Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Santa Comba recibe un camión motobomba para previr e loitar contra os incendios

Santa Comba recibe un camión motobomba para previr e loitar contra os incendios
santa-comba-motobomba O delegado provincial da Xunta de Galicia - Ovidio Rodeiro - fixo onte a entrega do vehículo nun acto ao que asistiu a alcaldesa de Santa Comba O concello de Santa Comba conta dende onte cun novo camión motobomba para destinalo, prioritariamente, á realización de traballos relacionados coa prevención e loita contra os incendios forestais. O delegado provincial da Xunta de Galicia - Ovidio Rodeiro Tato - entregoulle o vehículo onte nun acto no que estiveron presentes a alcaldesa de Santa Comba - María José Pose - ademais de profesionais do distrito V de Fisterra, membros Protección Civil e concelleiros do goberno municipal. O vehículo é unha URO todoterreo con tracción permanente 4X4, que ten unha capacidade para 4.000 litros de auga, impulsados por unha bomba combinada Godiva. A motobomba tamén está dotada con todo o material necesario para o seu uso inmediato, como mangueiras, lanzas, racores e redutoras, así como unha emisora dixital Tetra. motobomba-santa-comba O novo vehículo ten unha capacidade de 4.000 litros de auga ademais de diverso material para loitar contra os incendios O delegado territorial agradeceu á alcaldesa de Santa Comba “a implicación e o esforzo que fai o concello de Santa Comba na loita contra os incendios forestais, xa que é un dos poucos municipios que conta con dúas brigadas propias financiadas pola Xunta, ás que agora se suma esta motobomba”. Ovidio Rodeiro tamén destacou que a administración autonómica e o concello colaboran no desbroce de 110 hectáreas de terreo como medida de prevención dos incendios. Ademais dos medios municipais, en Santa Comba tamén conta de xullo a outubro no heliporto da Lomba co despregue dun helicóptero de extinción de incendios de tipo medio, biturbina, que conta cunha brigada helitransportada de dez persoas e está dotado dun helibalde para lanzamento de auga de ata 1.500 litros de capacidade.

Dous novos incendios

Xusto a pasada tarde de luns producíanse dous incendios en sendos transformadores eléctricos de Santa Comba, na contorna da canteira de Varilongo, en Santa Sabiña. Os efectivos de emerxencias (Bombeiros de Santa Comba, a Protección Civil e á Garda Civil) traballaron dende as 18:00h na súa extinción. Tamén se avisou á empresa responsable da subministración eléctrica. A compañía xa procedeu ao corte da liña para que os membros de emerxencias poidan traballar na zona con seguridade.

  Novas relacionadas Fonte

Comentarios