Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Casa, ou pesadelo, no paraíso

Casa, ou pesadelo, no paraíso
Casa no Paraiso da Redonda

Traemos hoxe o peculiar xeito de contar un negativo periplo tras mercar a casa equivocada no mesmo paraíso. Un relato do que che pode ocorrer a ti, como persoa pouco experta en temas urbanísticos, que cres que atopaches o lugar, e a oferta, da túa vida.

Esta familia mercou hai uns anos unha casa unifamiliar na Redonda, en Corcubión. Un lugar idílico, cunhas vistas marabillosas ao solpor por detrás da silueta do Promontorio Nerio de Fisterra.

Pero as cousas non son tan bonitiñas como esperaban, e por iso, queren compartir a súa experiencia a través do Facebook Pesadilla en el paraíso: Casa en Redonda, onde nos contan un complicado devir “ante as irregularidades, os abusos, as malas prácticas e as corruptelas” das persoas nas que confiaches. Todo coa idea de que ”outros se poidan anticipar e non permitir que siga ocorrendo con total impunidade e liberdade de actuación”.

Un proceso habitual

Contan en primeira persoa, como “tras dar moitas voltas e vivir en distintas cidades e aldeas, coñecerás un lugar marabilloso que che cautiva. Nese lugar ofrécenche comprar unha casa coa “garantía” de que a sociedade empresarial que cha ofrece (poñamos que, por exemplo, son unha promotora S.L.) son 'xente de confianza e coñecida'”. Un clásico polo que te queres deixar convencer… I é que o sitio é tan bonitiño…

Confiarás plenamente (o maior erro co que podes empezar). Non cuestionarás nin un prezo, nin un prazo, nin un dos documentos que che instan a asinar. Aquí estarás empezando a darlles a eses cocineros os ingredientes principais para que cociñen o prato máis desagradable que che poidas imaxinar e que finalmente, valo ter que comer.
Ata podería ocorrer que, nunha expresión máxima da túa inxenuidade, animes ao teu familiar máis querido (poñamos, á túa nai) a que merque outra casa no mesmo lugar e á mesma xente, investindo todo o que conseguiu na súa vida, e pasar aí o resto dos seus días”.

Xa instalada… e comezan os problemas

Vemos como a cousa non é tan sinxela como parece… E cando xa estás instalada, a a casa pagada, chega o outono e as primeiras choivas, e aí, cando as primeiras pingueiras aparecen, decátaste que algo falla… “Bueno, non pasa nada, un erro teno calquera”, pensas aínda inxenua.

”Comunicarás a incidencia a esa promotora ‘de plena confianza’. Ves?, non pasa nada, só é un problema na ‘impermeabilización insuficiente da fachada’, e vancho a solucionar”,, dinche.

Pero as obras de impermeabilización non chegan e ves como a casa vaise consumindo na máxima humidade…Pasarás catro invernos cos seus incansables temporais, sen que atopen a solución nin a ocasión para aplicala. Caerán as paredes a cachos, darache vergonza levar a xente á túa casa, poñerás un cubo no teu salón para recoller a auga que cae do teito e acabarás por irche da túa casa por non poder seguir vivindo así:

Pero a cousa non quedou aí, porque hai outras cousas que pasaras por alto. Querías pagar o IBI da parcela porque é a túa obriga, pero resulta que “a tua parcela, na que está a túa querida casa, non consta no Catastro, nin se lle espera”.

A amiga “electricidade”

E como non, a componente eléctrica tiña que aparecer nesta historia. “Na túa casa haberá ‘luz de obra’ e querrás ter o teu propio suministro. A compañía eléctrica informarache que non poden darche o fornezo sen realizar as obras pertinentes. Novamente falarás coa promotora e contaranche que, efectivamente fai falta unha obra (nada pequena) para levar suministro eléctrico regularizado a todas as casas que están proxectadas nesa leira matriz (poñamos, seis casas incluíndo a túa)”. E segue sen pasar nada…

Acabarás pagando ti a metade da obra da instalación do fornezo eléctrico, e cando teñas pagado 2.000€, despois de iniciadas as obras, diranche que “por imperativo legal, non se permite o tendido eléctrico aéreo en terreo rústico, polo que che desfarán a instalación. Quédaste coa ‘luz de obra’ ou deixas de vivir na túa casa. O diñeiro pagado polo fornezo de electricidade non volverás velo nunca máis”.

As obras da casa da túa nai, que pagará cos aforros de toda unha vida, comezan na parcela de o lado. Ela segue pensando o “nunca imaxinei vivir nun sitio tan marabilloso”, mentres ti non es capaz de disfrutar do teu entorno, porque “no inverno pasas frío (non podes usar calefacción porque o teu precario fornezo eléctrico non cho permite), a auga entra na túa casa”…

Apelando ou implorando

Farta de incomodidades, esixes aos promotores que asuman o custe de reparar as fiestras (só 2 pechan ben), as humidades, e todos os problemas causados pola deficiente construción. Pero “aí é cando empezarán a facerte a vida imposible”. Cómpre asesorarse e ir protestar, pero a realidade é que acabas mendigando.

Sorprenderache darte conta que es o último mono e o que paga mentres os demais ráscanse as costas entre eles. As autoridades que deberían velar para que se cumpran as normas e leis para que isto non ocorra, lonxe diso, facilítanlles o camiño.
A túa casa podería ter licenza de primeira ocupación pero sen contar con fornezo eléctrico regularizado, cuestión que é imprescindible para ser unha vivenda (en caso contrario, sería unha mera edificación). Os que deberían controlar á promotora mirarán cara a outro lado e ti, ignorante, pagarás para dar solución a algo que tería que estar feito e supervisado polas autoridades.
Reclamarás unha explicación e solución ás autoridades, pero nunca te chamarán. Manterán reunións (a promotora e as autoridades) sen contar contigo.

Chegan as amenazas, e ao ver que ti non colaborarás cun sorriso, “irán pola túa nai”, esquecendo as obras que aínda teñen pendentes. Mesmo enviarán un burofax obrigando a pagar un servizo de luz que nin sequera pode disfrutar, completando un ciclo de inefables demostracións de “amenazar, acosar, extorsionar e timar”, por parte da “promotora de confianza”.

En clave de consello

A nosa amiga Pesadilla en el paraíso: Casa en Redonda quere compartir esta experiencia con todo o mundo, coa intención de que sexamos “precavidos” á hora de mercar. “Asesórate ben”, incide, infórmate. E aconsella que manteñas sempre a vía do diálogo con eles. Acumula toda a información posible (documentación escrita, gráfica, audiovisual,), é posible que acaben brindándote a ocasión de expoñela ante todo aquel que a reclame ou, simplemente, queira coñecer a realidade que nos rodea”.


Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios