Xoves. 28.03.2024
El tiempo

"En Galiza segue sendo imposible abrir unha conta bancaria en galego"

"En Galiza segue sendo imposible abrir unha conta bancaria en galego"
Marcos Maceiras presidente da Mesa pola Normalizacion Linguistica Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalizacion Linguistica Hoxe, para celebrarmos o Día da Patria, queremos falar con Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística sobre a Iniciativa Lexislativa Popular que están intentando presentar sobre os dereitos lingüísticos do galego no edio socioeconómico. Xa ten recibido apoio irmandiño e da comarca de Bergantiños (esta fin de semana tocou achegarse ao Mercado Medieval de Corcubión) pero necesitan chegar ás 10.000 sinaturas para levala ILP ao Parlamento Galego. A ILP da Mesa pola Normalizacion no Mercado Medieval de Corcubion A ILP da Mesa pola Normalización no Mercado Medieval de Corcubion O lema da campaña “sentido común”, sentido común para calquera persoa que o desexe poida ser atendida en galego, e por iso lanzan a plataforma sentidocomun.amesa.gal.  
  • QPC: Fai falta sentido común para esixir algo tan obvio como poder expresarse na túa propia lingua?
É de sentido común que calquera persoa se poida expresar na súa lingua propia no seu propio país, e máis se se tratar dunha lingua cooficial como o galego. Porén, en Galiza, isto non está tan claro. Podemos utilizar o galego sempre, mais non sempre recibiremos a atención debida en igualdade de condicións que de falarmos outra lingua, o que é claramente discriminatorio. No ámbito das relacións comerciais son moitos os casos onde se nega a atención por falar galego utilizando unha coacción inadmisíbel do tipo de “o me habla castellano o no le atiendo”. Para o galego apenas existen normas que garantan o uso do galego alén das básicas que nin sequera se cumpren. Pola contra, para o castelán, hai máis de 500 disposicións legais que regulan a garantía de utilizar e recibir información nesta lingua. Se o galego é a lingua propia de Galiza e non é menos lingua que outra, o sentido común indica que debemos ter dereito e garantía de uso sempre, en todo e para todo. Nin máis nin menos do que acontece con outras linguas oficiais no mundo. Isto tan de sentido común é o que queremos conseguir coa ILP. Por dicelo de maneira gráfica queremos que o galego estea tan presente en Galiza e se poida usar coa mesma normalidade que o español en Madrid, o francés en París, ou o finés en Helsinki.  
  • QPC: Póñanos 5 exemplos concretos que aínda faltan para conseguir esa igualdade de dereitos e polos que pelexa esta Iniciativa?
Só no ámbito socioeconómico ao que se refire esta ILP poderíamos citar miles de casos. A Mesa conta cun servizo gratuíto, A Liña do Galego, no que se poden denunciar estas situacións, e tamén dar parabéns e facer consultas. Conta ademais cunha App para Android e Apple. Comezando por un exemplo que denunciamos na Mesa tras unha queixa que nos chegou das traballadoras e traballadores de Ferroatlántica de Cee e Dumbría: o código ético desta empresa establecía que as relacións entre a empresa e traballadores só se podía realizar en inglés, chinés mandarín, francés e castelán. O galego excluído por unha compañía que conta con varios centros de traballo en Galiza e dos que tira importantes beneficios. É indicativo do desprezo que se pode chegar a ter polo mesmo país que lles permite repartir dividendos. Extraen enerxía e recursos, pretenden utilizar para o seu exclusivo interese unha comarca como a Costa da Morte e ademais exixen que que non lles fales na túa lingua! É unha mostra máis de racismo lingüístico. Esta actitude enmárcanse dentro da tipoloxía de empresas que se negan sistematicamente a utilizar o galego, mesmo con graves consecuencias para os traballadores e traballadoras. Acontece tamén en empresas de teleatención que se encargan de dar tipo de información e servizos, desde bancarios a atender incidencias. Algunhas teñen protocolos internos que impeden aos traballadores falar galego aínda que o cliente o solicite. Como en castelán se poden ofrecer estes servizos desde lugares con condicións laborais moito piores, detrás da negativa a empregar linguas como a nosa está a deslocalización coa que as empresas ameazan no caso de conflitos laborais. Un exemplo recente é o de Extel na Coruña, unha empresa de teleatención na Coruña que iniciou un ERE. Se estas empresas tivesen que dar opción de galego, os 2000 postos de traballo que se perderon en Galiza entre 2010 e 2012 neste sector aínda existirían. Esta negativa, en moitos casos, vulnera non só o dereito a utilizar o galego en Galiza, senón tamén outros dereitos fundamentais das e dos consumidores. Hai casos de persoas ás que se lles negou a axuda na estrada se non falaban castelán coa empresa á que lle pagaba relixiosamente o seguro do automóbil. Ademais da cota correspondente pretendían facer pagar o imposto lingüístico. Mais tamén hai casos onde se utiliza o galego como elemento publicitario para mostrar proximidade coa clientela sen que iso se traduza en posibilidade de uso. Outro exemplo: en Galiza é imposíbel abrir unha conta bancaria en galego. Non existe a documentación para o facer. Nos seguros mesmo hai contratos que recoñecen esa posibilidade só porque o di a lei, mais o modelo de contrato en galego non existe. A información ao consumidor en galego sobre os produtos que compra tamén non existe como calquera pode comprobar. Cando un compra un televisor, ou unha cámara fotográfica, a lexislación obriga a que a etiquetaxe e a información estea en castelán. Para o galego nada. Por que non temos dereito a ler tamén en galego? Temos algunha eiva? Se falarmos da internet podemos ver como moitas empresas ofertan e venden os seus produtos en diferentes linguas do Estado. Para o galego nin a máis mínima opción. Por último podemos falar tamén