Sábado. 21.09.2019
El tiempo

Corcubión actualiza o seu Plan Especial do Casco Histórico, vixente dende 1991

Reunión da corporación municipal ca Xunta
Reunión da corporación municipal ca Xunta
Corcubión actualiza o seu Plan Especial do Casco Histórico, vixente dende 1991

Dende 1991 rexe o Plan Especial do Casco Histórico de Corcubión. Corcubión foi o primeiro en dotarse dun plan deste tipo, que ten como obxectivo garantir o futuro e a revitalización das zonas monumentais. Pero tras case 30 anos, parece evidente que é necesaria a súa revisión. Por iso, a comitiva municipal ao completo de Corcubión recibiu este luns á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para asinar un convenio polo que a Xunta asumirá o 100% dos custos de redacción do novo documento co fin de adaptalo á Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

A actualización do Pepoch é un paso que o concello estaba obrigado a dar tras a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016. A idea é que o novo plan poida ser aprobado no ano 2022.

Protección e futuro

Durante a reunión, afondouse na necesidade de que centros históricos como Betanzos, Mondoedo ou Corcubión (os únicos cun Pepoch anterior a 1995) se manteñan “vivos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar e poñer en valor todo aquelo que defina o propio plan”

Para vincular actividade e protección, a Xunta lembra a liña de subvencións posta en marcha este ano para apoiar aos mozos galegos na compra de vivendas localizadas en centros históricos. Esta axuda, lembrou, será aplicable tamén no Concello de Corcubión, onde os interesados en adquirir un inmoble destas características terán de prazo ata o 31 de outubro para optar a este programa ou ben, se o prefiren, acollerse á liña de axudas dirixida aos menores de 35 anos para a compra de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Ademais destas subvencións para adquisición, a conselleira de Medio Ambiente tamén explicou que o seu departamento dispón de diferentes liñas destinadas á rehabilitación de inmobles de tal xeito que se un mozo compra unha vivenda localizada nun casco histórico e necesita rehabilitala, poderá recibir tamén apoio económico da Xunta con esta finalidade, ademais de beneficiarse dunha dedución autonómica do 15% na declaración da renda, a aplicar sobre as cantidades investidas e cun límite de 9.000 euros.

ARI

No casco histórico de Corcubión tamén hai unha Área de Rehabilitación Integral (ARI), declarada no ano 2003 e grazas á cal xa se investiron nesta zona preto de 560.000 euros en actuacións rematadas e están comprometidos máis de 320.000 euros para acometer novas obras de rehabilitación e urbanización. Así mesmo, como subliñou a conselleira, o municipio coruñés é un dos 126 que forman parte da ARI dos Camiños de Santiago xa que a ruta de Fisterra a Muxía atravesa o seu territorio e, polo tanto, o concello tamén ten a posibilidade de optar a estas axudas ata o 31 de outubro.

Comentarios