Domingo. 17.11.2019
El tiempo

#FRIDAYSFORFUTURE

“Parecíanos imposible que, si todo o mundo estaba en movemento, Corcubión non o estivera”

Proxección sobre as mobilizacións dos #FridaysforFuture na praza de Corcubión
Proxección sobre as mobilizacións dos #FridaysforFuture na praza de Corcubión
“Parecíanos imposible que, si todo o mundo estaba en movemento, Corcubión non o estivera”

A semana pasada foi unha gran demostración do potencial social das comunidades escolares. Parece que a loita contra o clima ten nos centros de ensino os seus principais actores, onde as asociacións comprometidas co medioambiente poden comezar a espallar o seu discurso para mobilizar a toda a cidadanía.

Un proceso semellante ao que viviron outros centros de ensino e lugares da comarca como Os Muíños, Cee, Louro, Carnota, Baio ou toda Camariñas, tivo lugar en Corcubión. A falta de acción na rúa e a falta e cobertura nos medios estatais da Semana polo Clima levaron a Frank Buschman e María Bella a trasladar a loita da Asociación Boca de Sapo ao CEIP Praia de Quenxe. ”A ausencia de eco en España nas primeiras horas fíxonos pensar que a Costa da Morte todo ía chegar demasiado tarde, ou non chegar. Parecíanos inaudito. Así que empezamos a improvisar”, recoñece María Bella. “Parecíanos imposible que, si todo o mundo estaba en movemento, Corcubión non o estivera”.
Así que propuxeron, con Álex López facendo de enlace ca ANPA, levar unha proxección á Biblioteca do centro onde se visibilizase unha marea de imaxes das manifestacións escolares ao longo do planeta no marco das folgas escolares dos #FridaysforFuture (#venrespolofuturo).

A rápida resposta da dirección do centro fixo fácil comezar a traballar, permitindo que a acción dos pais e nais se completase coa mobilización do profesorado, que invitaba á rapazada a ver a proxección.

O CEIP de Corcubion loitando polo clima
A biblioteca do CEIP Praia de Quenxe acolleu a proxección durante toda a semana

O venres 27, o gran día

O venres 27 estaba convocada a folga en toda España. No cole de Quenxe en Corcubión, como noutros coles da zona, decidiron facer un parón. Baixaron ao patio ás 13:10 con cartazes de cartón reciclado coreando consignas como “Salvemos ou planeta" cantando atei ás 13:25.

A idea das xente de Boca de Sapo era sacar a loita do cole á rúa tamén. “Simplemente buscabamos presenza nas prazas, compartir o que estaba acontecendo para concienciarnos colectivamente. Ás veces parece coma se nos pequenos lugares faltase facerse máis visible nas rúas, compartir as problemáticas e discutir posicións, aínda que non esteamos de acordo uns con outros. Enriquecer a esfera pública, saír da zona de confort do diálogo encerrado nas paredes do ámbito privado”, explica Bella.

”Todo está conectado. O pequeno é grande. O local é global e o global local. O clima é un problema e unha responsabilidade de todos, individual e colectiva. Necesitamos sensibilidade e educación de todoa a cidadanía. Necesitamos informarnos e compartir propósitos e incertidumes, apunta”

A comunidade ecosocial corcubionesa ficou contenta ante a explosión de actividades arredor do clima en pequenos puntos da Costa da Morte, ante a ausencia de voz popular unida na zona.

Pola tardiña, Boca de Sapo e a ANPA do CEIP corcubionés, levaron á proxección á rúa, cun aroma de improvisación que demostra que a cidadanía, cando quere, pode con calquera cousa. “Anoitece e as imaxes son un altofalante do mundo”, e tamén da Costa da Morte” porque incorporaron á proxección as tomadas esa mesma mañá nas movilizaciones do Colexio de Corcubión e da Praza de Cee. “Todos conectados, todos un polo clima”.

Estudantes, veciños e membros de Boca de Sapo compartiron as súas inquedanzas durante un rato ante a mirada daqueles menos interesados pero que tamén levaron algo nas súas retinas para casa. Para a seguinte loita.

NOVAS RELACIONADAS

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios