Martes. 23.04.2024
El tiempo

#10anosQPC con Javier Calaza: “Seguramente ocorréuseme o nome de Quepasanacosta tomando uns viños”

#10anosQPC con Javier Calaza: “Seguramente ocorréuseme o nome de Quepasanacosta tomando uns viños”

Javier Calaza, natural de Ferrol pero corcubionés, é o bastión social máis importante da familia QPC. Gran profesional do “naming” (a arte de poñer nomes), Calaza foi o culpable do nome “Que pasa na Costa”, que xa tiña claro mesmo antes de que o diario fose unha soa idea excéntrica. Leva en QPC dende antes de nacer e nunca deixou que quedase orfo.

Ademais de facer de todo na Axencia Travels to Finisterre e no Grupo Insua, é o que coida a sala de máquinas do diario, o “fuchicas”, o DTdeQPC (Departamento Técnico de QPC). Sen el, QPC tería desaparecido no limbo da “interné”.

Javier Calaza nunha foto de Marcos Rodríguez

Co gallo dos #10anosQPC, queremos coñecelo un pouco mellor.

 
  • QPC: Cando, como e por que remata un ferrolán en Corcubión?

Pois eu rematei aquí como Dani Cerqueiro, por amor. No caso de Dani era una cuestión de que a súa parella, Irene, acabou traballando en Cee, e como somos amigos dende os tempos da universidade, eu viña con el de visita. El estaba namorado (e está, claro) de Irene e eu, namoreime primeiro de Corcubión e logo da Costa.

 
  • QPC: Como foron aqueles primeiros anos na Costa da Morte?

Aqueles anos foron estupendos, a pesar das inxentes horas de traballo que tiñamos que adicar á empresa, o de comezar a vivir na Costa e descubrila foi un proceso estupendo. Eu o ano anterior vivín en Londres, polo que voltar a Galicia a traballar e poder facelo nun proxecto como Galinus e aínda por riba, vivindo en un sitio coma Corcubión, foi un cambio vital fantástico, tan bo, que todavía sigo vivindo aquí.

Javier Calaza living na Costa da Morte Javier Calaza, living na Costa da Morte  
  • QPC: Que che custou máis para adaptarte e que che fixo á vida máis sinxela?

A verdade que me adaptei moi ben. O que custaba máis era desprazarse, daquela non había todavía a variante de Negreira nin a de Bertamiráns, polo que os desprazamentos cara Compostela e máis alá, eran una odisea a certas horas. Aí foi cando pensei o inxusto que era que aos que inventaron o manos libres para os coches non lles tivesen concedido un Nobel ou algo.

O que me facilitou moito a vida, en canto a adaptarme a vivir aquí, foi a familia da Gavilla. Tanto a real (Yolanda, Juan, Serxo e Maruxa), como a “adoptiva”, todas as diferentes pandillas corcubionesas que tiñan na Gavi o seu punto de encontro e que me aceptaron como un máis ben pronto. Acabei sendo un foráneo nacionalizado.

 
  • QPC: Que era Galinus, Taller de Novos Medios? Como o concebían os veciños?

Galinus foi dende un ciber, a unha tenda de aluguer de bicicletas… remítome a ese fantástico vídeo “Smos Galinus” para ver como concebían o proxecto os nosos veciños. Independentemente de ter sido una empresa que adicouse a cousas da interné, foi un proxecto fantástico no que coincidimos un grupo de profesionáis con moitas ganas e ilusión, nun marco incomparable.

Javier Calaza tomando un viño nun robado de Marcos Rodríguez Javier Calaza tomando un viño nun robado de Marcos Rodríguez  
  • QPC: Como e por que nace Quepasanacosta? Como se che ocorre este nome?

QPC nace primeiro por una idea que lle rondaba a Dani dende os lumes do 2006 como ben comentou el. E logo porque sempre nos pareceu que era un proxecto que tiña que ver moito coa nosa filosofía de como concebíamos a “interné” e a súa utilidade.
En canto ao nome, non me lembro a verdade, se teño que apostar, seguramente tomando uns viños con Dani.

 
  • QPC: Remata a #eraGalinus pero un dos mellores empresarios lanza o anzó… e picas, decides quedar na Costa da Morte no canto de buscar novos horizontes no sector das novas tecnoloxías galegas. Por que?

As TIC gústanme moito, a web, o marketing online tamén, pero apetecíame cambiar de sector e facer cousas novas, e o que tiña claro é que non me apetecía marchar de Corcubión e tiven a sorte de que un dos nosos clientes, Ricardo Darriba, do grupo Insua ofreceume a posibilidade de traballar para o Grupo e decidín ficar por estas terras.

 
  • QPC: Que é o Grupo Insua na Costa da Morte?

O Grupo Insua é un grupo adicado á hostelería e ao turismo. Dende o Grupo xestionamos aloxamentos, restaurantes e cafeterías, unha axencia de viaxes e unha “Empanadería” en Cee. Varios deses negocios son colaborando con outras sociedades e no último ano comezamos a traballar nun modelo de xestión de establecementos de xente que os ten pero non quere ou pode traballalos e nós levámoslle esa xestión.

 
  • QPC: Pero ti… segues completamente vinculado a QPC. Segues tendo a chave da sala de máquinas. Por que? Que che fai manterte tan preto?

É moi difícil afastarse deste proxecto polo cariño que se lle ten a algo que axudaches a construir e que dá gusto velo ir medrando. Este proxecto tivese morto de non ter contado no seu momento con Ubaldo para levalo, e aquí segue 10 anos despoís gracias a el, polo que eu seguirei tentando botar una man na parte que eu máis ou menos domino, mentras Ubi me deixe a chave da sala de máquinas.

 
  • QPC: Que cousas cres que son as máis positivas para a comarca da existencia de QPC?

Son novas da Costa, cousas que pasan aquí e que quedan recollidas en QPC, moitas delas non aparecen noutro lado e eu creo que son as cousas que máis nos afectan. Deu a oportunidade a moita xente con inquietudes de ter una ventana na “interné” para os seus escritos, xa que a lexión de colaboradores que tivo QPC nestes anos foi moi grande. Crear una comunidade tan grande como a de QPC nunha zona coma esta, afastada das grandes ciudades, paréceme algo marabilloso.

 
  • QPC: Concursos, festas, broncas infames, centos de horas traballo, autobuses, recunchos, cadeliñas, moita xente “bonita”… Con que experiencias te quedas da #vidaQPC?

O peor momento foi o primeiro día que publicamos QPC, que recibimos una chamada dun periodista dun xornal que, nun tono amenazante, nos comentaba que non citaramos a fonte nunha nova… e como dicía, o tono non foi moi agradable. Isto propiciou un gran momento, que é cando tempo despois, podíamos comprobar que no seu xornal fusilaban os resultados do Futbol da Costa, foi xenial á par de gratificante, e evidentemente, non citaban fonte ningunha.

 
  • QPC: Con que nova ou con que mometo quedas destes 9 anos de QPC?

É moi complicado quedarse cun momento só destes anos de QPC. O que máis me gustou é poder estar preto de Ubaldo, compartimos piso moitos anos, e velo traballar e ver como se ían tecendo relacións coas xentes da Costa (artistas varios, xente do fútbol, políticos, asociación, etc…)

 
  • QPC: Cal é o teu #recunchodaCosta?

O meu recuncho é o Pindo en xeral e Peñafien en particular.
#MontePindoParqueNaturalXA!

Calaza co guía corcubionés Bruno, en Peñafiel Calaza co guía corcubionés Bruno, en Peñafiel  
  • QPC: O mellor e o peor da Costa da Morte para ti?

A Costa en si mesma é o mellor. E o peor, a incapacidade secular de facer un proxecto serio en común en toda a Costa e ver como se libran as batallas por separado en cada concello. Esperemos que as novas xeracións tomen o relevo pronto e aprendan dos erros do pasado, a ver se hai sorte.

 

#10anosQPC

10 entrevistas para #10anosQPC

10 artigos para #10anosQPC

Fonte

Comentarios