Luns. 16.09.2019
El tiempo

A veciñanza de Carballo doou 54 toneladas de roupa usada en 2014

A veciñanza de Carballo doou 54 toneladas de roupa usada en 2014
ONG Humana recollendo roupa

Xa vimos á ONG Equus Zebra reciclando roupa en varios concellos da bisbarra. Hoxe coñecemos a actividade doutra entidade solidaria, a ONDG Humana, que nos amosa os datos de recollida de roupa usada no municipio durante o ano 2014, con máis de 54 toneladas recolectadas nos 13 contedores da entidade en todo o municipio.

A recollida amosa a sensibilización cidadá en materia de reutilización e reciclaxe. “Estamos moi contentos cos resultados deste ano. As veciñas e veciños amosan coa reciclaxe téxtil o seu compromiso co medio ambiente, coa loita contra o cambio climático e cos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de Axuda Social que levamos a cabo”, apunta Darío Gómez, responsábel de Humana en Galicia.

Carballo sae beneficiado de todas maneiras ademais. É un servizo gratuíto para o municipio e significa un aforro importante nos gastos de xestión da recollida e a eliminación dos residuos urbanos. En agradecemento, Humana realizou unha aportación de 3.000 euros ao departamento de Servizos Sociais do Concello.

Redución das emisións

A reutilización e a reciclaxe téxtil contribúen á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos xerados pola cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para a súa incineración (cada quilo de roupa que se reutiliza e non se incinera evita a emisión de 3,169 quilogramos de CO2, segundo datos da Comisión Europea). É un servizo gratuíto para o municipio e significa un aforro importante nos gastos de xestión da recollida e a eliminación dos residuos urbanos.
Alén disto, calquera persoa pode cuantificar a súa aportación ao medio ambiente ao depositar unha bolsa de roupa usada nun contedor, a través da calculadora da entidade Aeress, unha ferramenta que permite introducir o número de prendas a reutilizar e a súa tradución en emisións de CO2 evitadas.

Reutilización, reciclaxe e CDR

As prendas depositadas nos contedores de Humana en España teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación que a Fundación ten en L’Ametlla del Vallès (Barcelona), Leganés (Madrid) e Valderrubio (Granada) e o resto véndese a empresas de reciclaxe. As prendas que son enviadas a algunha das tres plantas distribúense do seguinte xeito:

  • Un 13% da roupa clasificada destínase ás 32 tendas de segunda man que Humana ten en España.
  • Un 50% das prendas clasificadas envíase a África para a súa venda a presos baixos a comerciantes locais co fin de satisfacer a demandas destes países, impulsar a actividade económica local e xerar recursos para o desenvolvemento.
  • Ao redor dun 30% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil.
  • O 7% restante é material inservíbel e destínase á produción de Combustíbel Derivado de Residuos (CDR).

Humana

Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reciclaxe e a reutilización téxtil e que leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, así como de Axuda Social en España.

Na delegación de Galicia, Humana dispón de 331 contedores que o ano pasado recolleron 1.983 toneladas de téxtil usado. En España a Fundación conta con 5.200 contedores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa.

Xunto co aspecto medioambiental, a xestión do téxtil usado é un destacado motor de desenvolvemento. Por unha banda coma xerador de emprego en España: a Fundación conta na actualidade con 450 empregados (é dicir, Humana crea un emprego indefinido a tempo completo por cada 40.000 quilos de roupa recollida). E pola outra, porque os recursos obtidos coa xestión do téxtil fan posíbeis os programas de axuda social e sensibilización en España e de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Carballo.

Comentarios