das empresas que queren utilizar o galego con total normalidade mais se atopan con obstáculos legais. Recentemente denunciamos un caso dunha empresa á que se lle negou o rexistro sanitario por parte do Ministerio de Sanidade porque a documentación e a etiquetaxe do produto estaba en galego. Isto afecta mesmo a concellos, como nos casos de Santa Comba, Santiago e Teo aos que o Ministerio de Industria lles negou unha subvención de millóns de euros para renovar o alumeado público porque parte da documentación estaba en galego. Son só algúns exemplos mais mostran como a oficialidade do galego é ficticia. A pouca lexislación que ampara o uso do galego ten sempre a condición implícita de non se cumprir. Calquera pobo do mundo precisa da súa lingua para existir e se desenvolver a todos os niveis. Se ao pobo galego se lle limita a posibilidade de uso da súa lingua, estáselle impedindo un dereito fundamental e limitando o seu desenvolvemento. Precisamos mudar esta situación. A lingua é unha necesidade.  
  • QPC: En todo caso, Galicia xa non é aquela que cando ía ao médico trocaba ao castelán, non si?
Hoxe hai maior conciencia da necesidade da lingua e de que a mellor maneira de defender a nosa lingua é usándoa mais iso non quere dicer que a situación mudase. Aínda hai moita xente que pensa, porque así llo fixeron crer, que ser galego é ser inferior e que a mellor maneira de pasar por outra cousa é evitar o uso do idioma. Isto ademais está favorecido por moitos outros factores, entre outros que en Galiza ao contrario que noutros casos como Euskadi ou Cataluña, non contamos cun goberno na Xunta que defenda en primeiro lugar aos galego e á súa lingua. Na situación concreta que comentas podemos comezar por sinalar que para o acceso ao SERGAS o galego puntúa mais non é condición para obter praza, encanto o español si é obrigatorio. Moitas veces dá igual que queiras falar galego porque simplesmente o médico non entende, nin quere, nin ten por que facelo, aínda que en teoría calquera traballador público se debe dirixir á cidadanía na lingua que demandar. É unha inxustiza máis que actúa sobre unha base autonegación de nós propios, de autoodio.  
  • QPC: Cantas sinaturas se poderán acadar?
O 17 de maio, na manifestación do Día das Letras Galegas, anunciamos que xa acadaramos as 10.000 sinaturas, polo tanto o primeiro obxectivo está cumprido e a ILP será debatida no Parlamento galego. Agora fáltannos moitas máis para demostrar que o pobo galego quere a súa lingua en toda parte e para todo. O que queremos con esta ILP é que se nos garanta a posibilidade de uso do galego sempre. Non queremos continuar a tramitar queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos. Moitos miles máis de sinaturas serán unha boa demostración da forte demanda de galego da que as empresas terán que tomar nota mesmo que non for aprobada a ILP polo Parlamento.  
  • QPC: Onte ten mellor acollida a ILP, no rural ou nas cidades?
A receptividade está a ser moi grande tanto no rural como no urbano. Niso non notamos diferenzas. Chama a atención a acollida por persoas que sen usar o galego habitualmente si queren presenza completa do galego mesmo para lles facilitar a posibilidade de comezar a utilizar a nosa lingua.  
  • QPC: Que máis accións está desenvolvendo a Mesa? Ides volver pola zona?
A actividade da Mesa pola Normalización Lingüística mesmo cinguíndose só ao ámbito de defensa e promoción da lingua galega é moi variada. Contribuímos a repor o galego onde a administración, principalmente a Xunta de Galiza que ten a obriga legal de o facer, non actúa ou o fai en contra. Actuamos tamén para pór de manifesto e denunciar a situación do galego, e pomos todo o noso esforzo para mudar a situación coa forza da mobilización social. Todo isto desde unha entidade social que non recibe ningún tipo de axuda da administración autonómica. Un caso único en todo o Estado nos territorios con lingua propia oficial. A actividade da Mesa depende só das achegas das súa socias e socios, por iso animamos a todo o mundo a se asociar. O galego existirá mentres haxa quen o fale e o defenda, e niso centramos a nosa acción. Somos máis de 5000 persoas as que formamos parte da Mesa mais precisamos ser moitas máis. Exemplo deste traballo son os materiais didácticos para a Educación Infantil con primeiro abecedario feito desde o galego; os informes que elaboramos sobre o uso do galego nesta etapa educativa para evidenciar a exclusión sistemática do galego mesmo nun ámbito tan básico, ou a memoria anual da Liña do Galego, un servizo para queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos, parabéns a quen utiliza o galego, ou información sobre o dereito a empregarmos o noso idioma. Moito deste traballo que realizamos no día a día é máis visíbel en datas sinaladas como as mobilización de miles de persoas o 17 de maio, ou pequenas accións como a recente diante dos xulgados de Corcubión pola negativa a rexistrar a restauración dun apelido á forma galega orixinaria. Actuamos tamén diante de organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU ou o Consello de Europa e formamos parte, cunha vicepresidencia, da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN nas súas siglas en inglés). Na Costa da Morte non deixamos de actuar. Hai dous anos reconstituíuse o grupo de traballo na comarca e xa son varias as accións que realizamos aquí. Defendemos a proposta de ordenanza de uso do galego no concello de Cee, denunciamos como FCC argüía descoñecemento do galego para cumprir coas súas na xestión do lixo en concellos como Carnota, o caso que comentamos antes de Ferroatlántica ou do xulgado de Corcubión, realizamos varios actos en Cee, Corcubión, Carnota, Fisterra... Ademais de ter organizado recollidas de sinaturas da ILP en Vimianzo, Corcubión, Laxe...  

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios