Martes. 30.11.2021
El tiempo

A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta

A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta
Pedra Moura de Carnio hai uns anos e na actualidade-Fotos-XMLS Desde 1999 os sucesivos gobernos da Xunta de Galicia levan anunciando de lexislatura en lexislatura a inminente posta en funcionamento do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, pero o certo é que o único que fixeron –dúas veces, por se non abondase unha- foi declarar Ben de Interese Cultural (BIC), ademais do arquifamoso dolmen de Dombate, outras 14 antas pertencentes ós concellos de Carballo (Aldemunde), Malpica (Pedra da Arca de Cerqueda), Laxe (A Fornela do Aplazaduiro), Zas (Pedra Moura de Pedra Vixía e a Arca da Piosa), Vimianzo (Pedra CubertaPedra Moura de Carnio, Pedra da Lebre de Serramo, Arca do Rabós de Baíñas, Arca de Vilaseco, Casota de Freán de Berdoias, a Mina de Recesindes de Carantoña e a Pedra da Arca de Regoelle –esta compartida con Dumbría-) e Mazaricos (A Mina da Parxubeira). E aí quedaron, a velas vir, sen ningunha outra protección noin coidado; tanto foi así que non hai moitos meses saltou á prensa o deterioramento dun destes BIC (a Arca de Vilaseco) por parte dun tractor.

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo, prometido de elección en elección

Desde a Dirección de Patrimonio da Xunta acabaron botándolle a culpa ó propietario do monte, que pode tela, pero a persoa responsable de tal Dirección Xeral tena aínda máis, máxime se se pensa que practican o “laiissez-faire” (ou, peor aínda, “il dolce far niente”) pola posta en valor da riqueza dolménica da Costa da Morte. E deste xeito seguiremos perdendo un dos nosos mellores atractivos turísticos, pero xa non estraña a ninguén pois para a Costa da Morte –a zona marítima máis deprimida de Galicia, malia o seu potencial monumental e paisaxístico- o Goberno galego só parece ter unha resposta negativa xeneralizada. Non ó Parque do Megalitismo, non á posta en valor do Penedos de Pasarela e de Traba, non á declaración do monte Pindo como parque natural… O dolmen de Dombate pasou case vinte anos –os do goberno de Fraga, casualmente- agochado por unha burda lona de plástico (“o burka de Dombate”, chegou a chamárselle). Agora, unha  vez que hai uns anos se puxeron de acordo os técnicos da Deputación da Coruña e da Xunta, xa goza de protección e ten un centro de recepción á altura de calquera país europeo. Por fin se fixo algo decente, ¡pero hai que ver os anos que botaron para se poñeren de acordo: polo menos vinte! Algo e algo, e ben que se nota na economía da zona, como o testemuña o alto número de visitantes que recibe anualmente. Pero Dombate, a chamada “catedral” das antas galegas, non debe escurecer o resto dos “templos” da súa redonda, que nalgún caso ten a mesma categoría: caso de Pedra Cuberta e da Pedra da Arce de Regoelle, estudadas en 1933 polos arqueólogos alemáns Georg e Dora Leissner. Dombate acadou sona por unha poesía de Pondal, pero a Arca da Piosa tamén mereceu a atención do bardo bergantiñán, pois nela situou a tumba dun gran guerreiro celta, “o valente Brandomil”. Pedra Cuberta hai uns anos e na actualidade-Foto-XMLS

De ano en ano pérdense moitos ingresos en turismo cultural e paisaxístico pola desidia da Xunta

Arqueólogos da categoría de José Mª Bello, Antón Rodríguez Casal ou Manuel Lestón, por citar só algúns dos galegos, traballaron arreo polos megálitos da Costa da Morte. Antes fixérano os alemáns Georg e Vera Leisner (anos trinta), a irlandesa Elisabeth Shee (anos setenta), entre outros. No Seminario de Estudos da Costa da Morte publicamos guías en galego, castelán e francés, e mais un documental. O noso megalitismo é coñecido de sobra polos arqueólogos de toda Europa, pero a Consellería de Cultura parece dalo a esquecemento incumprindo a obriga que ten de poñer en valor eses monumentos tan pomposamente declarados BIC: hai que restaurar as antas que teñen as tampas e lousas desprazadas, limpar as zonas de monte onde se atopan, facilitar os accesos…, e tamén abrir un centro de recepción axeitado. O investimento, desde logo, vai ser máis ben modesto, pois non require a construción de ningún macroedificio nin nada semellante. A Arca da Piosa hai uns anos limpa e na actualidade_Foto-XMLS

¿Para que serviu que se declarasen BIC catorce antas da Costa da Morte?

