Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Deputación aposta pola coordinación das distintas administracións na xestión dos Camiños

A Deputación aposta pola coordinación das distintas administracións na xestión dos Camiños
deputacion-fairway O deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou onte no Fórum do Fairway que se celebra ata hoxe en Santiago A Deputación defende na súa actuación unha coordinación coas diversas administracións, en especial coa propia Xunta e os concellos, para unha máis eficaz xestión dos Camiños, segundo sinalou Xosé Regueira, o deputado responsábel de Turismo, no marco do Fórum do Fairway que se desenvolve até hoxe en Santiago de Compostela. Entre as accións que desenvolve a propia Deputación da Coruña, Regueira fixo fincapé nas iniciativas de mellora do Camiño Inglés como a sinalización e dixitalización cos códigos QR, a difusión en Fitur ou a edición de material divulgativo ademais da sensibilización local.

Pola súa parte, o deputado Antonio Leira defendeu a promoción do Camiño Inglés como unha das apostas estratéxicas da institución provincial.  

 

Alentou Xosé Regueira na súa participación en Fairway, á necesidade do debate e reflexión que se están a producir nese propio foro para analizar as accións que se están a levar a cabo e valorar se son as máis acaídas non só para o presente senón tamén para o futuro das rutas. Neste sentido, Regueira, deputado de Turismo mais tamén de Patrimonio Histórico, avogou pola necesaria protección do patrimonio que hai nos Camiños co cal, desde a área de Turismo, procúrase que a actuación non produza un deterioro no rico patrimonio que existe arredor das rutas que teñen Santiago como destino.  

“A xestión pública coordinada non só é posíbel senón que ten que selo a pesares das dificultades. Temos obriga de distribuír os fondos de maneira correcta cun esforzo común para mellorar os nosos Camiños”, dixo Regueira na primeira das intervencións que ten no programa de Fairway.

 

cmat-fairway A Costa da Morte Asociación Turística ten o seu propio stand na Feira Fairway 2017

Aposta polo Camiño Inglés

 Pola súa banda, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, que participou na sesión de tarde no Fórum, indicou que o Camiño Inglés, a única ruta xacobea que discorre íntegramente pola provincia coruñesa xunto co Camiño Muxía-Fisterra, está a ser unha das apostas estratéxicas do goberno provincial en materia de turismo.

 Leira destacou as distintas accións de promoción levadas a cabo nestes dous últimos anos que incluíron a sinalización da ruta con códigos QR e a reunión por vez primeira dos dezaoito concellos coruñeses que conforman o Camiño Inglés nun evento celebrado en Betanzos que o goberno provincial agarda repetir debido ao éxito da súa primeira convocatoria.

 O deputado sinalou a importancia histórica do Camiño Inglés e os seus vínculos europeos e anunciou que nos vindeiros días o stand da Deputación en Fairway continuará realizando eventos e accións de promoción desta ruta.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios