Mércores. 16.10.2024
El tiempo

As caixas vivas da lonxa de Fisterra

As caixas vivas da lonxa de Fisterra
As caixas das lonxas de Fisterra saen caras As caixas das lonxas de Fisterra saen caras

Chéganos estes días da man de varios mariñeiros de Fisterra unha curiosa queixa. Unha problemática que ten que ver cas caixas do peixe, que ultimamente estanlle saíndo ben caras aos mariñeiros que venden na lonxa fisterrá.

Segundo nos contan varios armadores, nos pósitos, cando os mariñeiros chegan do mar colocan o peixe nas súas caixas. Unhas caixas quedan alí esperando pola poxa. Os mariñeiros, para non ter que agardar ao remate da venda, levan tantas caixas da lonxa como deixaron. Así, tanto os mariñeiros como o pósito quedan co mesmo número de caixas e os primeiros poden voltar a casa a unha hora decente.

Ultimamente, no caso da lonxa fisterrá, varios mariñeiros denuncian que non lles están devolvendo as súas caixas. "Esta semana, levo pintadas co nome do meu barco 46 caixas", coméntanos un mariñeiro fisterrán que ademais denuncia que "non hai con quen falar", en alusión a que non teñen acceso ao Patrón maior.

O caso é que cada día, os mariñeiros, ou as súas mulleres, teñen que voltar á lonxa arredor das 18:00h (cando eles rematan a faena arredor das 16:00h) para recoller as súas caixas, "se non desaparecen". "Temos que esperar a que remate a poxa para recoller todas as caixas que mercamos nós mesmos porque se non quedamos sen elas. Os compradores levan as caixas e dende a lonxa non nos dan solución".

Cómpre sinalar que os pósitos reciben axudas para levar o control desta clase de problemáticas, por iso son varios os mariñeiros que denuncian "a falta de responsabilidade da Confraría". "Este problema, quen ten que solucionalo é a lonxa."

Manolete: "Non hai caixas suficientes"

Falamos tamén co Patrón Maior de Fisterra, un Manolete bastante accesible para nós e que se considera unha "persoa dialogante que non son difícil de atopar, porque ademais de estar todo o día na lonxa, ocupo bastante".

Manolete entende a problemática dos mariñeiros e sinala que "esto das caixas é tremendo; ao mellor aparecen caixas dun barco de fisterra en Celeiro ou en Vigo…" O patrón fisterrán recoñece que "a confraría non lle pode dar solución a día de hoxe, porque apenas temos persoal, a situación económica está moi mal e non temos cartos para mercar máis caixas. O único que temos son unhas caixas moi caras que mercamos en Barcelona, pero que non poden ser apilables, polo que tampouco so útiles. Si que temos caixas para os barcos do polbo, e outras grises para algúns peixes, pero é certo que algúns como a pescadilla non se poden andar movendo".

Manolete explícanos que a problemática vén de lonxe. "En 2005, cando chegamos á Confraría, a Deputación deunos unha subvención para mercar 1500 caixas, que repartimos entre os armadores. Cada barco levou 75 caixas, pero estas duráronnos 3 meses. Despois houbo un pleno no 2012, no que se aprobou no que os compradores tiñan que baleirar as caixas e devolverllas aos mariñeiros. E dou fe de que os compradores baleiran as caixas pero tes que vir buscalas de volta, nós non podemos facer máis". Fala mesmo dalgún comprador particular, como Valentín de Muxía, que deixa o mesmo número de caixas que leva.

Vai máis alá o patrón maior sinalando que "é mentira que outras lonxas devolvan as caixas ao deixalas propias, nin a de Laxe, nin a de Muros, nin a de Malpica, mesmo na Coruña hai que ir apañando as caixas". E aproveita para recordar que "nós aquí recalamos unha tonelada de xeo, e iso non se fai unha tonelada"

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios