Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Deputación abre o prazo para a solicitude de axudas destinadas a asociacións agrarias e confrarías de pescadores

A Deputación abre o prazo para a solicitude de axudas destinadas a asociacións agrarias e confrarías de pescadores
A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia de onte a convocatoria de seis liñas de subvencións, dotadas cun orzamento global de 1.735.000 euros e destinadas a apoiar ás confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadoras, asociacións agrarias e labregas e entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 21 de abril e toda a tramitación pode realizarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña. Axudas a confrarías A Deputación destinará este ano 482.000 euros a apoiar ás confrarías de pescadores coruñesas mediante dúas liñas de subvencións que financian actividades e investimentos. No apartado de actividades, os pósitos poden optara axudas de entre 600 e 30.000 euros para a contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, compra de material non inventariable - consumibles, material de oficina, embalaxes… -, realización de cursos ou proxectos de investigación relacionados coa acuicultura ou a mellora da explotación comercial da pesca. Na liña de investimentos, as confrarías e agrupacións de mariscadoras coruñesas poden optar a axudas provinciais para o equipamento e explotación do frío industrial en lonxas, aplicación de novas técnicas que modernicen o proceso produtivo e a comercialización de produtos do mar, modernización do equipamento das oficinas ou adquisición de vehículos para mellorar a comercialización ou a vixilancia. Entidades agrarias A área de Promoción Económica da Deputación da Coruña destina tamén 403.000 euros para apoiar ás entidades agrarias, labregas e forestais da provincia nas súas actividades e investimentos con dúas liñas de subvencións que contan con orzamentos de 285.000 € e 118.000 €, respectivamente. Entre as actividades e investimentos susceptibles de ser subvencionadas pola Deputación, as bases inclúen as accións tendentes á recuperación e posta en valor dos produtos agrogandeiros locais, o asesoramento e formación para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica ou mellora da calidade xenética, o fomento do uso das novas tecnoloxías e as enerxías renovables, ou os proxectos orientados ao aproveitamento forestal e á prevención de incendios. Construción de peches, acondicionamento de locais, adquisición de equipos e programas informáticos, accións de repoboación forestal, campañas de desbroce, implantación e acondicionamento de novos cultivos ou proxectos de modernización de instalacións agropecuarias son algunhas das accións que a Deputación poderá cofinanciar coas entidades que se acollan a estas axudas. Promoción económica As dúas últimas liñas de axudas convocadas onte están destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña que desenvolvan acción de promoción económica e contan cun orzamento global de 850.000 euros, dos que 500.000 € destinaranse a investimentos e 350.000 € a actividades. Este programa busca financiar, con achegas que irán entre os 600 e os 24.000 euros, accións tendentes ao desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e á hostalaría entre as que se contan a organización de eventos (congresos, exposicións, festas de interese turístico, feiras de artesanía, festas de exaltación de produtos gastronómicos típicos da zona), actividades de dinamización e apoio do comercio local, actividades que teñan como obxecto a recuperación de núcleos rurais, recuperación de oficios tradicionais de carácter artesán, etc. No apartado de investimentos, as axudas da Deputación estarán orientadas á reforma e mellora dos locais sociais da entidades, implantación de internet no rural, adquisición de material informático e outros equipamentos tecnolóxicos como os TPV para á adaptación ás obrigas de facturación, mellora das instalacións eléctricas ou creación e desenvolvemento de páxinas web e aplicacións para móbiles. Novas relacionadas Fonte

Comentarios