martes. 21.04.2026
El tiempo

Carballo e Corcubión concentráronse contra a "guerra imperialista"

Concentracion en Corcubion contra a guerra imperialista 2
Concentración na Praza Castelao de Corcubión
Carballo e Corcubión concentráronse contra a "guerra imperialista"

Os grupos do BNG de Corcubión e de Carballo secundaron a convocatoria da Plataforma Galiza pola Paz, para realizar concentracións en contra da guera imperialista que se viviu en máis de trinta vilas do país. Unha concentración "contra o imperialismo e as súas expresións belicistas por parte de Estados Unidos e Israel.  "A agresión contra o Irán continúa, á vez que tamén hai ofensivas contra o Líbano, Iemen e Palestina, e multiplícase en dirección á América Latina e ao Caribe".

Os manifestantes saíron á rúa "para demostrar que as guerras imperialistas non nos son alleas, para protestar polas consecuencias que nos impoñen, e para exixir accións concretas de quen nos goberna. Non só para paliar os danos, senón para evitar que continúen poducíndose".

En Carballo tamén realizaron unha concentración, cunhas 70 persoas:

Manifesto

Vimos hoxe a esta praza porque, mentres a agresión contra o Irán continúa e se multiplica en agresións tamén contra o Líbano, o Iemen e a Palestina toda, e se multiplica en dirección á América Latina e ao Caribe, mentres todo iso acontece, somos os pobos — o pobo galego que sempre sabe colocarse do lado certo da historia — os que nos temos que mobilizar para berrar ben alto que non queremos agresións. Hoxe, esta e outras 30 localidades do país saen ás rúas para demostrar que as guerras imperialistas non nos son alleas, para protestar polas consecuencias que nos impoñen, mesmo estando a millares de quilómetros das bombas, e para exixir accións concretas de quen nos goberna, non só para paliar os danos, senón para evitar que continúen producíndose.

Isto é especialmente importante agora que todo o mundo fala sen parar da necesidade de abrir o estreito de Ormuz. Como se o problema fose o estreito, e non a impunidade armada de Israel e dos Estados Unidos, que un día secuestran un presidente, outro día impoñen sancións e reforzan bloqueos, outro día invaden o sur do Líbano… e todo mentres continúan aferrollando o pobo palestino en Gaza e se preparan para colapsar a Cisxordania. O problema non é Ormuz! O problema é o imperialismo e as súas guerras.
Os grandes medios de comunicación, porén, pretenden instalar un debate que debemos rexeitar desde o principio: o debate sobre como reabrir o estreito de Ormuz. Trátase dun debate falso e interesado, que pretende que a OTAN se active para procurar os intereses ilexítimos de Israel e dos Estados Unidos, e que os pobos do mundo aceptemos como punto de partida a súa impunidade e a idea de que as consecuencias da guerra só son aceitábeis se quen as padecen son outros. Non podemos aceptar este debate.

O estreito de Ormuz estaba aberto. Por el transitaba, sen restrición ningunha, unha parte fundamental do comercio mundial, até que os Estados Unidos e Israel decidiron iniciar unha guerra que non son capaces de gañar. Foron eles quen pecharon o estreito, non co seu corpo, senón coa súa agresión. Sen guerra, o estreito ficaría aberto. A área de tránsito de Ormuz fai parte, ademais, das augas territoriais do Irán, que ten por iso dereitos sobre el e que, non se esqueza, está aberto para as embarcacións daqueles países que non participan da agresión. Esixir agora que sexa o Irán quen ceda é esixir á vítima que facilite a agresión. Tampouco debemos aceptar outro debate que vén á tona cada vez que as potencias imperialistas se embarcan nunha agresión: o debate que presenta esta guerra como unha irresponsabilidade persoal dos seus dirixentes. Esta guerra non é un accidente de carácter infantil de Donald Trump nin un erro de goberno, do mesmo modo que o xenocidio palestino en Gaza non responde unicamente aos intereses persoais do asasino Netanyahu.  O imperialismo e as súas prácticas —a agresión militar, o xenocidio, os bloqueos, os secuestros de dirixentes electos, a guerra comercial, a guerra mediática e psicolóxica— non acontecen porque un pobo escolla este ou aquel gobernante. Acontecen porque o sistema de relacións internacionais leva décadas instalado na lei do máis forte, e porque ese sistema ten nomes, estruturas e beneficiarios que non cambian cunha elección. Os Estados Unidos levan décadas impulsando guerras, golpes de estado, bloqueos e sancións con todas as administracións e a ocupación da Palestina vai camiño de 78 anos.

Alí padecen morte e a destrución material das condicións de vida. Aquí, ben o vemos, padecemos as súas guerras con subas de prezos e cortes de comercio. Cando ollamos como se non foran connosco conflitos en países lonxanos e non nos anoxamos co aumento dos gastos militares, descubrimos de repente que custa máis pagar a vivenda, encher o depósito do coche ou a neveira. Mais sempre hai quen se beneficie. Sempre hai quen faga da morte o seu
negocio e da lei do máis forte a base do seu lucro, e, mentres os pobos do mundo pagan as consecuencias, os especuladores fan caixa con cada bomba. Por iso, dicímolo máis unha vez, a paz que esiximos non é a paz dos caladiños e caladiñas nin a paz que agarda a seguinte guerra. É unha paz real e global. Acabar coa guerra contra o Irán é tan fundamental como acabar coa agresión permanente ao Líbano, tan urxente como deter dunha vez para sempre o
xenocidio palestino e a ocupación, tan básico como levantar o bloqueo a Cuba ou liberar o presidente Nicolás Maduro. A paz non é a ausencia de guerras abertas. É un paradigma de relacións entre os pobos en pé de igualdade, sen tutelas e sen chantaxes, un modelo que recoñece a soberanía dos pobos todos, non só dos que interesan, e sen a ameaza constante dun puñado de potencias que se arrogan o dereito de decidir quen e como merece existir.

Non á guerra imperialista!
Galiza pola Paz!

Comentarios