Mércores. 11.12.2019
El tiempo

Cuestión de milímetros

Este pasado venres celebrouse na Capela do Pilar de Corcubión o Ciclo Etnográfico de Cine Galego. Unha cita singular, cen por cen galega, alonxada da competitividade e a présas, que achegou á vila de San Marcos diferentes realidades do noso país.
Para afondar sobre o ciclo, temos a sorte de contar con Arturo Franco, que nos dá a súa persoal visión da xornada, tan experimental como o propio festival.
María Bella, Ana Domínguez e Ángel Rueda presentando o Ciclo de Cinema Etnográfico Galego na Capela do Pilar de Corcubión
María Bella, Ana Domínguez e Ángel Rueda presentando o Ciclo de Cinema Etnográfico Galego na Capela do Pilar de Corcubión
Cuestión de milímetros

Capela do Pilar con boa acollida
O Festival tivo moi boa acollida.

Nas persoas e no cine, a beleza é cuestión de milímetros. É difícil de calcular o nivel de algo cando se mide en términos de beleza, no entanto, sentímonos máis seguros si podemos cuantificar o intanxible. Milímetro arriba, milímetro abaixo, os especialistas, os dobres de toda a vida, saben ben do que falo. Tan parecidos, e tan distintos das estrelas ás que protexen, ás que dobran. Cuestión de milímetros, á fin e ao cabo. Eses milímetros valen millóns. Eu como arquitecto, con todo, mido a beleza en centímetros. Así de imprecisos somos. O meu amigo Guillermo que é enxeñeiro de camiños mídea en metros, por iso é un pouco máis bruto. Luís como bo político, en votos, e Mari Carmen, a miña veciña de O Fieiro, en ferrados. A beleza ten moitas caras e aparece cando menos o esperas.

Paseaba eu o outro día por Corcubión en busca dun café mentres facía tempo antes de entrar no notario, a ver si me daba un pouco de Fe, porque os notarios dan Fe, mellor dito, véndena. Os notarios miden a beleza en libros e protocolos. Por certo… “facer tempo”, que bonita expresión, máis importante que facer diñeiro, con todo, que pouca importancia lle damos. Bueno, pois pedindo un café atópome con María, que alegría! Dime que coida a cultura e que organiza actividades nunha capela xunto á súa casa, a Capela do Pilar. Que casualidade!, outro lugar onde se mide a beleza en libros e protocolos, bautizos, comuñóns e outros sagrados sacramentos. Outro lugar onde a beleza se mide en cantidade de Fe. Dun modo ou outro alí tamén a venden.
A cabeza pérdeseme buscando coincidencias. Se cadra sexa o influxo do olimpo celta. As pedras tamén me fan ver caras onde non as hai e viceversa. Hai pouco decateime de que iso se chama “pareidolia”. Gústame coleccionar caras. Nas pedras, pero tamén nas minchas. O meu amigo Antonio Pérez se autoproclama coleccionista de nubes… O parecido entre unha cara e unha pedra tamén é cuestión de milímetros. Depende da túa posición relativa. Aclárame María que a Capela do Pilar xa non é un templo sagrado, que alí realizan actividades culturais e que esa tarde programaron unha mostra de cine. O cine tamén é unha forma de facer tempo. E aquí a calidade do tempo, polo tanto a súa beleza, mídese en milímetros. En 8 en 16 ou en 35 milímetros.

Ana e Ángel, que son os impulsores de S8 (Mostra de Cinema Periférico), montaron outra mostra específica de cine local, autóctono, empaquetado baixo o nome de cine etnográfico e trouxérono a Corcubión, ao interior dunha capela que perdeu a fe. Sentado na sala o único punto en común coa súa antiga dedicación é o frío xélido deste espazo do norte orientado ao norte. Corcubión mira ao norte e esta mostra tamén. Fago unha foto á presentación de Ana e Ángel e envíolla á miña irmá por whatsapp para facerme o interesante. Un ten que sacar partido aos poucos momentos que dedica á cultura.

Literalmente contéstame: Son os dires do mellor festival de cine de España.
Iso obrígame a quedarme ata o final, ata ao faladoiro. Algo impropio dun escéptico coma min.

Entón a beleza deixou de ser un problema de milímetros para ser un problema de minutos. O cine transcorre, móvese. Por que é máis simpático, a priori, unha cortometraxe que unha mediometraxe ou unha largometraxe? Porque dura menos? Efectivamente.

Na arquitectura e no cine o creador ten que saber cando parar, cando apartarse. As historias están ben ou están mal cando manexan a súa medida exacta. Que difícil é anticiparse. Que difícil é frear a tempo.

A mostra presentada por Ana e amenizada por Ángel na casa de María, nunca mellor dito… transcorreu rápido e iso é bo. Aínda que non me gustaría falar do ben e o mal e menos dentro dunha igrexa senón da beleza en términos cuantificables. A mostra fala do cotián sen imposturas, sen rarezas, sen sobreactuar, sen pasarse de pesados.

Que lle pareceu a mostra? Baste dicir que se fixo corta esta colección de belos relatos en 16 milímetros a pesar do frio daquel 29 de novembro en Corcubión.

Novas relacionadas

Comentarios