Xoves. 18.04.2024
El tiempo

De MZ a Baíñas: Regueifando con Fasido do Ribeiro

De MZ a Baíñas: Regueifando con Fasido do Ribeiro
Fasido do Ribeiro, ou  Antonio Antelo, con Guillerme Ignacio Costa Fasido do Ribeiro, ou Antonio Antelo, con Guillerme Ignacio Costa

Nestes tempos nos que as tradicións non pasan polo seu mellor momento, novas coma esta fannos recuperar a esperanza. Tremendo o traballo de recuperación patrimonial sonoro que está a facer o bo de Guillerme Ignacio Costa, membro do grupo Quempallou e ben coñecido da nosa bisbarra tralo seu paso polo colexio de Corcubión. Agora vive no Morrazo, a súa terra, pero non perde ocasión de percorrer país ca gravadora en man e a lingua ben afiada.

Este “compilador de tradición” (pasen polo seu Soucloud ˝Bonseibe” que merece a pena), acompañado de Xulia Feixoo, veñen de facer unha gravación ben fermosa, demostrando que a regueifa non só se dá na comarca de Bergantiños, se non que as terras do Xallas e Soneira tamén deron grandes regueifeiros.

Foron ata Outeiro, en Baíñas (Vimianzo). A historia é ben curiosa, e nacía no Asalto ao Castelo deste ano, onde despois de tocar Guillerme estivo charlando durante a cea cun veciño auténtico da Costa da Morte. "E aproveitei, como sempre fago, para preguntarlle quen canta e quen toca a pandeireta por esta zona". O home lembrouse dunha muller que é compoñedora, Presiosa do Quintanexo.

Así, en pleno verán, fixo un percorrido xunto a Xulia, e as (Susana, Paula e Uxía da Universidade Popular de Corcubión, pola zona de Torea (Muros), Mazaricos... E "nunha destas fumos visitar a Presiosa. Entrevistámola, e é compoñedora auténtica, con coñecementos físicos, non espirituais. O caso é que ela non lembraba cantar, pero mentres os fillos e os netos nos contaban que o que era moi cantador era Antonio, o home de Presiosa, que alí estaba na cociña. Dicíannos que tocaba de todo, dende a gaita ata as culleres. Entón, de repente pregunteille polas regueifas, e Antonio contou que era regueifeiro. Foi alucinante porque non tiña a máis mínima idea. Non estaba moi de humor para cantar, pero nun momento botou unha copla, e eu tireille unha de volta para animalo, parte do proceso de compilador, e o tipo demostrou que ten moita copla enriba", cóntanos Guillerme, contentísimo por botar o seu primeiro "duelo" cun dos auténticos veteranos regueifeiros galegos.

Así foi como Guillerme descubriu no Outeiro a “Fasido do Ribeiro”, oficialmente chamado Antonio Antelo, natural dos Baus, Mazaricos, nado aló polo 1927. Fasido marchara dos Baus hai xa 50 anos, debido a construción do encoro da Fervenza, cando ademais de asolagar a zona, o V cambioulle o nome para Os Vaos.

 

Compilando tradición

Un traballo este de "compilador tradicional" tremendamente valioso, o que fai Guillerme. "É unha cousa persoal. Recollo cousiñas que me parecen fermosas, que me parece importante compartilas coa xente que lle interese. Sou cousas que se perden, por iso está moi ben facer este arquivo", recoñece Guillerme ao máis puro estilo Alan Lomax.

Un Guillerme que ten bo contacto con outro gran recuperador cultural como profe do IES de Baio, Manolo Maseda. Un Guillerme que nos conta que en breve volverá pola volta, pois ten unha visita moi interesante pendente na parroquia de Torea, en Muros, despois de coñecela da man do seu amigo Jorge de Louro. "É unha zona moi interesante, porque baixa de arriba do monte, case en Mazaricos, ara o mar, en Abelleira, e nunha mesma parroquia no alto din /muito/ e na parte baixa din /moito/.

 

Estado de saúde da regueifa costeira

Nestes últimos faleceron dous pesos pesados da regueifa bergantiñá, como son Guillermo da Rabadeira e Fermín da Feiranova. Mentres a Rexoubeira de Bergantiños segue viva pero sen forzas para lanzar coplas, si que seguen en plena forma os Suso e Antonio de Xornes, chegando ata a Universidade.

Pero hai iniciativas para aumentar a esperanza como ese premiado proxecto Regueifesta do IES de Baio, que mestura a regueifa cas novidades tecnolóxicas do século XXI. Ou eses inmensos traballos de recuperación etnográfica que desenvolve Xosé Manuel Varela pola comarca de Bergantiños, como foron as Polafías de Cabana e de Cerqueda. Uns traballos que, por certo, xa chegaron ás escolas da bisbarra.

Máis novas regueifeiras

Fonte

Comentarios