Venres. 29.03.2024
El tiempo

O BNG corcubionés esixe a retirada inmediata da balea

O BNG corcubionés esixe a retirada inmediata da balea
A Balea morta nun coido da Redonda-Foto-Marcos Vazquez

Xa van dúas semanas dende que unha balea morta quedaba varada na costa de Corcubión. Estes días viamos como o corpo segue desfacéndose co mar batente nas rochas da Redonda, pero os protocolos de actuación para a súa evacuación e despece non están levando a cabo.

"Por que?", pregúntase hoxe o BNG corcubionés, que "quere saber que procedementos ou protocolos aplica a Xunta de Galiza ante a presenza de cadáveres de grandes baleas no noso litoral". A súa vez tamén piden "explicacións de cales foron os motivos polos que unha balea de 19 metros foi abandonada no coído de Redonda en Corcubión, o pasado día 16 cando Salvamento Marítimo xa a tiña amarrada para levala a un lugar no que proceder o seu oportuno tratamento de retirada".

A realidade é que o cabo na que a estaban transportando rompeu e foron incapaces de achegala á praia ou ao porto corcubionés, pero dende esa non houbo ningún outro intento como nos confirmaron dende o CEMMA que seguen esperando as instrucións de Salvamento e da Xunta.

Entende que "se ben non é un caso de grave contaminación, si se están a producir situacións que resultan intolerables no decoro da xestión por parte da Administración, e constatamos as situacións discriminatorias segundo o lugar de Galiza en que se producen estes varamentos. Noutros lugares non se escatimou en medios e actuouse con suma dilixencia", comparan.

Así, o BNG quere amosar a súa "preocupación de que o abandono do cadáver se está a converter innecesariamente nunha fonte de molesta insalubridade para os veciños do lugar máis próximo e é unha desconsideración a aqueles profesionais do mar que teñen que traballar nesa contorna, sen que exista nin a máis mínima preocupación nin por parte da Xunta nin por parte dos responsables municipais aos que parece que todo isto non vai con eles, e amosan unha vez máis o total desgoberno existente no grupo de goberno municipal", aproveitando a coxuntura para criticar ao grupo de goberno local.

O BNG presentará "mocións nos concellos, así como tamén unha iniciativa parlamentar para esixir a Xunta a creación e aplicación dun protocolo de coordinación retirada e rexistros de mortalidade de cetáceos, para que non se repitan este tipo de situacións".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios