunta anterior: como foráneo autóctono que son, ningún lugar como Que pasa na Costa, libre de humidade, para ler e contar o que ti me deixes.  
  • QPC: Con que experiencia, momento… quedas da #vidaQPC?
Quedo ca artesá que encheu a praia de Sardiñeiro de barquiñas de papel, co oftalmólogo que non deixa de mirar e loitar polo seu país, Palestina, co fotógrafo que non necesita marchar de Cee para ser un dos mellores do mundo, cos músicos buscadores e transmisores da nosa tradición... Quedo coas aprendizaxes que lles roubei a todos sen que se decataran.  
  • QPC: Cal é o teu #recunchodaCosta?
Algún lugar preto da Praia de Lires.  
  • QPC: E para rematar, que é o mellor e o peor da Costa da Morte para ti?
É, para min, o mellor lugar do mundo no que, pola contra, é moi difícil quedar e traballar. E é case imposible que iso cambie se a aposta segue a ser o despoboamento antes que os investimentos. Eu prefiro quedar con algunhas das historias que recollemos nas Bondades da Fala, de xente que, malia todo, pelexa por seguir aquí.  

Entrevistas de David Lourido en “As Bondades da Fala

#10anosQPC

10 entrevistas para #10anosQPC

10 artigos para #10anosQPC

Fonte

Comentarios