Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra

A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra
Viaxe Seminario Estudos Galegos a Fisterra-1936 1 Hai uns meses Grial, Revista Galega de Cultura, 207 (xullo, agosto, setembro do 2015), centrou o corpo dese volume na publicación de varios artigos e documentos baixo o título común «Construír Galicia. No centenario de Xaime Isla Couto». No último artigo da serie, o historiador Xosé Luís Pastoriza Rozas, que coordinou esta sección, exhuma «Dous documentos de Xaime Isla», e nós imos referenciar o primeiro por se centrar nunha visita do Seminario de Estudos Galegos á Costa da Morte. Pastoriza Rozas escribe como preámbulo: «Na primeira quincena de xullo de 1936, Xaime Isla participa como alumno bolseiro do Seminario de Estudos Galegos na xeira de Fisterra, encadrado na sección de Xeografía dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Os días 9, 10 e 15 de xullo El Pueblo Gallego de Vigo publica tres das catro crónicas enviadas desde a Costa da Morte por un Xaime Isla que se define como un "pioneer" do xornalismo. O golpe de estado do 18 de xullo sorprende o equipo do Seminario en Fisterra, onde a intervención do crego do grupo, Xesús Carro, evita que un grupo de falanxistas tome medidas de forza contra eles. Por mor do levantamento militar, unha cuarta crónica enviada a Vigo ficaría sen publicar e perdida para sempre. A partir de agosto El Pueblo Gallego converterase no diario da Falanxe de Vigo». Pastoriza Rozas recupera esa inédita crónica de Xaime Isla Couto co título «O Seminario de Estudos Galegos en Fisterra», que ocupa seis páxinas do Grial. O autor principia por detallar quen fai parte da expedición, entre os que están á fronte Otero Pedrayo, presidente da entidade, coa súa sección de Xeografía; Parga Pondal á fronte da Xeoquímica; Carro e Filgueira Valverde na de Arte e Arqueoloxía; Vicente Risco na de Etnografía e Folklore ou Luís Iglesias, na de Ciencias, entre outros, que enchen o ómnibus tamén con numeroso material para o estudo e a investigación. A viaxe atravesa as terras de Negreira, Barcala e A Baña, antes de entar en Terras de Zas e de Soneiras (sic), no que eles denominan terra de Xallas. A primeira estación vai ser a ponte Arantón e a Arca de Ougas (sic), pois «Eiquí -ergueito castro de forteza racial- está o repouso eterno de Breogán, conductor dos pobos célticos». Fan pausa en Vimianzo para poñer ritmo no apetito e pola noite chegan a Cee, hospedándose no «Nuevo H. París», hoxe desaparecido. A primeira xornada é unha saída a Fisterra, onde os equipos de cada sección se poñen a traballar en cadansúa investigación, que Xaime Isla Couto describe case ao miúdo. E conta tamén a visita que lle fan ao erudito local, o médico Esmorís Recamán, que os vela até o val de Duio («Duyo, a Babilonia galega»), percorrendo os lugares, Denle, Escaselas..., e falando de Duguin (sic), cidade prehistórica asolagada, ao que seguirá un xantar campestre fronte ás batentes do océano. E regresan ao Gran Hotel París, sinala Illa Couto con retranca, de Cee a cearen e descansaren, alén de transcribiren apuntamentos da xornada de estudo. Ao día seguinte visitan A Pereiriña, tiran fotos, filman películas documentais e entrevistan a dúas mulleres moi velliñas, antes de viaxaren cara a ría de Lires e o río Castro, tomando o café na casa do señor Vinagre, o cura da parroquia. Até aquí o documento está en galego e a derradeira páxina está en castelán, principiando por relatar unha «Exploración del monte Pindo»: «Mientras que los miembros de la sección de Psicotecnia trabajaban en las escuelas de Ameixenda y Brens, los miembros de las demás secciones escalaron el Monte Pindo. Los resultados de esta difícil exploración no fueron tan completos como sería de esperar porque el temporal del miércoles sorprendió a los miembros del Seminario en los picos de Penafiel y les obligó a suspender sus trabajos. Sin embargo, la exploración ha tenido un gran interés y el monte Pindo justificaría hoy por sí solo una campaña de investigaciones». Novamente regresan a Cee e son agasallados cun concerto da Coral Polifónica no «magnífico colegio de la Fundación Blanco (sic)». A mañá do xoves dedicárona integramente á vila de Corcubión e á tarde, pasando por Dumbría visitaron o pazo de Berdeogas e o Castrelo de Villaseco (sic), para logo de se deter en San Isidro de Quintán (sic) seguir cara a Muxía, por Ozón e Moraime, cuxas igrexas tamén son estudadas: «Moraime, tan lleno de problemas, y tan necesitado de que una restauración lo incorpore al número de los monumentos gallegos que han sido devueltos en estos últimos tiempos a todo su esplendor primitivo». Fan noite en Muxía e ao día seguinte rematan a xeira nos momumentos da vila e no santuario da Barca «la piedra 'abaló' aquel día», na igrexa parroquial e, xa de volta, novamente en Moraime. Até aquí a deliciosa crónica inédita que Xaime Isla Couto realizou da xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 á comarca de Fisterra. Viaxe Seminario Estudos Galegos a Fisterra-1936 3
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios