Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Asoar – Armega defendeu a Pesca Artesanal en Bruxelas

A Asoar – Armega defendeu a Pesca Artesanal en Bruxelas
Xa apuntábamos a semana pasada a importancia de que unha entidade da Costa da Morte chegase ata o Parlamento Europeo. Facíamolo repasando todas as súas actuacións no mundo do mar que avalan a devandita entidade, e que demostran que se chegan a onde están, é a base de traballo e de bo para facer para o sector, para a pesca artesanal. Pero é que a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia, Asoar – Armega (ASOAR_ARMEGA), foi a Bruxelas cun documento baixo o brazo, e co respaldo da entidade mundial Greenpeace, que fai referencia á Asoar dende o seu blog. Un documento que presentou no último debate da Unión Europea sobre Política Pesqueira Común, e que representaba a milleiros de mariñeiros de baixura de toda a Costa da Morte, de toda Galicia, de toda a península e de toda a Europa. Un documento feito na costa que propón unha “alternativa real, sostible, racional e de desenvolvemento para a pesca costeira artesanal”. Nel proponen un novo enfoque para esta flota, apostando por revalorizar e favorecer este tipo de actividade pesqueira tendo en conta os diversos factores e características específicas que fan que a pesca artesanal poida alcanzar un desenvolvemento sostible.

“Outro futuro para as pesqueiras”

Así se titulaban as xornadas que se celebradan o 16 de novembro en Bruxelas, que presidía a Comisaria de Pesca, María Damanaki. A Comisaria comezou a exposición avisando da sobreexplotación mundial no mar. Nesa liña, o sector artesanal pensa en ecoloxismo, pensa en medio ambiente. Pois mentres a altura é devastación, na pesca artesanal “O medio ambiente é a economía”, como asegurou a Comisaria. “Creo que o único xeito san para lograr o cambio que necesitamos é a través da innovación e o crecemento intelixente – precisamente como se propón na Estratexia UE 2020”, afirmou.

Loitando pola pesca artesanal

Asoar Armega considera necesario facer unha distinción clara e concreta, entre pesca de altura e de baixura, ademais dun tratamento específico para a pesca artesanal, contemplando liñas de axuda e financiamento específicas de maior importancia que as actuais para a pesca de baixura-artesanal e as zonas costeiras. O equipo da Asoar Armega, formado por Yolanda Lista Periscal e Luis Rodríguez (este aquí enriba escoitando a conferencia, e ambos á dereita na primeira foto), puido compartir experiencias nun encontro con pescadores artesanais gregos, suecos, franceses, italianos, ademais de diversas organizacións ambientais como Greenpeace, Ocean2012, Ecoloxistas en Acción entre outras, atopando moitos puntos e liñas de traballo en común entre organizacións de diferentes países, axuntando esforzos para situar á pesca costeira artesanal no marco adecuado dentro da Política Pesqueira Común.

Novas relacionadas

Seguridade no mar

Limpando as nosas rías

Divulgación e dignificación no mar

Estudios da ASOAR

Fonte

Comentarios