Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Deputación mellora a seguridade viaria en máis de 76 quilómetros das estradas da Costa da Morte

A Deputación mellora a seguridade viaria en máis de 76 quilómetros das estradas da Costa da Morte
sinalizacion-ciclistas No plan de mellora inclúense a instalación de sinais para advertir da presenza habitual de ciclistas Máis de 76 quilómetros 3 estradas de titularidade provincial da Costa da Morte contarán a partir das vindeiras semanas cunha nova sinalización específica para advertir aos condutores da presenza frecuente de ciclistas na vía e lembrarlles a obrigatoriedade de deixar 1,5 metros nos adiantamentos. A sede da Deputación da Coruña acolleu onte a sinatura do contrato deste plan de seguridade ciclista, adxudicado á empresa Díez e Cía. por importe de 101.359,28 euros. O plan, que se extende a toda a provincia, afecta a 630 quilómetros de 57 estradas de titularidade provincial. O Goberno provincial que preside Valentín González Formoso explicou que o plan permitirá mellorar a seguridade dos ciclistas en preto do 30% dos 2.100 quilómetros cos que conta a rede de estradas dependente da Deputación da Coruña. Para a selección dos tramos nos que se implementa este novo plan de seguridade cicilista, o departamento de Vías e Obras da Deputación recolleu as propostas e datos da Dirección Xeral de Tráfico, a Federación Galega de Ciclismo e a Asociación de Ciclistas Crunia. Así, as estradas foron seleccionadas en función do volume de ciclistas que rexistran, prorizando as que teñen maior intensidade de tráfico ciclista da provincia. No caso da Costa da Morte trátase dos treitos de Carballo a Portomouro (29,46 km), de Malpica a Ponteceso (12,6 km) e da Serra de Outes a Dumbría (34,51 km). O plan de mellora da seguridade ciclista contará con dúas liñas de acción complementarias. A primeira delas consistirá na instalación de novas sinais para advertir da presenza habitual de ciclistas no tramo e informar das medidas de seguridade en 410,6 quilómetros de 40 estradas. Doutra banda, completarase a sinalización xa existente en 220 quilómetros de 17 estradas, complementando así a campaña “Ponle Freno”, na que participou a Deputación hai algúns anos. En total, colocaranse 86 grandes paneis e 286 sinais triangulares. Os paneis terán unhas dimensións de 1,2 x 1,8 metros e ubicaranse en ambos sentidos do vial, ao principio e ao final de cada tramo. Neles, advertirase sobre a obrigatoriedade de deixar 1,5 metros de distancia nos adiantamentos entre automóbiles e ciclistas e se especificará o número de quilómetros do tramo no que é frecuente atopar bicicletas. As sinais triangulares ubicaranse cada dous ou tres quilómetros para lembrar aos condutores a presenza frecuente de ciclistas na estrada. Fomento do ciclismo O presidente da Deputación, Valentín González Formoso inscribiu o plan de seguridade viaria na aposta da Deputación polo ciclismo, e puxo como exemplo a Rede Ciclista Metropolitana, na que a institución inviste 3,6 millóns de euros para conectar Arteixo, Oleiros, A Coruña, Cambre e Culleredo mediante un carril de 78 quilómetros de lonxitude. Formoso lembrou tamén que a Deputación financia con 40.000€ a redacción do proxecto da Vía Verde Santiago – Cerceda, que permitirá percorrer a pé ou en bicicleta 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do tren nos concellos de Santiago, Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda. “Con ambos proxectos pretendemos poñer en valor un modelo de transporte sostible”, afirmou González Formoso e engadiu que a Vía Verde será un elemento dinamizador do turismo e facilitará a conexión dos núcleos rurais dos cinco concellos. Listado de estradas da Costa da Morte incluídas no plan de mellora da seguridade ciclista
Estradas con nova sinalización 
CÓDIGO NOME LONX PLAT CALZ RED
DP1914 CARBALLO A PORTOMOURO 29,46 12 12 4
DP4307 MALPICA A PONTECESO 12,6 11 6,5 1
DP3404 SERRA DE OUTES A DUMBRÍA 34,51 16 7 4
  Fonte      

Comentarios