Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A oposición afía as listas en Coristanco

A oposición afía as listas en Coristanco
Inauguracion do Local Social de TEGA Coristanco

Fin de semana político en Coristanco. BNG e Tega presentaban as listas para este curso 2015. Xa presentara o BNG a súa cara máis visible, pero esta fin de semana tocaba dar os nomes que completan a lista.

Pero comezamos polo grupo de Terra Galega, que inauguraba local coa asistencia de numeroso público. O acto contou coa presenza de Manuel Andrade Cristobal, que resaltou o papel do partido na comarca de Bergantiños, Soneira e Xallas. En canto ao candidato Amancio Lavandeira fixo un balance da situación política de Coristanco, resaltando os derradeiros acontecementos en temas de “corrupción, así como a suba de impostos inxustificados, e o descontrol económico que ten o concello”. Un Lavandeira que pretende que o local sexa “un punto de encontro entre a formación centrista e os veciños de Coristanco”. Ademais, o grupo aproveitou a data para facer entrega do número 7 do seu Boletín informativo, con numerosos recortes de prensa onde o Concello de Coristanco é protagonista en clave negativa.

O BNG presentou a lista e acusa de mentir ao alcalde no seu último “pelotazo urbanístico”

Acto do BNG de Coristanco

Estivo ateigada a presentación da lista no Café Bar O Noso Sitio de Cereo. Ademais de presentar unha lista renovada, houbo tempo para a nostalxia co reencontro de Henrique Xosé Serra, quen fora o primeiro candidato e concelleiro do BNG en Coristanco e Laura M. Taibo, a actual portavoz municipal e candidata á alcaldía nas eleccións deste 24 de maio. Unha Laura que lembrou as ideas principais do partido: "recuperar a democracia e a participación veciñal", e "recuperar a verdade".

Laura Marino con Herique Serra presente e pasado do BNG de Coristanco

O BNG presentou un equipo ao que se incorporan 7 caras novas con respecto á candidatura do 2011, e que conta cun importante grupo de xente nova (o 25% da candidatura ten menos de 25 anos), e a candidata é a máis nova das que optan á alcaldía. A candidatura do BNG-Asembleas Abertas para as eleccións municipais en Coristanco será a seguinte:

  • 1. Laura Mariño Taibo. Actual portavoz do BNG.
  • 2. Vítor Recarei Añón. Exresponsábel comarcal do BNG.
  • 3. Margarita Torreira Pérez. (Traba). Modista.
  • 4. José Antonio Andrade Figueiras. (Seavia). Avogado, escritor e membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns.
  • 5. Beatriz de Ramón Rodríguez. (Couso). Enfermeira.
  • 6. Hadrián Canosa Rodríguez. (Erbecedo). Membro do Comité de Empresa de Nostián.
  • 7. Fina Bastón Osinde (Rececinde). Profesora, exconcelleira do BNG.
  • 8. Manuel Antón Pastoriza Suárez. (A Agualada). Médico.
  • 9. Mónica Martínez Porteiro (Seavia). Estudante de Química, responsable local do BNG de Coristanco e exresponsable de Organización dos Comités Abertos de Estudantes.
  • 10. David Soutullo Trigo (San Paio). Estudante de Turismo.
  • 11. Sabela Sánchez Rial (Xaviña). Traballadora do comercio.
  • 12. Marcos Barca Rabuñal (San Paio). Comercial.
  • 13. Leonardo José Facal Amado (A Agualada). Psicólogo e comercial.
Os 7 primeiros da lista do BNG de Coristanco

Novas acusacións

Aproveitou o BNG para falar do que entende como “último pelotazo urbanístico” do alcalde. Refírese o BNG á compra do Concello, con subvención de 198.000€ da Deputación, duns terreo no núcleo de Traba. Unha compra que segundo o BNG se fixo “con numerosos informes legais en contra, e nun proceso que carece dos máis elementais requirimentos de transparencia”. Lamenta o BNG que a veciñanza non saiba “nin o plan de actuación previsto nin hai ningún tipo de previsión sobre canto custará a posta en funcionamento”.

E acusa ao alcalde de mentir ao dicir que “o núcleo de Traba carece na actualidade de ningunha praza pública. Ademais de ser mentira, resulta curioso que o alcalde subscriba semellante afirmación cando aínda hai apenas un par de semanas que anunciaba con total pompa e boato a inauguración dun parque infantil no núcleo de Traba, precisamente na praza que está situada detrás do tanatorio, a escasos 200 metros da Casa do Concello”.

Novas sobre as Eleccións Municipais

Novas sobre as Eleccións Xerais

Máis novas políticas

Fonte

Comentarios