Por pouco que un viaxe verá que noutros lugares se lles presta a estes monumentos das “grandes pedras” de hai máis de 5.000 anos un coidado que non vemos en Galicia. Nas fotos que se adxuntan vese o estado deplorable de tres destes BIC: Pedra Cuberta, a de acceso máis doado, con agún piñeiro caído sobre el; a Pedra Moura de Carnio hai que adiviñala, pois está totalmente oculta pola herba alta do herbal onde se atopa. E a Arca da Piosa, a mítica tumba do Brandomil pondaliano, rodeado de toxos grosos e altos medrados na súa mámoa que xa non deixan ver as súas dúas ciclópeas tampas de 6 toneladas cada unha. Aquí a única entidade que cumpriu co seu cometido foi a empresa madeireira que explota o monte de Muíño (Zas), que se comprometeu a non plantar nin piñeiros nin eucaliptos nunha ampla área circundante para non danar a mámoa e así o fixo. Para que logo critiquen a falta de colaboración dos particulares. Hoxe xa non se aprecia a forma semicircular da mamoa da Arca da Piosa 4-7-15-Foto-XMLS

¿Non haberá ningún dirixente político galego que teña viaxado pola Europa atlántica?

En fin: hai pouco o xornal La Voz de Galicia (edición de Carballo) dedicáballe unha páxina enteira ó estado do patrimonio megalítico da Costa da Morte: “El patrimonio megalítico de la zona está abandonado entre la maleza. La mayoría de los dólmenes están desprotegidos y mal señalizados” (15-07-2015). A reportaxe, da autoría de Andrea Anido, X.A. e Clara López, tamén recollía declaracións de visitantes que deberían facer reflexionar ós responsables da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pero un, xa acaba perdendo toda esperanza de que nas Administracións haxa dirixentes cun mínimo de sensibilidade. ¿Non farán alguna viaxe cultural por alguna outra “fisterra” atlántica de Europa como Bretaña, Cornualles, Gales ou Irlanda para ver como alí estas “grandes pedras” constitúen un dos máximos activos da súa economía? A un caeríalle a cara de vergonza se sabe que turistas de todas as nacionalidades veñen ver os monumentos da Ruta dos Dólmens da Costa da Morte e os atopan no estado que se amosan nas fotos. Unha visitante madrileña estrañábase na reportaxe citada da “falta de impulso de la cultura megalítica como atractivo turístico”. Calquera o ve! Neste tempo de crise en que moitos mozos e mozas da Costa da Morte (e de Galicia) emprenderon o camiño da emigración, ¿como non se pon dunha vez por todas en valor este potencial cultural? Polo “non” por sistema, pola falta de formación ou pola simple nugalla de quen nos goberna; así de claro. O investimento no Parque do Megalitismo da Costa da Morte estamos convencidos de que sería do máis barato: abondaría con delimitar a área dos monumentos, procurar unha limpeza mínima, acondicionar os accesos e zonas de aparcamento de vehículos (alí onde se poida chegar con coche), habilitar un centro de recepción decente e pouco máis. O resto (guías, documentais…) en boa parte xa llelo demos feito. Agora hai un conselleiro de Cultura –Román Rodríguez- que é profesor de Xeografía na USC. Debería ser máis sensible cós anteriores ó patrimonio artístico, monumental e paisaxístico, pero por experiencias anteriores temos certeza de que vai facer o mesmo cós anteriores: “rien de rien”, nada de nada. Poñemos a man no lume. O Gaiás importa máis.

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Novas sobre Lema Suárez

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

  • Artigo de Xosé María Lema Suárez publicado na edición en papel do Sermos Galiza.

comentarios